Todas as comunidades autónomas contan con rendas mínimas de inserción que buscan achegar unha mínima achega económica ás persoas que se atopan nunha situación máis desfavorable, sen ingresos ou cun nivel de ingresos moi baixo. En Galicia a máis importante destas axudas é a RISGA (Renda de Inclusión Social de Galicia), que no ano 2019 tivo algo menos de dez mil beneficiarios e beneficiaras (9.783).
En Galicia a taxa de cobertura das rendas mínimas atópase por debaixo da media española, situada no 7,97%
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais publicou o pasado venres a súa valoración do informe anual do Ministerio de Dereitos Sociais, que analiza o funcionamento destas rendas de inclusión en cada comunidade autónoma. A entidade eleva a 27.538 o número de perceptores e perceptoras de rendas mínimas en Galicia, sumando todas as axudas existentes. Esta cifra representa apenas o 6,3% de todas as persoas que en Galicia se atopan en risco de pobreza. Este indicador, que abrangue no noso país a 437.319 persoas (o 16,2% do total da poboación), refírese a todas aquelas cidadás e cidadáns cuxos ingresos se atopan por debaixo do 60% da mediana dos ingresos anuais por unidade de consumo.
En Galicia a contía media da axudas é unha das máis reducidas en todo o Estado, menos de 4.000 euros ao ano, que representan unicamente o 12,19% da renda media dos fogares.
Esta porcentaxe do 6,3% supón que en Galicia a taxa de cobertura das rendas mínimas se atopa por debaixo da media española, situada no 7,97%. No conxunto do Estado case nove millóns de persoas se atopan en risco de pobreza (o 18,6% da poboación) e unhas 700.000 reciben rendas mínimas. Con todo, nestes datos atopamos grandes diferenzas entre a situación de Euskadi (cunha taxa de cobertura do 63,03%) e Navarra (70,35%), onde as rendas mínimas chegan á maior parte das persoas con baixos ingresos.
No resto do Estado as porcentaxes son moi inferiores e só en Cantabria, Baleares e Aragón supera o 15% e en Cataluña e Castela e León o 10%. A taxa de cobertura en Galicia está entre as máis baixas de toda España, superando unicamente a de Estremadura, Comunidade Valenciana, Murcia, Andalucía, Castela-A Mancha e Canarias.
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais critica tamén as reducidas contías destas rendas mínimas, con cantidades medias por perceptor no conxunto do Estado que supoñen o 17,1% da renda media por fogar (cómpre ter en conta que habitualmente só se permite un perceptor por fogar). En Galicia a contía media é unha das máis reducidas en todo o Estado, cunha media de menos de 4.000 euros ao ano, que representa unicamente o 12,19% da renda media dos fogares.
Trátase da cuarta contía máis reducida entre todas as comunidades autónomas
Trátase da cuarta contía máis reducida entre todas as comunidades autónomas (só por diante da de Canarias, Murcia e Baleares) e da terceira máis baixa en termos relativos. Estremadura, Cataluña e Comunidade Valenciana son os tres territorios nos que estas rendas mínimas son máis elevadas en función da renda media dos fogares.
A contía da RISGA permanece ancorada nos 400 euros mensuais para unha persoa sen fillos e pode chegar ata os 700 euros ao mes para as unidades familiares formadas por 3 adultos e tres menores ou máis.
Os datos galegos de cobertura e de contía das axudas apenas medraron nos últimos anos
Os datos galegos de cobertura e de contía das axudas apenas medraron nos últimos anos. A taxa de cobertura experimentou un leve ascenso, pasando do 4% do ano 2011 ao actual 6,3%. En cambio, o peso da contía destas axudas sobre a renda media dos fogares está mesmo por debaixo do dato do ano 2011, pasando de 12,4% ao actual 12,2%. No conxunto do Estado, esta contía media si experimentou un crecemento importante nos últimos dous anos e no 2019 representaba o 17,1% da renda media dos fogares.
"Lonxe de cumprir cos obxectivos cos que se anunciou, o IMV está a xerar frustración no millón de solicitantes que se atopan atrapados no labirinto burocrático", denuncia
Hai uns meses o Goberno central aprobou o Ingreso Mínimo Vital (IMV), que xerou unha grande esperanza no momento da súa presentación, ao incrementar as contías que ata ese momento tiñan rendas de inclusión coma a RISGA, facilitar (en principio) os trámites para a súa solicitudee, sobre todo, ser compatible con outras axudas ou ingresos por traballo. Porén, diversos problemas nos procedementos para a súa concesión fixeron que ata o momento o número de beneficiarios e beneficiarias sexa moi reducido, chegando unicamente a unha porcentaxe moi reducida das persoas estimadas inicialmente
A asociación demándalle ao Goberno central que "poña en marcha unha pasarela" cos solicitantes das rendas mínimas das comunidades autónomas e "as integre de maneira automática no ingreso mínimo vital"
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais vén reclamando dende entón cambios que solucionen as eivas existentes ata agora no funcionamento do Ingreso Mínimo Vital. A entidade destaca que "o ingreso mínimo vital foi unha magnífica noticia que todos os que traballamos pola xustiza social saudamos con esperanza". Porén, engade que "lamentablemente, unha vez máis, as expectativas da xente que peor o pasa están a verse frustradas". "Lonxe de cumprir cos obxectivos cos que se anunciou, están a xerar angustia e frustración no millón de solicitantes que se atopan atrapados no labirinto burocrático dunha norma con deseño confuso nos trámites, inadecuado polas súas condicionalidades e inmisericorde nos procedementos coas persoas máis vulnerables", subliña.
Reclámalles ás Comunidades Autónomas "que os 1.686 millóns de euros que investían en rendas mínimas os orienten á garantía do dereito á inserción social"
Por este motivo, a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais demándalle ao Goberno central que "poña en marcha unha pasarela" cos 297.183 solicitantes das rendas mínimas das comunidades autónomas e "as integre de maneira automática no ingreso mínimo vital".
De igual xeito, reclámalles ás Comunidades Autónomas "que os 1.686 millóns de euros que investían en rendas mínimas os orienten á garantía do dereito á inserción social". Pide que, así, se reforcen os servizos sociais "para a loita da exclusión social que produce a pobreza continuada, transmitida xeracionalmente e sen posible saída nun contexto de escaseza e precariedade de oportunidades no mercado laboral".