En febreiro de 2018 o xulgado do penal número 2 de Ourense condenou o ex-alcalde da cidade Francisco Rodríguez (PSdeG), aos ex-edís de Urbanismo e Rehabilitación, Áurea Soto (PSdeG) e Fernando Varela (BNG) e ao ex-director xeral de Rehabilitación, Xosé Carballido (BNG), a sete anos de inhabilitación polo coñecido como caso das asistencias técnicas. A Audiencia Provincial vén de revogar a sentenza e absólveos.
O ex-alcalde e tres antigos responsables de Urbanismo e Rehabilitación foran condenados polas sucesivas prórrogas de contratos de tres arquitectos, unha aparelladora e un asesor xurídico
A instrución xudicial partira dunha denuncia de senllos representantes dos sindicatos CIG e USO polas contratacións de tres arquitectos, unha aparelladora e un asesor xurídico do Concello pola vía da asistencia técnica mediante un contrato menor e sucesivas prórrogas mensuais. O goberno local prorrogou os contratos levantando os reparos da intervención de 2008 a 2013 e, cando os seus servizos remataron, acabaran demandando ao Concello, condenado a readmitilos -opción que elixiu- ou indemnizalos.
A sentenza divulgada este 25 de outubro modifica os feitos probados da sentenza condenatoria, introducindo matices que conducen á absolución. Así, por exemplo, matiza que as decisións do goberno local a respecto das prórrogas irregulares dos contratos se basearon en informes de técnicos municipais que "sinalaban a necesidade de continuar coas asistencias técnicas por necesidades do servizo" sen "ningún pronunciamento" sobre as irregularidades que si apuntara a intervención municipal.
A Audiencia constata que os acusados puideron "incorrer nunha irregularidade e mesmo nunha ilegalidade administrativa", pero non nun delito
Cabe, daquela, "cando menos cuestionar que os acusados actuasen sabendo da comisión dunha manifesta ilegalidade", di a sentenza, que acto seguido se detén máis nesta tese e, aludindo a abondosa xurisprudencia, advirte da necesidade de que a conduta encaixe con exactitude no tipo penal da prevaricación para condenar. "Se ben é certo que a actuación dos acusados contraveu a normativa" -non é posible concatenar contratos deste tipo para persoal municipal- e puideron "incorrer nunha irregularidade e mesmo ilegalidade administrativa" por "contravir os límites contemplados para os contratos menores", isto non ten por que merecer "reproche penal".
A sentenza advirte de que "non tería sentido" a "sistemática criminalización de actos administrativos "non adecuados a dereitos" e agrega que neste caso existía "interese público en manter os contratos"
Así, advirte a sentenza da Sala, a xurisprudencia ao repecto "reitera" que "non é dabondo que unha resolución administrativa sexa contraria a dereito para que a súa emisión constitúa un delito de prevaricación". Ese "control de legalidade" tería que situarse "na xurisdicción contencioso-administrativa", porque "non tería sentido" unha "sistemática criminalización dos actos administrativos que non fosen adecuados a dereito", como neste caso. Só haberá delito cando exista unha ilegalidade "evidente, patente, flagrante e clamorosa" e neste caso "non resultou patente que a conduta dos acusados fose produto da arbitrariedade".
Neste sentido, os maxistrados engaden á súa argumentación para absolver os antigos dirixentes socialistas e nacionalistas un elemento máis. Alén de que a "mera pasividade" para non poñeren fin a estas asistencias técnicas non torne necesariamente en delito, a Audiencia considera ademais que o mantemento dos contratos en cuestión "resultaría xustificada pola situación do Concello". Existía, destaca, "interese público en manter os contratos e evitar o risco de perder subvencións" e ademais, puxéranse en marcha "actuacións para solventar a problemática". Nada disto, conclúe a sentenza, encaixa no tipo penal da prevaricación.