Tras tentar Feijóo suprimilo en 2009 a Xunta véno renovando cada ano e este xoves o presidente presentouno como principal medida da reunión semanal do seu Goberno, pero manteno conxelado nos mesmos 218 euros do pasado ano
A apenas 12 horas do inicio da campaña electoral o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou como principal medida da reunión semanal do seu Goberno celebrada este xoves a renovación para este ano do complemento das pensións non contributivas creado en 2008 polo goberno de coalición de PSdeG e BNG e que Feijóo tentou suprimir. Porén, a Xunta manterá este 2024 o mesmo importe que o pasado ano, 218 euros para todo o ano, apenas 12 euros máis que en 2022 e logo de que a cifra non aumentase nada na década anterior.
O complemento galego das pensións non contributivas foi posto en marcha pola Xunta de coalición de PSdeG e BNG en 2008 cun importe de 200 euros anuais nun único pagamento. A Vicepresidencia daque Goberno, encabezada por Anxo Quintana, plasmara a finais do mes de outubro aquela medida no Diario Oficial de Galicia e o Executivo incluíuna tamén nos que serían os seus derradeiros Orzamentos, os de 2009. En maio dese ano, cando transcorrera apenas un mes dende o retorno do PP á Xunta, a daquela nova conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou que o complemento ás pensións non contributivas ía ser suprimido.
"Non nos gustan as iniciativas que son un pouco parche, non queremos tiritas", dixera a conselleira, que vía "tufo electoralista" nun pagamento que "legalmente non está moi contemplado". Porén, a polémica que se xerou levou a Feijóo a rectificar e o complemento mantívose e en 2011 mesmo aumentou a 206 euros para acompasalo ao incremento dun 3% no índice dos prezos ao consumo (IPC).
Tras unha década sen subilo, en 2023 a Xunta habilitouse para aumentar o complemento ata 220,50 euros, pero finalmente deixouno en 218 euros, mesma contía que mantén agora malia que o Estado subiu as pensións non contributivas un 6,9%
Pero ese incremento conforme a inflación non volveu producirse nos 11 anos seguintes. Malia que o IPC medrou máis dun 23% na década seguinte o complemento ás pensións non contributivas ficou en 206 euros ata que xa con Rueda na presidencia a Xunta decidiu aumentalo puntualmente en 2023. Nos Orzamentos para o pasado ano a Xunta consignou que os seus beneficiarios "terán dereito á percepción dunha prestación única non superior a 220,50 euros, nas condicións que estableza o Consello da Xunta”. Pero finalmente o Goberno galego decidiu nin sequera esgotar ese límite que se dera a si mesmo e deixou a cifra en 218 euros, un 6% máis, o que supuxo 12 euros máis ao ano ou un euro máis ao mes.
E agora a Xunta decide manter esa mesma contía de 218 euros para este ano. Un anuncio que fai despois de que o Goberno de España aumentase as pensións non contributivas para este 2024 un 6,9%.
Rueda presentou a continuidade do complemento como o principal acordo do Consello da Xunta deste xoves e ratificou que terá un custo para as arcas galegas duns 8 millóns de euros, como en anos anteriores. Preguntado polo posible electoralismo de anunciar xusto este xoves esa decisión cando en anos anteriores a continuidade do complemento foi confirmada en meses posteriores ao longo do ano o presidente desbotouno. Segundo dixo, o seu obxectivo declarado era ter aprobados os Orzamentos para este 2024 "e xa dixemos que unha vez aprobados, todo o que puideramos executar o executariamos o antes posible". Porén, máis alá do anuncio deste xoves Rueda non foi quen de concretar cando cobrarán a contía o seus beneficiarios.