Baltar reaparece para advertir de que "non marcha" tras afirmar Rueda que tamén deixará o liderado do PP de Ourense

Baltar saúda a Rueda no acto de inauguración das instalacións de Cofares en San Cibrao das Viñas, o pasado 23 de xuño © Deputación de Ourense

O pasado día 14 Galicia vivía unha xornada política que é posible adxectivar como histórica. En pleno estoupido da crise de goberno na Xunta provocada por Alberto Núñez Feijóo para levar consigo nas listas do PP ás eleccións xerais a Francisco Conde e Rosa Quintana, ata daquela vicepresidente económico e conselleira do Mar, José Manuel Baltar anunciaba que non ía repetir como aspirante á presidencia da Deputación de Ourense. 

A dinastía ourensá daba un primeiro sinal de declinar ao deixar de presidir a institución por primeira vez en máis de tres décadas. Máis aínda cando, ao día seguinte, o presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alfonso Rueda, daba por seguro que Baltar tamén ía renunciar a volver presidir o partido en Ourense no vindeiro congreso provincial. Isto é, ao baltarismo quedáballe menos dun ano tamén organicamente.

José Manuel Baltar, recibindo o novo alcalde de Beade, Fernando Taboada, en presenza de César Fernández, alcalde de Ribadavia e sinalado como un dos potenciais candidatos a presidir a Deputación, este 26 de xuño © Deputación de Ourense

Os acontecementos seguiron a un ritmo acelerado. O sábado, día 17, confirmábase que o PP e Democracia Ourensana volveran pactar para volverse repartir o Concello e a Deputación. Pero cunha diferenza clave a respecto de catro anos antes: o pacto con Jácome rubricárao a dirección galega do partido, non a ourensá. 

Despois de que Rueda dese por feita a súa marcha do liderado provincial do PP, Baltar advirte de tomará a decisión "cando se convoque o congreso" sobre se manterse ou non nunha función que o "apaixona"

Tras case unha semana de silencio, Baltar retomaba o día 23 a súa axenda pública como presidente da Deputación en funcións. Foi para acudir á inauguración das novas instalacións do grupo Cofares en San Cibrao das Viñas nun acto ao que tamén acudiu Rueda. Nas imaxes oficiais divulgadas pola institución provincial apareceu con claridade o presidente da Xunta, pero nas difundidas polo Goberno galego non sucedeu o mesmo con Baltar.

Tras esa reaparición, o barón ourensán volveu cubrir a súa axenda institucional e, ao tempo, concedeu unha ampla entrevista dominical ao xornal La Región da que o rotativo tirou un amplo titular a catro columnas: "Eu non marcho". No interior, entre outros aspectos, Baltar arrefriaba en boa medida o anuncio de Rueda. Ao ser cuestionado sobre se tentará "seguir presidindo o partido", remitiu a resposta a "cando se convoque o próximo congreso": "Será unha decisión que tomarei tendo en conta todas as opinións e sobre todo, aos meus máis directos colaboradores en cada concellos e en cada comarca".

Manuel Cabezas, Alfonso Rueda, José Manuel Baltar e Paula Prado na presentación da candidatura do PP para o Concello de Ourense o pasado abril © PPdeG

En calquera caso, xunto á explicación de que se dispón a "reincorporame ao meu sitio como funcionario", Baltar deixa varias advertencias. A comezar por que presidir o PP de Ourense "é unha función que me apaixona" nun contexto no que asegura ter máis "ilusión, gañas e forzas" ca "nunca". 

"Non marcho, eh! Ou sexa que cuidadito", resume o dirixente ourensán

Preguntado pola posibilidade dun rexurdimento de Centristas de Galicia -o partido que, baixo o liderado de Victorino Núñez e do seu pai, foi clave na primeira vitoria de Fraga antes de acabar integrándose no PP-, responde con hilaridade. "Habería que preguntar aos futurólogos", responde antes de afirmar que "a formación de centro dereita galeguista é o PP, en boa parte polo empuxe do PP de Ourense".

Mentres apela a que "actúen" a "democracia e o partido" para elixir a persoa que o substitúa na presidencia da Deputación -"poderiamos falar" de ata "dez" posibles "perfís", afirma-, Baltar avanza que participará activamente na campaña das eleccións xerais e desbota que o seu exceso de velocidade ao conducir un coche oficial a 215 por hora, polo que aínda está pendente de xuízo, tivese "impacto electoral". Asegura que está "absolutamente preparado para recibir fogo de todo tipo" e conclúe a entrevista para La Región cunha advertencia: "Non marcho, eh! Ou sexa que cuidadito".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.