O pasado xullo o que fora concelleiro do PSdeG lucense Francisco Fernández Liñares e outras tres persoas pactaron coa Fiscalía asumir un ano e catro meses de prisión e mais 6.000 euros de multa por impulsaren unha adxudicación fraudulenta do servizo da ORA na cidade no marco do caso Pokémon. O auto que o oficializou trouxo consigo outra decisión xudicial relevante: o sinalado como líder da trama virara inimputable por razóns de idade e saúde.
O presunto líder da trama xa virou inimputable
Segundo aquel auto, o fundador do grupo Véndex, Gervasio R., xa non está en condicións de afrontar proceso xudicial ningún tras máis dunha década. O seu deterioro cognitivo, segundo informes forenses, impídelle "testificar con garantía" e mesmo asistir a un xuízo podería empeorar o seu xa delicado estado. A efectos prácticos, o presunto cabeza dunha rede de subornos a cargos públicos para propiciar adxudicacións irregulares non terá que responder polos supostos delitos que a amplísima investigación chegara a atribuírlle.
Con ese movemento a trama Pokémon enfraqueceu. Enfraqueceu, en rigor, aínda máis. É o que viña sucedendo dende que, no ano 2020, o Consello Xeral do Poder Xudicial fixo oficial a sanción contra a xuíza Pilar de Lara, que lanzara a operación no ano 2011, por atrasar e acumular macrocausas coma esta. En ausencia de De Lara, as xuízas que xuíces que tiveron que asumir as diversas pezas do caso foron arquivando asuntos tan relevantes como os ligados ao ex-alcalde de Lugo Xosé López Orozco (PSdeG), ao que fora rexedor polo PP en Santiago, Gerardo Conde Roa, entre outras. O mesmo aconteceu, fóra da Pokémon, co groso das acusacións de De Lara contra o que fora secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación lucense, José Ramón Gómez Besteiro.
Tras outro recente peche dunha póla do caso Pokémon contra Conde Roa (PP), un xulgado de Ourense arquiva as acusacións de tráfico de influencias contra o ex-rexedor ourensán Francisco Rodríguez ao velas baseadas en "sospeitas ou indicios preliminares"
A esta lista de arquivos engadíronse outros dous nas últimas semanas. Primeiro, outra investigación a Conde Roa baseada, segundo o xulgado de Santiago que tivo que resolvela, nun "batiburrillo" de datos, "ás veces, sen conexión entre si". E agora, unha das acusacións que a maxistrada sancionada dirixira contra Francisco Rodríguez, alcalde socialista de Ourense dende 2007 e ata setembro 2012, cando se viu abocado a dimitir precisamente polas acusacións no caso Pokémon formuladas por De Lara, que mesmo ordenara a súa detención unha espectacular operación policial.
Nun auto ditado o pasado maio, pero divulgado neste mes de setembro pola Xustiza despois de que o adiantase o xornal La Región, o titular do xulgado de instrución número 2 de Ourense deu en arquivar as acusacións de tráfico de influencias dirixidas dende 2014 por De Lara contra o ex-alcalde e a súa parella. Tamén contra quen daquela era delegado da empresa Aquagest -concesionaria do servizo de augas- e a súa esposa, unha empregada da compañía e mais Francisco Cacharro Gosende -fillo do que fora presidente da Deputación de Lugo polo PP-, a quen acusaba por informar favorablemente das adxudicacións a Aquagest na súa condición de secretario da Deputación ourensá.
Detalla o auto que De Lara fundamentou as súas acusacións contra eles en escoitas telefónicas que, segundo apuntou a Fiscalía, "os investigados non tiveron posibilidade de recoñecer ou contrastar" coa "fin de que admitan a súa veracidade". Todo, tras "transcorrer amplamente o período de instrución" sen que "sexa posible practicar novas dilixencias".
Os investigados "non tiveron posibilidade de recoñecer ou contrastar" as escoitas telefónicas nas que De Lara baseou os seus indicios, di o xuíz
Segundo o xuíz, que cita diversa xurisprudencia, a investigación impulsada por De Lara só deu amosado "sospeitas ou indicios preliminares" de contactos dos responsables de Aquagest co alcalde "coa fin de obter un beneficio na adxudicación". Pero eses indicios "carecen de peso suficiente". E no caso de Cacharro Gosende, "tampouco consta acreditado ningún pago directo pola emisión de informes" e non resulta "determinante" que Aquagest lle pagase sete anos antes senllas viaxes a Málaga e Barcelona.
Deste xeito, o ex-alcalde socialista de Ourense líbrase doutra causa, pero non de todas. En entrevista con La Región, este mesmo mércores expresa a súa confianza en que se arquiven as restantes catro causas que aínda o atinxen e coida que "o castigo" recibido por De Lara é "pequeno, con todo o dano que causou". Porque con esta operación, lamenta, "sumiu o goberno da terceira cidade de Galicia no caos".