A "condición política de galego": por que un emigrante en Bos Aires pode votar e presidir a Xunta pero Feijóo xa non

A "condición política de galego" segundo o Estatuto de Autonomía CC-BY-SA Praza Pública

O Estatuto de Autonomía di que é galega a persoa que resida oficialmente en Galicia ou que o faga no estranxeiro sendo Galicia o seu último lugar de residencia oficial en España

Para presidir a Xunta hai que ser deputado ou deputada no Parlamento de Galicia, pero para saír elixido como tal nos comicios galegos, como os do próximo 18 de febreiro, hai que contar coa "condición política de galego". Un requisito que cumpren as persoas residentes en calquera concello galego e os emigrantes que tivesen en Galicia a súa última residencia antes de saír de España. Pero non ten a condición política de galego, malia ser galego de nacemento, quen resida oficialmente noutro lugar do Estado español.

A Lei de eleccións ao Parlamento de Galicia esixe a "condición de galego" e estar inscrito no censo electoral para poder votar o 18F CC-BY-SA Praza Pública

A "condición política de galego" vén definida no artigo 3 do Estatuto de Autonomía, que establece que "gozan da condición política de galegos os cidadáns españois que, de acordo coas leis xerais do Estado, teñan veciñanza administrativa en calquera dos municipios de Galicia". Ese mesmo artigo engade que "como galegos, gozan de dereitos políticos definidos neste Estatuto os cidadáns españois residentes no estranxeiro que tivesen a súa última veciñanza administrativa en Galicia, e acrediten esta condición no correspondente Consulado de España. Gozarán tamén destes dereitos os seus descendentes inscritos como españois, se así o solicitan na forma que determine a lei do Estado".

Ter a "condición política de galego" é un dos requisitos que establece a Lei 8/1985 de eleccións ao Parlamento de Galicia para poder ser elector nos comicios galegos. Así o di no seu artigo 2: "Son electores os que, ostentando a condición de galegos conforme ao artigo 3 do Estatuto de Autonomía, sexan maiores de idade e gocen do dereito de sufraxio activo", engadindo que "para o exercicio do dereito de sufraxio é indispensable a inscrición no censo electoral". E á súa vez esa "condición de electores" é requisito, segundo o artigo 4 da mesma lei, para ser elixible como deputado ou deputada.

Ademais de ser galego hai que estar inscrito no censo, e no actual hai 476.000 persoas no estranxeiro e 2,2 millóns en Galicia

Estes condicionantes son os que fan que un emigrante -hai 476.000 inscritos no censo de residentes ausentes, fronte a 2,2 millóns do censo en Galicia- poida votar e mesmo ser elixido deputado ou presidente da Xunta se antes foi veciño dalgún concello galego. Ou se, aínda que non chegase a vivir en Galicia, foi inscrito como descentente, como contempla o Estatuto remitindo á lexislación estatal. Unha opción esta que fai que tres de cada catro persoas consideradas galegas no estranxeiro non nacese en Galicia. Iso si, a lei galega de eleccións inclúe como inelexibles aínda que sexan electores "os que exerzan funcións ou cargos conferidos e remunerados por un Estado estranxeiro".

Perder a "condición política de galego" por censarse en Madrid non impediu a Feijóo ser senador por designación do Parlamento de Galicia xa que nese caso a lei non ten requisitos de residencia

Pola contra, alguén nacido en Galicia pero que agora estea empadroado nalgún lugar do resto do Estado, como fixo o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo en Madrid ao deixar a Xunta, xa non pode nin votar nin ser elixido para ese posto porque xa non ten a "condición política de galego". Porén, iso non impediu a Feijóo ser durante varios meses senador por designación do Parlamento de Galicia, tras deixar en abril de 2022 a presidencia da Xunta e antes de ser elixido deputado no Congreso o pasado xullo.

Feijóo na súa toma de posesión en 2022 como senador por designación do parlamento de Galicia malia estar censado en Madrid © PP

O artigo 10 do Estatuto de Autonomía di que entre as funcións do Parlamento de Galicia está a de "designar para cada lexislatura das Cortes Xerais os Senadores representantes da Comunidade Autónoma galega, de acordo co previsto no artigo 69, apartado 5.da Constitución". Pero ese punto da Constitución non establece requisito ningún sobre o lugar de residencia deses senadores.

A Xunta Electoral esixe "certificación acreditativa de que o candidato está inscrito no censo electoral ou empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia"

E como se acredita a condición política de galego para poder ser candidato ou candidata á Xunta? En 2001 a Xunta Electoral de Galicia emitiu unha resolución ao respecto, confirmada posteriormente pola Xunta Electoral Central e que segue figurando entre as instrucións que se teñen en conta de cara aos comicios do 18F. Esa resolución di que, ao contrario que nas eleccións municipais ou europeas, nas que non é condición necesaria para ser candidato a inscrición no censo electoral ou no padrón municipal, nas eleccións galegas o Estatuto esixe que se teña a "veciñanza administrativa". 

Para probar ese requisito a xunta electoral esixe que se acredite cunha "certificación acreditativa de que o candidato está inscrito no censo electoral ou empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia". Por iso, porque os seus integrantes non estaban nin empadroados nin no censo electoral, é polo que a Xunta Electoral vén de anual a candidatura que Izquierda por Almería pretendía presentar pola provincia de Lugo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.