O Goberno galego dedica case millón e medio do seu programa de imprevistos á compra dunha antiga sede bancaria na capital da Arxentina, país que aglutina case 180.000 inscricións do censo exterior galego, que xa supera o medio millón de persoas
Nas últimas semanas, as acusacións de "enxeñaría electoral" lanzadas polo PP contra o Goberno de España pola concesión da nacionalidade de descendentes de persoas exiliadas -contemplada dende hai un cuatrienio na Lei de Memoria Democrática- devolveron o foco sobre o mal chamado voto emigrante. Isto é, sobre o Censo de Residentes Ausentes (CERA), cuxo apoio electoral os populares sempre procuraron con intensidade, moi especialmente en Galicia, onde xa supera o medio millón de inscricións.
Mentres, na súa calidade de actual líder estatal do PP, o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo alimenta esa controversia, o seu sucesor na Xunta daba o visto e prace definitivo a unha significativa operación no núcleo central dese CERA para Galicia, na Arxentina (case 180.000 inscricións correspondentes ás circunscricións galegas a 1 de xuño de 2026), en cuxa capital o Goberno galego vai estrear nova sede. Farao tras mercar un céntrico local por case un millón e medio de euros.
O Consello da Xunta do pasado 15 de xuño tratou o informe dunha compra que dotou de fondos xa o pasado maio. Foi daquela cando transferiu 1,42 millóns dende o programa de imprevistos dos Orzamentos Xerais de 2026 á Consellería de Emprego e Emigración "para facer fronte aos gastos de adquisición e adecuación" dun local situado no número 990 da avenida Belgrano de Bos Aires, onde ata finais de 2024 funcionou unha sucursal do Banco Galicia.
Emigración sostén que a nova delegación arxentina pretende "reforzar a visibilidade institucional" e ser "moito máis ca unha oficina administrativa"
Cunha superficie de 730 metros cadrados distribuídos en tres niveis -subsolo, baixo e primeiro andar-, o Executivo galego di mercalo coa intención de "ampliar a capacidade de servizo á cidadanía" e "reforzar a visibilidade institucional". Mesmo antes do inicio das reformas, a Xunta instalou xa un gran letreiro corporativo no exterior dun espazo para o que contempla funcións administrativas e tamén a celebración de eventos culturais, "encontros institucionais e reunións empresariais", así como finalidades de promoción turística.
Indica a Consellería que as novas instalacións prevén conter, asemade, unha "oficina de retorno e atracción det alento ao abeiro da Estratexia Galicia Retorna. Todo, baixo o principio político xeral do "compromiso da Xunta coa comunidade galega no exterior, con especial atención á Arxentina" e a Bos Aires, que enxalza coa "tradicional" consideración de "quinta provincia galega".
Neste contexto, a Secretaría Xeral da Emigración vén de organizar unha presentación da nova sede para "representantes dos centros galegos e membros da colectividade galega", acto presidido polo seu titular, Antonio Rodríguez Miranda, e mais polo delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro. Ambos cargos foron integrados en 2022 por Feijóo na dirección estatal do PP como "secretario no exterior" e "representante en Iberoamérica", respectivamente.
Indica Emigración que nese encontro "explicáronse as características da nova sede", que "nace coa vocación de converterse na casa de todos os galegos na Arxentina e nun escaparate permanente da Galicia actual". "Será moito máis ca unha oficina administrativa", aseguran.