O ingreso mínimo vital do Estado xa está en vigor. Así o fixa o real decreto-lei publicado este 1 de xuño polo Boletín Oficial do Estado, cuxa convalidación do Congreso o Goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos semella ter asegurada, dadas as declaracións previas dos grupos cuxo voto é favorable é preciso para que a medida continúe vixente.
O IMV pode ser solicitado dende o 15 de xuño e o decreto que o regula certifica que non impide á Xunta "seguir xestionando" a Risga, aínda que non será compatible con ela ata que o Parlamento galego aprobe unha reforma da lei de inclusión
A norma promulgada polo Executivo central fixa os requisitos para acceder ao IMV, que pode ser solicitado dende o 15 de xuño, e evidencia que unha das alertas lanzadas polo presidente da Xunta, que a súa entrada en vigor impedirá ao Goberno "seguir xestionando" a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), non se corresponde coa realidade. Si será preciso, non obstante, que o Parlamento galego elixido nos comicios do vindeiro 12X reforme a lei de inclusión social de Galicia para que ambas prestacións sexan compatibles, tal e como establece o real decreto promulgado este 1 de xuño.
As contías
Como avanzaran a pasada semana o vicepresidente de Dereitos Sociais, Pablo Iglesias, e o ministro de Inclusión, José Luis Escrivá, as contías mensuais do ingreso mínimo vital oscilarán entre o equivalente a unha pensión non contributiva para unha persoa adulta sen menores ao cargo -462 euros ao mes, 5.538 ao ano-. Esta contía mínima aumentará en función do número de persoas da unidade familiar ou da existencia ou non de menores ao cargo no fogar ata un tope de 1.015 euros ao mes.
Os requisitos persoais
O real decreto publicado este 1 de xuño fixa tamén os requisitos de idade e situación persoal para acceder a esta nova prestación. Os principais son estes [podes consultar aquí o decreto íntegro] [podes consultar aquí o simulador do IMV aberto pola Seguridade Social]
- Ter entre 23 ou 65 anos. As persoas menores de 23 poden optar a el se teñen fillas ou fillos ao cargo e cumpren o resto de condicións.
- Ter residencia legal en España durante un mínimo dun ano, agás no caso de persoas vítimas de trata de persoas ou de violencia machista.
- Non vivir nun centro residencial público, agás vítimas de trata e violencia.
- Ter solicitadas as prestacións públicas ou pensións que lle poidan corresponder a cada persoa, agás "salarios sociais, rendas mínimas ou axudas análogas das comunidades autónomas", caso da Risga, que non obstante non é compatible -non se poden cobrar á vez- ata que o Parlamento galego non reforme a lei de inclusión.
- Inscrición como demandante na oficina de emprego.
- No caso de que a solicitude sexa para unha unidade de convivencia (máis dunha persoa), debe levar constituída un mínimo dun ano. Pode tratarse de matrimonios, parellas de feito ou familiares ata o segundo grao de consanguinidade.
As condicións económicas
As persoas e unidades de convivencia que cumpran as devanditas condicións persoais deben facer o mesmo cos limiares económicos que fixa o decreto. Para calcular se a persoa que solicita o IMV ten ou non dereito a cobralo, a Seguridade Social comprobará se os ingresos do ano anterior son "inferiores en polo menos 10 euros á contía mensual" que lle correspondería cobrar. Nese cálculo non terá en conta prestacións como a Risga -cando sexa compatible en Galicia- ou outra como bolsas de estudo, por exemplo. Si computarán ingresos do traballo, sempre e cando non se supere o limiar da axuda.
Ademais dos ingresos, outro factor clave no cálculo é o patrimonio da persoa solicitante, pero sen ter en conta a vivenda habitual -si contan outras posesións como segundas vivendas ou fondos de pensións, por exemplo-. O patrimonio máximo para que unha persoa adulta poida optar ao IMV é de 16.614 euros, tres veces a renda garantible para unha persoa adulta. O máximo, para un fogar con catro adultos e un menor ou máis ao cargo, será esa contía multiplicada por 2,6 (43,196,40 euros).
Como norma xeral, o IMV concederase tendo en conta os ingresos e patrimonio da persoa solicitante durante o ano anterior, pero "excepcionalmente" tamén se valorarán durante 2020 peticións de persoas con "supostos de vulnerabilidade económica que se producisen no ano en curso"
Ao contrario que noutras prestacións ou axudas, as persoas que o soliciten non terán que presentar ante a Seguridade Social abondosa documentación para acreditar se chegan ou non a estes limiares de ingresos ou patrimonio. "En ningún caso -di a norma- será esixible ao solicitante a acreditación de feitos, datos ou circunstancias que a Administración da Seguridade Social deba coñecer por si mesma", para o cal se solicitará permiso expreso da persoa que solicita.
Como norma xeral, os requisitos económicos e persoais para acceder ao IMV estarán vinculados á situación da persoa solicitante no ano previo, pero a norma tamén estipula unha excepción, concibida segundo o Goberno central para paliar as consecuencias económicas do coronavirus. Así, "excepcionalmente e cando non sexan beneficiarios de prestacións ou subsidios de desemprego", ata o 31 de decembro deste 2020 aceptaranse solicitudes con "supostos de vulnerabilidade económica que se producisen no ano en curso".
A solicitude e os convenios coas autonomías
Como avanzara o Executivo central, as solicitudes do IMV formularanse "preferentemente, na sede electrónica da Seguridade Social". A documentación a achegar será o documento de identidade, o libro de familia, o certificado de empadroamento ou documentos equivalentes para acreditar a situación persoal ou de residencia. Tamén a tarxeta do Servizo Público de Emprego, no caso das persoas sen emprego. Todo o relativo á situación económica é información que a Seguridade Social recompilará directamente.
O decreto confirma que polo momento o IMV non será xestionado polas autonomías agás en Euskadi e Navarra, pero tamén certifica que, ao contrario do afirmado por Feijóo, a implantación do ingreso mínimo non "impide" que a Xunta siga xestionando a Risga nin "anula" esta prestación galega
A Seguridade Social disporá de tres meses para resolver a concesión do IMV e, se non o fai unha vez transcorrido ese prazo, a prestación considerarase denegada. O real decreto tamén indica que, nas comunidades autónomas ou concellos que asinen convenios co Ministerio a partir de 2021, será posible tramitar as solicitudes a través deles. Polo momento, as únicas autonomías que disporán da xestión do IMV dende o inicio son Euskadi e Navarra e o decreto subliña que esta diferenza se debe ao seu réxime foral, polas súas competencias máis amplas en materia de facenda e patrimonio.
Deste xeito, polo momento en Galicia convivirán ambas prestacións. Ao contrario do manifestado por Feijóo en rolda de prensa e a través dun comunicado da Xunta, a posta en marcha do IMV non "impide" ás autonomías que non sexan Euskadi e Navarra que "xestionen" as súas rendas de garantía de ingresos ou inclusión, como a Risga. Tampouco supón, como dixo o actual presidente da Xunta, que a medida estatal "anule as rendas que viña aplicando e xestionando" o Goberno galego.