Unha candidata do PSdeG en Pontevedra, sen dereito a voto polo veto do Supremo aos 'netos'

Shirley Estévez, con Besteiro en Montevideo o pasado xullo durante unha visita do líder do PSdeG á Arxentina e ao Uruguai CC-BY-NC-SA PSdeG

Shirley Estévez é neta de galegos. Os seus avós marcharon ao Uruguai e, como tantos outros, perderon a nacionalidade española. Ao abeiro das instrucións derivadas da Lei de Memoria Democrática obtivo a nacionalidade e pasou a formar parte do Censo de Residentes Ausentes (CERA) de Pontevedra, provincia de ligazón familiar. Esa circunstancia, combinada co seu compromiso político co PSOE levouna a concorrer ás eleccións xerais do 29N como quinta suplente da candidatura do PSdeG por Pontevedra ao Congreso á que, paradoxalmente, ten prohibido votar.

Shirley Estévez, integrante da lista socialista pontevedresa, non pode votar a súa propia candidatura pola prohibición cautelar do alto tribunal e a Xunta Electoral indícalle que, na hipótese de que acabase tendo que incorporarse ao Congreso, resolvería "o que proceda"

Estévez, que ademais exerce como presidenta do Consello de Residentes Españois no Uruguai -cargo non remunerado-, é unha das tantas afectadas polas medidas cautelares do Tribunal Supremo que, por petición das formacións de extrema dereita Vox e Iustitia Europa, prohibiron votar nas xerais ás persoas que accederon á nacionalidade pola vía de presunción de exilio dos seus familiares, vixente dende 2022. Ten prohibido votar agora aínda que, explican fontes socialistas, xa votou nas celebradas en 2023 e tamén nas eleccións galegas de 2024 e nas europeas do mesmo ano. En todos estes comicios xa operaban as novas garantías do voto exterior que impiden, por exemplo, casos coma os de noutrora, con sufraxios emitidos ao nome de persoas falecidas.

[O voto CERA: dos mortos ás urnas]

Shirley Estévez, nunha audiencia do rei á representantes da colectividade española no Uruguai en 2025 © PSOE Uruguai

Desta maneira, o voto dunha integrante da lista do PSdeG por Pontevedra non se vai sumar á súa conta no escrutinio do 29N. Emitiuno igual, pero o seu sufraxio é dos depositados aparte nos consultados, en caixas á marxe das urnas para, seguindo instrucións do propio Supremo, remitilo por separado á Xunta Electoral correspondente. Cando o Tribunal resolva sobre o fondo do asunto saberase se o seu voto conta ou, definitivamente, non.

O que fontes socialistas sinalan como situación "absurda" increméntase porque o fillo da candidata, que accedeu á nacionalidade por tela a súa nai, si pode votar dende o Uruguai, onde están inscritas case 40.000 persoas no CERA das circunscricións galegas e case 3.000, afectadas polo veto

E, que sucedería no hipotético caso de que a lista socialista tivese que correr e acabase chegando a quenda de que Shirley Estévez se incorporase ao Congreso? Dadas as circunstancias, a galego-uruguaia formulou unha consulta formal ante a Xunta Electoral Provincial de Pontevedra, que constata que a candidata "figura entre as persoas afectadas polas medidas cautelares acordadas polo Tribunal Supremo" pero tamén que a candidatura da que forma parte "non pode ser obxecto de modificación" tras ser proclamada, polo que non cabe modificala. "Sen prexuízo -engade- de resolver o que proceda no caso de que a interesada resultase elixida", di o acordo a cuxo contido puido acceder Praza.gal.

O que as mesmas fontes socialistas observan coma un "absurdo" acrecéntase por que o fillo de Estévez, que accedeu á nacionalidade porque antes o fixo a súa nai, si pode emitir o seu sufraxio con plena validez para o 29N. Vox tamén reclamou o veto nestes comicios para os fillos e fillas das persoas beneficiadas pola lei de netos, pero neste caso o alto tribunal non concedeu esa segunda medida cautelar.

O censo exterior no Uruguai para as eleccións xerais do 29 de novembro está conformado por algo máis de 68.000 inscricións das que case 39.975 son persoas adscritas ás circunscricións galegas. No censo pechado antes dos autos do Supremo que atenderon as reclamacións de Vox e Iustitia Europa o CERA galego no Uruguai formábano unhas 2.700 persoas máis. Hai tres anos, nas xerais de 2023, tiñan dereito ao voto dende o Uruguai polas circunscricións galegas 36.668 persoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.