O Goberno galego cifra en 2,35 millóns os servizos que prestan cada ano os buses da súa titularidade, pero no que vai de 2022 só inspeccionou 1.173 expedicións e agora vai realizar outras 2.100
“Só no ano 2022, a Inspección de Transportes [da Xunta] e a Garda Civil controlaron 1.173 expedicións, detectándose 390 infraccións”. Esas cifras de controis a autobuses, que supoñen unha infracción por cada tres inspeccións, foron facilitadas este venres no Parlamento polo director xeral de Mobilidade da Xunta, Ignacio Maestro, que tamén indicou que ás 1.173 inspeccións realizadas no que vai de ano vanse sumar a partir do luns outros 2.100 controis. Porén, tamén cifrou en 2,35 millóns os servizos que prestan ao ano os autobuses de titularidade da Xunta, polo que as inspeccións chegarían a apenas ao 0,14% dos servizos.
A comparecencia de Maestro no Parlamento chega despois de meses de protestas cidadás polos reiterados incumprimentos das concesionarias de transporte en autobús da Xunta tanto nos servizos de liñas regulares como no transporte escolar que levaron mesmo a que BNG e PSdeG acusasen á Xunta de "mirar para outro lado" ante a actuación de Monbus, principal adxudicataria dos servizos en toda Galicia.
Este venres, pola contra, o alto cargo do Goberno galego centrouse en salientar a remodelación e o suposto incremento de servizos acometido durante os últimos anos como consecuencia dunha condena do Tribunal Supremo.
Ademais das anteditas cifras de inspeccións realizadas e a realizar a partir do luns, Maestro indicou que “desde a entrada en vigor dos novos contratos no ano 2020, incoáronse 380 expedientes de penalidades contractuais e deles, 168 deron lugar a sancións e 187 están en proceso de resolución”. Isto é, nos dous anos pasados desde a entrada en vigor dos novos servizos a Xunta incoou un expediente cada dous días, e dos 193 xa rematados o 87%, 168, deron lugar a sancións.
Ademais das inspeccións expresas axudada da Garda Civil a Xunta tamén realizou inspeccións secretas que revelaron un 16% de incumprimentos en diversos aspectos das concesións
Segundo dixo tamén este venres o director de Mobilidade, “os usuarios valoran cunha nota alta o autobús da Xunta, cun nivel de satisfacción dun notable, concretamente un 7,9”. Esa cifra, recollida na primeira memoria anual do novo sistema de transportes galego, é froito de 13.000 enquisas directas a persoas usuarias dos autobuses.
Pero ese documento tamén incluíu inspeccións secretas por parte de persoal técnico que se fixo pasar por usuarios do transporte -distintas das inspeccións expresas que se van reactivar este luns- que reflectiron como principais problemas do servizo “a puntualidade e os relacionados coa información dispoñible para o usuario en paradas e autobuses” así como “o estado das paradas”. No seu global, as inspeccións secretas estableceron “un cumprimento total do servizo do 84,1% para o global da rede” de transporte público autonómico, o que supón, á inversa, uns incumprimentos de preto do 16%.