Tras negociar tanto con populares como con socialistas, o líder de Democracia Ourensana facilitará aos primeiros a presidencia provincial, xa sen Baltar, e continuará na alcaldía da cidade
Jácome era clave en calquera das opcións políticas xurdidas do 28M para o Concello e a Deputación de Ourense, e el mesmo foi o encargado de comunicar a súa decisión a través das redes sociais dúas horas antes do pleno de constitución da corporación municipal. Tras negociar tanto co PP como co PSdeG, os primeiros foron finalmente os elixidos, de xeito que Democracia Ourensana facilitará aos populares que continúen á fronte da Deputación de Ourense, xa sen Baltar, e a cambio el seguirá como alcalde na cidade. Fanno tras acadar un acordo polo que as dúas formacións se comprometen a que nas dúas institucións goberne a forza máis votada.
Como candidato máis votado, Jácome só podía ser apartado da alcaldía cun pacto do resto de forzas políticas, PP, PSdeG e BNG. Así que a falta dese acordo, e malia que o BNG votou a favor do candidato do PSdeG, Jácome volveu recoller este sábado o bastón de mando da alcaldía de Ourense como cabeza de lista da formación máis votada o 28M. Faino coa expectativa de se dentro dunhas semanas cumprirá o seu anuncio de votar por si mesmo tamén na Deputación e facilitar alí a presidencia do PP.
Jácome chegou ás eleccións do pasado 28M con 7 edís e como terceira forza máis votada nas municipais de 2019, e malia divulgarse nas xornadas previas unhas gravacións de conversas súas nas que supostamente presume de diversas operacións económicas para manterse no poder, saíu das urnas con tres edís máis, 10, e como primeira formación da corporación, cun amplo respaldo en case todo o termo municipal. Pola contra, mentres o PP se mantivo cos mesmos 7 concelleiros, o PSdeG baixou de 9 a 6 e o BNG aumentou de 2 a 4, mentres que Ciudadanos desapareceu da Corporación municipal.
Os resultados de Jácome permitíronlle consolidarse tamén como chave para decantar a presidencia da Deputación de Ourense, que aínda tardará unhas semanas en constituírse. Nela xa non estará José Manuel Baltar, que esta semana anunciou o remate a máis de tres décadas de dominio da súa familia sobre a institución.
"O partido de Ourense non se xoga en Ourense, xógase en Santiago na Xunta de Galicia e en Madrid no Estado español", di Jácome tras tomar posesión
Este sábado, no seu primeiro discurso tras a toma de posesión, Jácome dixo que durante este mandato "verán como intentaremos chegar a acordos cos nosos rivais políticos, tendo claros os obxectivos", que segundo dixo son "mellorar a calidade de vida das persoas que non son privilexiadas". Nesa liña, dixo, "o partido de Ourense non se xoga en Ourense, xógase en Santiago na Xunta de Galicia e en Madrid no Estado español", explicando que é desde esas dúas institucións desde onde teñen que chegar os recursos para mellorar a cidade.
Tras o pleno o candidato popular, Manuel Cabezas, anunciou a súa dimisión e asegurou que non soubo do pacto da súa formación con Jácome ata a mañá deste sábado
Desde a dirección do PSdeG criticouse que este venres o candidato popular na cidade, Manuel Cabezas, ofrecese publicamente os seus votos para facer alcalde ao socialista Francisco Rodríguez e que, tras ter coñecemento de que o BNG tamén estaba disposto a apoialo, a dirección do PPdeG decidise finalmente priorizar o control da Deputación e manter a Jácome na alcaldía. O propio candidato socialista á alcaldía, Francisco Rodríguez, considerou a xornada como "un día triste para Ourense" e lamentou a "infamia do PP" que "non é un partido de fiar".
Pola súa banda, o candidato popular á alcaldía, Manuel Cabezas, que tras o pleno anunciou a súa dimisión, asegurou que non era coñecedor do pacto da súa formación con Jácome, do que asegura que se enterou na mesma mañá deste sábado.
Mentres, o nacionalista Luis Seara coincidiu co socialista en criticar a "indignidade" dos populares. "Por segunda vez o PP decide castigar a Ourense", concluíu.