O Consello da Xunta do pasado venres deulle luz verde a un acordo enmarcado na "aposta" do Goberno galego "por apoiar as persoas máis desfavorecidas fronte á crise económica". Trátase do decreto a través do cal as persoas que perciben pensións non contributivas cobrarán, por sexto ano consecutivo, un complemento de 206 euros nos primeiros días do ano. É un único pagamento que vén aliviar levemente a situación económica destes pensionistas, que perciben pouco máis de 300 euros ao mes. Segundo Alberto Núñez Feijóo cómpre salientar o enorme "esforzo" do seu gabinete por manter esta prestación, que parte da "vontade vontade de seguir sendo sensibles coa situación de dificultade económica que están a padecer as familias que non cotizaron á Seguridade Social". Xusto o contrario do que opinaba cando chegou ao Goberno.
No outono de 2009 o PP ultimaba os seus primeiros Orzamentos tras o retorno ao poder e decidía eliminar este complemento, instaurado un ano antes pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e asumido, non sen tensións previas, polo presidente Emilio Pérez Touriño. Durante o trámite orzamentario a oposición deu a voz de alarma e a nova responsable de Benestar, Beatriz Mato expuña todo un abano de argumentos para suprimilo: a medida impulsada por Anxo Quintana era "un parche", unha "tirita" que ademais "legalmente non está moi contemplado, porque o que nos di a Seguridade Social é que admiten este tipo de complementos pero de maneira puntual, e se o prolongamos xa non sería puntual".
Ao chegar ao Goberno o PP considerou que o complemento era "un parche" con problemas legais e por iso decidiu eliminalo
Segundo a conselleira, os 10 millóns de euros cos que o bipartito financiar o complemento ían reforzar outas axudas para "persoas sen recursos ou ao bordo dunha emerxencia social", lonxe de "iniciativas que son un pouco parche", toda vez que esta achega era equivalente a "dez euros ao mes, que non supoñen un beneficio rendible". Na mesma liña, a daquela secretaria xeral de Familia e actual responsable de Igualdade do Goberno galego, Susana López Abella, minimizaba o impacto deste complemento, "realmente pequeno" e aludía á consabida crise económica para explicar a necesidade de "transformar e optimizar cada euro que se gaste".
Feijóo presenta agora esta achega como un "enorme esforzo orzamentario" e un "compromiso" coas persoas necesitadas
Este foi o discurso oficial ata os últimos días de outubro do mesmo ano. A oposición, daquela representada por Pachi Vázquez e Carlos Aymerich, reprochoulle a Feijóo durante unha sesión de control a supresión dun complemento que, lembraban, o PP consideraba "pequeno" cando non gobernaba. Na súa resposta, o presidente autoemendábase e proclamaba que "non só imos manter o complemento, senón que o imos aumentar co IPC do resto das pensións en España". Socialistas e nacionalistas acollían estupefactos a primeira marcha atrás do mandato e os conservadores afanábanse para sacar os 10 millóns que eliminaran dun fondo orzamentario destinado para pagar gastos imprevistos.
Catro anos despois o "parche" é "un enorme esforzo orzamentario" e a "tirita", un "compromiso". "Nos sentimos satisfeitos de poder ser a comunidade autónoma do conxunto de España que máis paga en concepto de paga extraordinaria ás persoas que máis o necesitan", gábase Feijóo, para salientar que o complemento chega agora aos 206 euros. Non obstante, quen perciba pensións non contributivas non ten o complemento asegurado no futuro. Legalmente esta achega ten que ser aprobada "ano a ano" e farase "mentres poidamos", advirte o presidente.