O pasado abril a Fiscalía Xeral do Estado decidiu suspender cautelarmente das súas funcións a Florentino Delgado, fiscal xefe de Ourense, no marco do expediente disciplinario que lle abrira para dilucidar a situación da vivenda cuxo alugueiro lle pagara a Xunta dende 2004 e ata 2016, momento no que o fiscal seguiu no piso sen pagar o arrendamento. Pouco despois, en maio, Delgado obtiña praza en Madrid.
A Fiscalía do Estado conclúe que Florentino Delgado cometeu abuso de autoridade contra a ex-concelleira do PSdeG Áurea Soto, denunciante das presuntas irregularidades urbanísticas do goberno do PP que dirixía Manuel Cabezas
O fiscal abandonaba Ourense levando consigo a investigación polo piso, pero tamén outro expediente disciplinario por abuso de autoridade e deixación de funcións en prexuízo de Áurea Soto, ex-concelleira do PSdeG ourensán que denunciara un caso de presuntas irregularidades urbanísticas de Manuel Cabezas, antigo alcalde do PP na cidade. Este é o caso polo que a Fiscalía Xeral do Estado vén de decidir sancionar con dez meses de suspensión e unha multa a Delgado e, colateralmente, apercibir ao actual fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes.
Fontes da Fiscalía consultadas por Praza.gal ratifican que a Fiscalía do Estado sanciona a Florentino Delgado por cometer catro faltas, dúas moi graves e outras tantas graves. As moi graves son "inobservancia do deber de abstención" e "ignorancia inescusable no cumprimento dos seus deberes". As graves, confirman as mesmas fontes, teñen que ver co devandito "abuso de autoridade ou falta grave de consideración" contra a ex-edil do PSdeG na persoa da súa avogada e o seu equipo.
A instrución do 'caso 10%' vén de concluír co ex-alcalde Cabezas e un antigo concelleiro acusados de delitos de malversación e prevaricación
Como informou este diario, as queixas de Áurea Soto pola actuación do ex-fiscal xefe tiñan dúas vertentes. Unha foi por adiar o proceso no que a socialista acusaba o ex-alcalde do PP e outros membros do seu goberno por non esixir a varios promotores urbanísticos as cesións urbanísticas do 10% que legalmente correspondían ao Concello o cal, segundo o Consello de Contas, supuxo unha perda duns 1,7 millóns de euros para as arcas municipais.
A instrución do caso rematou este mesmo mes de outubro. A xuíza que finalmente acabou sendo instrutora, Eva Armesto, considera que o ex-alcalde Cabezas e outro ex-concelleiro deben ser xulgados por malversación e prevaricación.
Florentino Delgado é suspendido dez meses do seu cargo e multado con 2.500 euros; o fiscal superior de Galicia é apercibido por falta de dilixencia na atención das denuncias dos avogados da ex-edil socialista
Diante do que consideraba evidentes atrancos da Fiscalía de Ourense no coñecido como caso do 10%, a avogada da ex-concelleira socialista reclamou formalmente ante a Fiscalía Superior de Galicia. Pouco despois, o Fiscal Xefe citou a avogada como testemuña, un proceder que a letrada considerou "insólito", que a puña ás portas de ser detida e fronte a unha ameaza de accións penais e que supuña, ao seu xuízo, un "abuso de poder" que agora ratifica a Fiscalía do Estado, á que se viron abocados a acudir.
Así, a máxima responsable do Ministerio Público do Estado impón a Delgado os devanditos dez meses de suspensión do cargo, cinco por cada falta moi grave, e 2.500 euros de multa polas graves, sempre segundo as fontes da Fiscalía consultadas por este diario. Aínda ten, non obstante, a posibilidade de recorrer.
Mentres, o actual fiscal superior galego é apercibido por "desatención". A razón é que encomendou ao propio Florentino Delgado investigar as queixas dos avogados de Áurea Soto pola obstrución do caso que estes atribuían ao propio fiscal xefe; a Fiscalía do Estado cre que Suanzes non actuou coa dilixencia debida ao ignorar que os letrados estaban a denunciar ao mesmo Delgado e non a outro representante do Ministerio Público.