O pasado venres, o Consello de Ministros aprobou o real decreto-lei que regulará o ingreso mínimo vital. Á espera da publicación da normal no Boletín Oficial do Estado, xa son coñecidas as súas contías -entre 462 para unha persoa adulta soa e 1.015 euros mensuais para fogares de catro ou máis membros e con menores ao cargo- e algúns dos seus principais requisitos. Tamén que o Goberno de España o concibe como "compatible" coas rendas de inclusión ou de garantía de ingresos xa existentes nas comunidades autónomas. No caso galego, a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga).
Aínda que o Goberno central di pretender que o IMV sexa "compatible" con rendas de inclusión e garantía de ingresos xa existentes, a actual redacción da lei de inclusión de Galicia impídeo
Aínda que ambas prestación son diferentes en contías e condicións, o certo é que cando menos unha parte da poboación á que se dirixen é coincidente e, segundo o avanzado polo Ministerio de Inclusión e a Vicepresidencia de Dereitos Sociais, a intención é que poidan "complementarse". Pero isto non sucederá en Galicia polo momento. Cando menos, non ata que o Parlamento elixido nas urnas nas eleccións do vindeiro 12 se constitúa -isto sucederá o 7 de agosto- e tramite unha reforma da lei de inclusión social.
A lei de inclusión é a norma da que, dende 2013, depende a aplicación da Risga, existente dende 1991. Dende 2019 -con máis de cinco anos de atraso sobre o estipulado na devandita lei-, a renda de inclusión está tamén regulada por un decreto de seu. Ambas normas fixan o réxime de incompatibilidades da Risga e considerána incompatible "coas pensións non contributivas ou con calquera outra prestación ou pensión de importe igual ou superior ás ditas pensións".
Dado que o mínimo de renda que garante o ingreso mínimo vital é exactamente o mesmo que o das pensións non contributivas (PNC), 5.538 euros anuais para unha persoa adulta soa, esta disposición converte de facto a Risga en incompatible co ingreso mínimo vital. Así, aínda a regulación estatal considere o IMV compatible cunha prestación como a Risga, a regulación da Risga si a fai incompatible co IMV. Para superar este atranco cumprirá que o vindeiro Goberno galego ou os grupos parlamentarios impulsen unha reforma da lei de inclusión e que o novo Parlamento a aprobe.
Novas críticas de Feijóo e competencias autonómicas
Feijóo non se pronuncia polo momento sobre a súa postura a respecto da reforma da lei de inclusión: "Habería que valoralo"
Esa "colisión" da normativa galega de inclusión coas regras do IMV foi tamén admitida este domingo polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que en rolda de prensa non se pronunciou, así e todo, sobre se sería partidario ou non desa reforma no caso de que o PP continúe gobernando na vindeira lexislatura. "Habería que valoralo no futuro", considerou.
Máis amplo foi Feijóo nas críticas á aplicación da nova prestación por parte do Goberno da coalición do PSOE e Unidas Podemos. O tamén líder do PP galego di interpretar o IMV como unha "inxección" económica do Executivo central para afrontar a "ampliación do número de persoas susceptibles" de cobrar a Risga. Alén de que as súas contías sexan diferentes, tamén o será a súa condicionalidade e control, entre outros aspectos.
Feijóo di considerar que, se o Estado non transfire a xestión do IMV á Xunta dende o inicio, o Goberno galego non poderá "seguir xestionando" a Risga, aínda que a nova prestación estatal non teña influencia directa ningunha na que xa rexe en Galicia
A lectura política que Feijóo di facer é que se o Estado non cede dende o inicio a competencia sobre o IMV á Xunta será tanto como non "permitir" que o Goberno galego siga "xestionando a renda que vimos xestionando hai tres décadas", en referencia á Risga. Tamén asegura interpretar que supón "anular as rendas" que as autonomías viñan aplicando e xestionando.
En realidade, mentres ese traspaso non exista -o Ministerio di prever asinar convenios para a xestión compartida dende 2021-, o Goberno central non terá influencia ningunha na xestión da Risga, como ata agora, e se o Parlamento galego aproba a devandita modificación, ambas prestacións pasarían a ser compatibles. Se esa reforma chegase, Feijóo tampouco especifica polo momento se sería partidario de limitarse a aprobar a compatibilidade, sumar ambas prestacións para crear unha nova de maior contía e amplitude ou outras fórmulas. Na actualidade, a Risga é segunda renda de inclusión ou garantía de ingresos máis baixa do Estado.
Considera tamén Feijóo que "non se sostén" que Euskadi e Navarra si vaian xestionar o IMV dende o comezo. O Ministerio de Inclusión xustifica esa diferenza polo feito de seren territorios con réximes forais e, por este motivo con competencias máis amplas de seu en materia de facenda e patrimonio. [Galicia encadea tres lexislaturas sen novas competencias por primeira vez na historia da autonomía]