Pontón, sobre as acusacións do PP co voto exterior: "Aquí votaban os mortos"

Mitin do PP en Bos Aires na precampaña das eleccións galegas de 2009, presidido por unha foto de Fraga e Feijóo CC-BY-NC-ND PPdeG

Os de Feijóo "saben moito de manipulación do voto da emigración", ironiza a líder do BNG, quen defende "todas as garantías democráticas" nas votacións dende o estranxeiro para que "as prácticas que vimos do PP non se repitan nunca"

As acusacións lanzadas por Alberto Núñez Feijóo contra o Goberno de España, atribuíndo a Pedro Sánchez a intención de "fabricar votantes" cos mecanismos para outorgar a nacionalidade a descendentes de persoas exiliadas -que pasan a formar parte do Censo de Residentes Ausentes- están a causar unha mestura de de indignación e hilaridade na política galega. Fundamentalmente, pola historia que o voto emigrante e as denuncias de fraude acumulan no noso país.

Así sucede, por exemplo, no caso da portavoz nacional do BNG. "Escoitar ao Partido Popular que o feito de que vote a emigración é preparar un pucherazo, cando aquí sabemos que durante a época de Fraga votaban os mortos, se compraban sacas de votos e mesmo temos testemuñas de como o propio Partido Popular compraba con 50 dólares o voto de emigrantes... Eu case pensaba aquilo de 'cre o ladrón que todos son da súa condición'", ironiza Ana Pontón.

Ana Pontón, este 1 de xullo nun encontro con alcaldesas, alcaldes e cabezas de cartel do BNG para as eleccións municipais de 2027 CC-BY-NC-SA BNG

"Temos unha posición moi clara; o voto emigrante ten que ter todas as garantías democráticas", sostén Pontón, para que "as prácticas que vimos do Partido Popular en Galiza non se repitan nunca máis". Porque o PP, advirte a líder soberanista, "sabe moito de manipulación do voto da emigración". Nun país, evoca, no que "Fraga conseguiu a súa [primeira] maioría absoluta grazas a un escano que cambiou o voto da emigración e tamén sabemos que ao longo dos anos houbo múltiples denuncias de como se manipulaba e como se compraban votos na emigración".

En calquera caso, advirte, non deixan de "sorprender" as "incoherencias do PP". "Hai tres días, Rueda estaba en Suíza a orquestra París de Noia pagada por todos e todas nun acto claramente electoral que nos custou 120.000 euros" e agora "ve na posibilidade de que voten, intereses escuros, un pucherazo". "Dio única e exclusivamente porque está repetindo o argumentario que lle mandan desde Génova", lamenta.

Besteiro: "Que me explique con que cara vai ir a Bos Aires pedir o voto"

Á "incoherencia" do presidente neste asunto aludía tamén este mércores o secretario xeral do PSdeG, máis aínda despois de que Rueda puxese o foco na esixencia de "conexión real" con España para que as persoas descendentes de exiliados obteñan a nacionalidade. "Esa conexión non é un criterio legal, é unha frase pensada para sementar dúbidas", lamenta José Ramón Gómez Besteiro.

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, en conferencia de prensa este 1 de xullo CC-BY-NC-SA PSdeG

Porque o PP, advirte Besteiro, "o que fixo foi votar en contra desta lei e ao mesmo tempo, ir á Arxentina ou Uruguai a dicir que o defendían". "Levo escoitando o PP falar dos galegos do exterior toda a vida; cando lles interesaba o seu voto, eran tan galegos coma calquera e agora, que en Madrid parece que non lles cadran as contas, resulta que teñen que demostrar conexión real. Que vaian explicar iso aos galegos de Bos Aires, de Montevideo ou da Habana", reta.

"Cando lles interesaba o seu voto, eran tan galegos coma calquera; agora que parece que en Madrid non cadran as contas, teñen que demostrar conexión real", censura o secretario xeral do PSdeG

Neste sentido, alén de que a propia lei "esixe acreditar o parentesco e a condición do exilio" e de que Feijóo "defenda unha cousa e a contraria" nesta cuestión, o líder socialista pregúntase "con que cara" o actual presidente da Xunta "vai ir a Bos Aires a pedir un voto que aquí trata como sospeitoso". 

Nesta liña, avanza, o PSdeG prepara iniciativas no Parlamento para "que Rueda concreta cal é exactamente a súa posición", se a de Feijóo nos anos previos defendendo a extensión da nacionalidade ou a actual. Para os socialistas, conclúe, "os galegos e galegas do exterior non son un problema segundo sompre o vento, son Galicia e merecen que quen foi onte pedirlles o voto hoxe non os trate como sospeitosos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.