A Xunta incrementa por primeira vez en 12 anos a axuda de 206 euros nun 7% cando o IPC medrou neste tempo un 24,7%
En 2008 o daquela vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, impulsou un complemento galego para as pensións non contributivas de 200 euros ao ano asumido non sen tensións polo presidente Emilio Pérez Touriño. En 2009, con Feijóo xa como presidente, o Goberno galego quixo eliminalo por consideralo “unha tirita”, pero a polémica que se xerou obrigouno a mantelo e mesmo un ano máis tarde a subilo un 3%, o que medrara o IPC, e fixalo así en 206 euros para 2011.
Naqueles 206 euros permaneceu esa prestación inalterable ata agora, que a Xunta a subirá 14,50 euros, ata os 220,50 euros ao ano. Será un 7%, malia que a inflación aumentou máis dun 24% neste tempo.
O complemento das pensións non contributivas creado a finais de 2008 foi unha das primeiras medidas do anterior goberno de coalición de PSdeG e BNG que o PP de Feijóo tentou tombar. Cando só pasara un mes desde a toma de posesión de Feijóo a súa daquela conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou que o complemento ía ser suprimido. "Non nos gustan as iniciativas que son un pouco parche, non queremos tiritas", dixera Mato, que vía "tufo electoralista" nun pagamento que "legalmente non está moi contemplado".
Porén, Feijóo tivo que rectificar e mantivo a medida. Mesmo gabouse dela e actualizou a contía para 2011 co aumento do IPC do ano anterior, ata os 206 euros. Pero desde aquela non a volveu a tocar en toda unha década por moito que medrase a inflación.
E o que medrou o IPC entre o outono de 2010, cando se decidiu a última suba a aplicar nos orzamentos de 2011, e setembro deste ano, última cifra oficial dispoñible no Instituto Nacional de Estatística, é un 24,7%.
En 2009 o Goberno de Feijóo vía na medida "tufo electoralista", e agora auméntaa de 206 a 220,50 euros
Pero a Xunta, segundo reflicten os orzamentos para o próximo ano entregados este xoves no Parlamento, só aumentará o complemento un 7%. “No ano 2023 as persoas beneficiarias de pensións de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva” terán dereito a recibir unha “prestación única non superior a 220,50 euros”, isto é, 14,50 euros máis que os 206 euros ata agora vixentes.