No ano 2008, o Goberno de coalición de PSdeG e BNG anunciou que a Xunta poría en marcha naquel mesmo exercicio un complemento anual para as pensións non contributivas por importe de 200 euros anuais nun único pagamento. A Vicepresidencia do Executivo, na altura encabezada por Anxo Quintana, plasmara a finais do mes de outubro aquela medida no Diario Oficial de Galicia e o Executivo incluíuna tamén nos que serían os seus derradeiros Orzamentos, os de 2009.
Tras retornar á Xunta, o PP pasou de anunciar a supresión do complemento das pensións non contributivas en 2009 a mantelo e incrementalo en 2011 ata os 206 euros, nos que segue conxelado unha década despois
En maio de 2009, cando transcorrera apenas un mes dende o retorno do PP á Xunta -Alberto Núñez Feijóo tomara posesión como presidente a mediados de abril-, a daquela nova conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou que o complemento ás pensións non contributivas ía ser suprimido. "Non nos gustan as iniciativas que son un pouco parche, non queremos tiritas", dixera a conselleira, que dicía ver "tufo electoralista" nun pagamento que "legalmente non está moi contemplado".
Mato encadraba tamén a retirada na publicitadísima "austeridade" da época. Había que "optimizar cada euro que se gaste", aseguraba pouco antes de que, en plena controversia política pola decisión, o novo Goberno do PP decidise recuar. Así, os 200 euros das pensións non contributivas continuaron en 2010 e en 2011 pasou a ser de 206 euros para acompasalo ao incremento dun 3% no índice dos prezos ao consumo (IPC).
Aquela suba de 2011 foi a última. Aínda que -segundo datos do Instituto Galego de Estatística- os custo da vida tivo incrementos interanuais cada ano agás en 2015 e en 2016, o complemento das pensións non contributivas mantívose conxelado en 206 euros. Neste tempo, o propio Feijóo xustificou a conxelación no feito de que o Goberno galego veu contando, por mor da anterior crise económica, con menos fondos nos seus Orzamentos que o Executivo de socialistas e nacionalistas.
En anos pasados, Feijóo xustificou a conxelación no feito de que a Xunta dispuña de menores Orzamentos que na etapa de PSdeG e BNG; en 2021 o Goberno conta co maior volume de fondos da súa historia e a partida do complemento tampouco aumenta
Esa circunstancia xa non se dá, toda vez que a Xunta disporá en 2021 dos Orzamentos máis elevados da súa historia en termos absolutos, grazas en boa medida ao incremento das transferencias estatais e da UE no marco da crise do coronavirus. No entanto, as arredor de 38.000 persoas que cobran pensións non contributivas continuarán percibindo os mesmos 206 euros nos primeiros días do ano. Así o aprobou o Consello da Xunta celebrado o pasado mércores, 23 de decembro.
Os Orzamentos da Xunta de 2020, que o propio Consello da Xunta aprobou prorrogar ata que entren en vigor os de 2021 -actualmente están en trámite no Parlamento-, contemplaban unha partida de 7,8 millóns de euros para financiar esta medida. As contas de 2021, a piques de ser aprobadas definitivamente na Cámara galega, contemplan unha cantidade idéntica malia ao incremento global do diñeiro dispoñible nas contas, que aumenta arredor dun 14%. Desta previsión cabe deducir que, cando menos polo momento, a previsión da Xunta pasa por manter conxelado este complemento tamén cara a 2022.
Malia a esta conxelación, a Xunta pon o foco en que esta é unha medida "voluntaria" que "só ofrecen dez comunidades autónomas", xa que "non é obrigatoria a súa existencia". Neste sentido, subliñan, cómpre facer "fincapé na importancia deste complemento". Este argumento é semellante ao utilizado polo propio Feijóo en anos anteriores cando, lonxe daquela primeira decisión de Beatriz Mato, presentou a medida creada polo Goberno de coalición como propia e de "excepcional importancia".
Así, por exemplo tras aprobar os devanditos 206 euros en 2018, a Xunta presentara este complemento como mostra do seu "compromiso coas persoas que máis o necesitan". Este complemento recíbeno tanto persoas xubiladas que cobran unha pensión non contributiva como a poboación perceptora de pensións por incapacidade ou subsidios de garantía de ingresos mínimos e non cómpre solicitala, xa que é ingresada de oficio pola Consellería de Política Social nos primeiros días do ano.