Ourense: Jácome enfronta o seu "plebiscito" nunha cidade que busca saír da inestabilidade

Casa do Concello de Ourense © Concello de Ourense

En 2019 a pesar de que Núñez Feijóo afirmara que "para Ourense sería letal tener a Jácome de alcalde", os populares entregáronlle o Goberno da cidade

Ourense converteuse nos últimos anos na cidade galega máis convulsa politicamente. No ano 2019, a pesar de que Democracia Ourensana foi a terceira forza en votos, Gonzalo Pérez Jácome accedeu á Alcaldía co apoio do PP de Baltar, necesitado do seu apoio para manter o goberno da Deputación provincial. A pesar de que Alberto Núñez Feijóo afirmara que "para Ourense sería letal tener a Jácome de alcalde", os populares entregáronlle o Goberno da cidade. 

Pouco durou a paz entre PP e DO e en setembro do ano 2020 os populares racharon o Goberno bipartito. Malia que PP e PSdeG (que fora a forza máis votada nas municipais) coincidían na necesidade de sacar a Jácome da Alcaldía, non houbo acordo entre as dúas formacións e o polémico rexedor resistiu en minoría os dous anos e medio que lle restaban entre "ideas Eureka" e a connivencia do Partido Popular. "Jácome é mil veces mellor alcalde que o que sería el", dixo Baltar en alusión a Rafael Rodríguez Villarino, líder do PSOE en Ourense e que encabezou a lista máis votada nas últimas eleccións municipais. 

Neste tempo, no que o AVE chegou a Ourense, falouse pouco de xestión e de proxectos de cidade e o debate público foi monopolizado polos ataques persoais e acusacións cruzadas.

Ourense xa estaba chamada a ser un dos grandes puntos de atención das eleccións do 28M en Galicia. Pero nas últimas semanas a actualidade xudicial volveu marcar a política da cidade e da provincia

Ourense xa estaba chamada a ser un dos grandes puntos de atención das eleccións do 28M en Galicia. Pero nas últimas semanas a actualidade xudicial volveu marcar a política da cidade e da provincia. Por unha banda, coñeceuse que o presidente da Deputación, Manuel Baltar, fora cazado pola Policía conducindo o seu coche ofical a 215 quilómetros por hora, unha grave infracción pola que será xulgado tres días despois das eleccións do 28M.

Pola outra, saíron á luz unha serie de gravacións nas que o alcalde Gonzalo Pérez Jácome semella realizar comentarios a respecto de diversas condutas irregulares, como manexo de cartos negros ou financiamento irregular de campañas electorais de DO. Uns feitos dos que aínda se descoñece o percorrido xudicial que poden seguir e ante os que Jácome di sentirse vítima dunha "mafia" de empresas "xonquis de cartos públicos".

Ante a inestabilidade que domina a cidade nos últimos anos PP e PSdeG apostaron polo regreso de caras ben coñecidas pola poboación: os ex-alcaldes Manuel Cabezas e Paco Rodríguez

Ante a inestabilidade que domina a cidade nos últimos anos PP e PSdeG apostaron polo regreso de caras ben coñecidas pola poboación. Por unha banda, o popular Manuel Cabezas, alcalde entre 1995 e 2007, absolto dun delito de prevaricación porque non quedou probado que fose “consciente” do que facía. A Fiscalía pedía para o político popular e para o seu concelleiro de Urbanismo sete anos de cadea e 2,8 millóns en indemnizacións por ‘perdoar’ a construtoras o 10% que debían ceder para uso público

E, pola outra, o socialista Paco Rodríguez, rexedor entre 2007 e 2012, momento en que a súa imputación por un suposto delito de tráfico de influencias no marco da cuestionada Operación Pokémon, nunha causa instruída pola xuíza Pilar de Lara. Porén, Rodríguez foi absolto e regresou á primeira liña política, reivindicado polo seu partido como "o mellor alcalde dos últimos vinte anos".

Mentres, o BNG mantén a Luís Seara como candidato á Alcaldía, repetindo como cabeza de lista, despois de que hai catro anos fora quen de recuperar a representación no Concello para a formación nacionalista. O Bloque aspira a incrementar o seu número de edís para ser decisivo na formación de maiorías para o futuro da cidade.

O BNG mantén a Luís Seara como candidato á Alcaldía co obxectivo de aumentar a súa representación e ser decisivo

No campo da esquerda, desta volta Podemos, Esquerda Unida, Ourense Mellor, Verdes Equo, Recortes Cero e Alianza Verde unen as súas forzas en Agora Ourense, que presenta como candidato a Toño Naval. Cómpre lembrar que no ano 2019 a fragmentación das mareas en Ourense deixou estas listas sen representación a pesar de obter máis do 8% dos votos (o 3,67% de Ourense en Común, o 2,63% de Podemos-EU e o 1,97% de Ourense Mellor). 

Ciudadanos, que no 2019 obtivo dous edís, semella agora moi lonxe de acadar os votos necesarios para manter a súa representación. Preséntase tamén VOX, que aspira en Ourense a acadar o primeiro edil da súa historia en Galicia.

Xuntanza entre Gonzalo Pérez Jácome e Manuel Baltar © Deputación de Ourense

Que pode pasar o 28M na cidade? As enquisas publicadas ata o momento sitúan o PP como a forza máis votada, cunha pequena vantaxe ante o PSdeG e cunha Democracia Ourensana algo máis atrasada e en descenso con respecto ás eleccións do 2019, pero mantendo aínda un importante apoio. Finalmente, as sondaxes coinciden en augurar un claro ascenso do BNG.

Con todo, ao igual que sucedeu nas últimas convocatorias e ningunha forza acadará maioría absoluta, polo que a Alcaldía podería ir para a formación máis votada (de momento, o PP, nas sondaxes coñecidas ata agora) sempre que os restantes grupos non cheguen a algún acordo postelectoral. 

É imposible que Gonzalo Pérez Jácome recunque na Alcaldía? Non parece probable, independentemente do resultado que obteña, pois semella que -agora si- todas as pontes que o unían ao PP están destruídas. "As eleccións municipais foron transformadas nun plebiscito" afirmou hai uns días o aínda alcalde. Con todo, o mesmo se podía dicir nas eleccións de hai catro anos e finalmente, mesmo a pesar de ser a terceira forza, a debilidade de Baltar facilitou un intercambio de apoios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.