Non muda nada. O reconto dos votos do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) na provincia de Ourense, que podería ter feito gañar un escano ao PSdeG a custa do PP ou do BNG, rematou sen que o resultado afectase á composición que o 18F deu ao Parlamento galego de cara á vindeira lexislatura.
O PP arrasou no voto exterior en Ourense, superando o 57% dos votos fronte ao 14% do PSdeG e o 10,5% do BNG
O PP, como era de agardar, arrasou no voto exterior ourensán obtendo máis do 57% dos votos (57,47%) ao superar os 2.500 sufraxios válidos. Lonxe, no segundo posto, quedou o PSdeG, con case o 14% e 616 votos, seguido do BNG (10,5% e 463) e Vox, que sumou case o 8% dos sufraxios (353) entre as papeletas chegadas do CERA da provincia de Ourense. Democracia Ourensana e Sumar, pola súa banda, apañaron pouco máis dun cento de votos e non superaron o 3%. Ademais, no CERA ourensán, o Pacma superou a Podemos, como no 18F en todo o país.
Ourense era a única provincia galega onde un escano podía variar, ao quedar o PSdeG a 112 votos de obter un segundo representante pola provincia na Cámara. Aplicando o método d'Hondt, o PP tiña que cuadriplicar os votos socialistas para evitar que o PSdeG obtivese un deputado más á súa costa. Conseguírono os populares, que multiplicaron por máis de catro os seus sufraxios do exterior en comparación cos do PSOE.
O PP tiña que cuadriplicar os votos do PSdeG no CERA de Ourense para evitar perder un deputado e logrouno
Tamén podía ocorrer que fose o BNG quen perdese un representante en favor do PSdeG, sempre que os socialistas repetisen o resultado de hai catro anos e superasen en varios puntos. A distancia a favor do PSOE foi de 153 votos e algo máis de tres puntos. Con todo, non faltou tanto para unha mudanza que, en esencia, tampouco supoñía cambios nas maiorías.
Finalmente, o escrutinio do voto exterior non muda a composición do Parlamento que saíu do 18F. Na provincia de Ourense, o PP mantén os oito deputados; o BNG, catro, Democracia Ourensana, un; e o PSdeG, outro.
Á espera dos resultados definitivos do voto CERA para toda Galicia, foron uns 29.300 as persoas que emitiron o seu sufraxio para as eleccións galegas desde a emigración, das que algo máis de 6.100 o fixeron con destino á provincia de Ourense.