O Xulgado de Instrución número 3 de Ourense está a investigar un presunto delito de prevaricación e malversación de fondos que poderían ter cometido varios integrantes dos gobernos municipais da cidade entre 1998 e 2003, nos que era alcalde Manuel Cabezas (PP). Durante eses anos o Executivo local deixou de esixir a varios proxectos urbanísticos (15, en concreto) o 10% do aproveitamento, como esixía a lei, o que tivo como consecuencia unha perda duns 1,7 millóns de euros para as arcas municipais, como deixou reflectido no seu momento o Consello de Contas. Cartos, ademais, que deberían ter sido reinvestidos en vivendas de protección oficial e outros servizos e dotacións. No verán de 2007, unha vez que PSOE e BNG accederon ao Goberno municipal, o Concello de Ourense comezou a recibir o 10% de aproveitamento dos terreos mercados por construtoras.
Entre 1998 e 2003 o Concello perdoou 1,7 millóns de euros a varios construtores, ao non esixirlles o 10% do aproveitamento urbanístico
A ex-concelleira socialista Áurea Soto presentou en 2014 unha querela contra Manuel Cabezas e contra dous dos seus concelleiros de Urbanismo (aínda que un deles foi liberado da súa responsabilidade penal por teren prescrito os seus posibles delitos). Este proceso tivo en todo momento un camiño inzado de obstáculos, xa que nun primeiro momento o xuíz Leonardo Álvarez arquivou o caso, como tamén pedía o Fiscal Xefe de Ourense, Florentino Delgado. Porén, unha querela da propia Áurea Soto contra Álvarez fixo que este fose afastado da instrución, deixando paso á xuíza Eva Armesto, que si permitiu que o proceso seguise adiante.
A ex concelleira socialista Áurea Soto presentou en 2014 unha querela contra o ex alcalde Manuel Cabezas e contra dous dos seus concelleiros de Urbanismo
O proceso púxose en marcha con moita lentitude. De feito, a pesar de que xa o pasado mes de setembro o Xulgado trasladou a todas as partes a querela presenta por Soto, a falta de resposta por parte da Fiscalía de Ourense dificultaba o avance do procedemento. Estes atrasos obrigaron á avogada de Áurea Soto, Elena Díaz, a presentar un escrito ante a Fiscalía Superior do TSXG, alertando da situación. A resposta da Fiscalía de Ourense foi remitirlle a esta avogada unha insólita citación para o 1 de xuño como testemuña no proceso.
"A finais de maio Florentino Delgado cítame como testemuña, sen explicarme nada. E decido non comparecer, porque eu non teño por que comparecer como testemuña, non estou obrigada, pois son avogada da acusación", explica Elena Díaz. En efecto, a avogada non se presentou, o que motivou que recibise unha segunda citación, desta volta para o 18 de xuño, que engadía que “de non comparecer ou alegar xusta causa que o impida, poderá incorrer nun delito de desobediencia grave á autoridade e ser detido pola forza pública”.
“De non comparecer ou alegar xusta causa que o impida, poderá incorrer nun delito de desobediencia grave á autoridade e ser detido pola forza pública”, advirte a citación
Vista a situación, o 14 de xuño Elena Díaz entrega senllos escritos no Colexio de Avogados da Coruña e na Fiscalía de Ourense, coa instrución de que llo fagan chegar ao Fiscal Xefe. Neles, explica que “a citación en calidade de testemuña, ademais de improcedente, non atopa amparo legal ningún como obriga esixible”. Nos días seguintes mantén unha xuntanza co Fiscal Xefe de Galicia, Fernando Suances. Esa cita do 18 de xuño foi, así mesmo, adiada para o vindeiro 9 de xullo, pero mantendo a ameaza de detención.
Para Elena Díaz, que destaca que nunca na súa traxectoria profesional se atopara nunha situación semellante, o sucedido é "escandaloso". “Se isto non se rectifica, estaríase producindo un abuso de poder pola súa banda”, di, engadindo que "me quere citar alí porque son incómoda neste procedemento", afirma. "Eu non teño obriga de ir. Se quere abrir dilixencias, que as abra; se me quere deter, que me deteña", conclúe. E remata: “É unha cuestión de dignidade. Eu non podería seguir exercendo a miña profesión se eu non me planto nesta cuestión”.
Un proceso cheo de obstáculos
“Se isto non se rectifica, estaríase producindo un abuso de poder pola súa banda”, di, engadindo que "me quere citar alí porque son incómoda neste procedemento", afirma
Catro anos despois da querela presentada por Áurea Soto, a investigación sobre os 1,7 millóns de euros perdoados a varios construtores está aínda en proceso, tendo que superar neste tempo numerosos obstáculos e atrasos, comezando pola remuda do primeiro xuíz que se encargou do caso e que decidira arquivalo. Nos últimos meses, Manuel Cabezas e Ricardo Campo Labrador (o mesmo que o Fiscal Xefe de Ourense) tentaron que fose tamén xulgado o ex alcalde socialista Manuel Veiga Pombo, pero o seu mandato rematara en 1995, antes da modificación lexislativa que obrigaba a esa cesión do 10% (unha lei galega de 1997 e unha lei estatal de 1998). Ademais, os políticos populares escudábanse nun acordo municipal asinado polo propio Veiga Pombo en 1994 para xustificar o feito de non ter esixido eses aproveitamentos ás empresas construtoras. Con todo, dende a acusación lémbrase que, de novo, o acordo era previo á modificación da lei e non tiña xa validez.
Catro anos despois, a querela tivo que superar numerosos obstáculos e atrasos, comezando pola remuda do primeiro xuíz que se encargou do caso e que decidira arquivalo, e continuando polas resistencias da Fiscalía
A xuíza Eva Armesto, pola súa banda, lembra no seu auto que só foron algúns (15, en concreto) os proxectos urbanísticos aos que se lles perdoou a esixencia do 10%, polo que o recurso a ese acordo de 1994 non tería xustificación. A maxistrada considera que alcalde e concelleiro actuaron con coñecemento de causa: "Dos acordos da corporación adoptados resulta unha vontade de ambos de realizar a aprobación dos proxectos sen explicar por que noutros supostos si é esixido o 10%". Por último, Cabezas e Campo argumentaron tamén que a súa causa estaría prescrita, algo que igualmente Armesto rexeitou, pois apreza unha "continuidade" na súa actuación.
Nas últimas semanas coñeceuse, ademais, a incorporación ao proceso dos integrantes dunha Xunta de Goberno de novembro de 2003, aínda sendo alcalde Manuel Cabezas. O propio Fiscal Xefe de Ourense pedira que ou ben fose liberado de responsabilidade Manuel Cabezas o ben se ampliase a causa a todos os membros dos plenos ou comisións que votaran a favor das exencións.