Galicia é das comunidades que maior porcentaxe de pensións non contributivas revisa, o 98% das 42.000 que se perciben, pero o ente fiscalizador recomenda igualmente que mellore o seguimento dos pasamentos
En 2016 un total de 208 pensionistas galegos receptores de pensións non contributivas seguiron recibindo a súa paga tras falecer, dos cales en 63 casos os pagamentos se prolongaron durante máis de cinco meses despois do pasamento e, en catro casos, máis dun ano. Tras constatar esa situación, o Tribunal de Cuentas vén de pedir á Xunta “un adecuado seguimento” dos datos sobre falecidos “co fin de que unha detección temperá reduza o número de mensualidades aboadas con posterioridade ao falecemento, evitando ademais a prescrición de dereitos de cobro indebidos”. Galicia é das comunidades que maior porcentaxe de pensións revisa para evitar eses casos, pero tamén das que máis pensións seguiu aboando de xeito indebido no 2016 agora fiscalizado polo Tribunal de Cuentas.
As competencias sobre as pensións pertencen ao Estado, en concreto ao Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), dependente do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, pero a súa xestión foi transferida ás autonomías. Segundo o informe que vén de facer público o Tribunal de Contas, este ente fiscalizador das administracións detectou que en 2016, o ano no que puxo o foco, se revisaron en toda España só o 61,83% das pensións non contributivas que se cobraron. A porcentaxe de revisión varía moito dunhas comunidades a outras e Galicia é das que máis realiza, en 2016 ao 98,31% dos preto de 42.000 pensionistas beneficiarios (en toda España son arredor de 450.000). Pero aínda así Cuentas detectou que ese ano se seguiron pagando pensións non contributivas a 208 persoas que xa faleceran.
A non revisión das pensións tamén pode implicar que non se varíe á alza o importe se as circunstancias do perceptor cambiaron nese ano
A non revisión das pensións pode implicar tanto que sigan cobrándose prestacións indebidamente como que noutros casos non se revise á alza o importe se as circunstancias económicas ou familiares do perceptor cambiaron nese ano. "Tal e como está configurada na actualidade, pódese concluír que a revisión anual non alcanza os obxectivos de eficacia e eficiencia que serían desexables na detección de debedores por prestacións indebidamente percibidas", sinala o Tribunal de Cuentas.
O Tribunal de Cuentas tamén pide aos bancos que realicen como é a súa obriga legal o "control de vivencia" dos perceptores
O ente fiscalizador non só pide ás comunidades máis revisións senón tamén ás entidades bancarias que realicen como é a súa obriga legal o "control de vivencia" dos perceptores. Esta mesma semana unha veciña da Estrada aceptou unha condena a dous anos de cadea por seguir cobrando durante 20 anos a pensión do seu avó falecido, pero a sentenza aínda terá que decidir se a entidade bancaria implicada é tamén condenada como responsable civil subsidiaria.
O motivo das insuficientes revisións das pensións que se cobran, advirte o informe do Tribunal de Cuentas, é o "importante volume de traballo administrativo que require o proceso, unido á carencia de recursos humanos manifestada polos órganos xestores". Unha parte deste persoal é o que debe revisar as declaracións de ingresos que o primeiro trimestre de cada ano han de achegar os perceptores destas prestacións para poder renovalas.
A reclamación dos importes percibidos incorrectamente prescribe aos catro anos
Unha das consecuencias do incumprimento por parte das comunidades da obriga de revisar as pensións é a posibilidade de que prescribise parte da débeda, xa que, unha vez detectado un pagamento incorrecto, a norma só permite reclamar ao debedor ata un máximo de catro anos, "polo que puidese ser que o debedor que se detecta o fose desde unha data anterior, co consecuente menoscabo aos recursos públicos", di o Tribunal de Contas. No caso de Galicia, á data de peche do informe do Tribunal de Contas a contía pendente de recuperar era mínima, de só 5.500 euros, mentres que na Comunitat Valenciana a cifra superaba os 8,2 millóns.
Fontes do Ministerio de Sanidade explican que o Imserso "está a traballar en optimizar o procedemento para levar a cabo as retrocesións derivadas de falecementos e así facilitar a xestión ás comunidades autónomas". A este respecto, as fontes recalcan que "as comunidades autónomas son as que reportan ao Imserso a información das pensións non contributivas, debido a que son as xestoras das mesmas. Recollen tanto o recoñecemento, as súas modificacións, como a súa posterior baixa".
Que son as pensións non contributivas
As pensións non contributivas son aquelas que por non chegar a uns mínimos na súa parte proveniente das cotizacións da Seguridade Social, ou non cotizarse nunca, son completadas con cargo aos orzamentos xerais do estado. Os seus beneficiarios son cidadáns en situación de xubilación ou invalidez. Na súa maior parte, como ocorre en xeral coas pensións menos xenerosas, as beneficiarias son mulleres (76%) .
En 2016, con carácter xeral, podía ser beneficiario de pensións non contributivas de xubilación ou invalidez quen non percibise ingresos anuais coa súa primeira fonte de ingresos de máis de 5.150,60 euros anuais. En 2019 a cantidade elévase a 5.488 euros. En 2016 a nómina das pensións non contributivas foi de 2.390 millóns de euros, cunha prestación media por contribuínte de 373,48 euros mensuais. Un 56,07% dos perceptores fíxoo por xubilación e un 43,93% por invalidez.