A suba xeneralizada de prezos que comezou a agromar tras a fin das restricións pola pandemia, agudizada coa crise enerxética tras a invasión rusa na Ucraína e as sancións da UE a Rusia por este motivo, vén dando lugar a medidas inéditas por parte dos gobernos en materia de transporte público. Entre as máis destacadas están os abonos de balde da Renfe ou os descontos do 50% en autobuses interurbanos que, no caso galego, nalgúns traxectos chegan ao 95% por decisión da empresa concesionaria para competir co tren.
É neste contexto no que chegou unha das propostas do BNG durante o trámite dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2023, cuxa aprobación está asegurada pola maioría absoluta do PP: unha tarifa plana de 30 euros mensuais para todo o transporte público. A portavoz nacional da formación, Ana Pontón, presentouna este luns baixo a marca Tarxeta 30 Toda Galiza como unha aposta polo transporte "intermodal", toda vez que atinxiría a tren e bus pero tamén ao transporte de ría e aos taxis e concellos rurais.
"Temos que dar unha resposta á altura dun momento", di Pontón, no que a "necesidade de mobilidade está aí por traballo, facer xestións, ir ao médico ou lecer", pero no que se acumulan as subas de prezos. Nun acto celebrado na estación intermodal de Santiago, a líder soberanista advertiu de que "a intermodalidade é moito máis que a posta en marcha dunha infraestrutura" coma esta e por iso, di, Galicia debería poder incorporase a un modelo de taxeta con tarifa plana que é "habitual en toda Europa".
Pontón pide á Xunta incluír 50 millóns nos Orzamentos de 2023 para activar a 'Tarxeta 30 Toda Galiza', que incluiría autobuses, trens, transporte de ría e taxis en concellos rurais
Advirte a portavoz nacional do Bloque de que, para que saíse adiante unha iniciativa coma esta, sería imprescindible a acción da Xunta e por iso defende "que inclúa unha partida de 50 millóns con cargo ás contas de 2023" para "contribuír a sufragala". Pero tamén cumpriría "chegar a acordos tanto co Estado como cos concellos" en materia tarifaria e de horarios.
"Pedimos ao PP que acolla esta proposta" antes da fin do trámite dos orzamentos. Chega nun contexto no que actualmente o Goberno galego liga os descontos do 50% nos autobuses das súas concesións ao uso da tarxeta de transporte público TMG, que é emitida por Abanca.