O Goberno galego condicionou a axuda de 473 euros a que a afectada acadase unha “vivenda independente”, pero o xuíz considera que xa se estaba a dar esa situación
Vivir no mesmo edificio que unha irmá non pode ser motivo para que a Xunta retire a Renda de Inclusión Social (Risga) a unha persoa beneficiaria desa axuda. Iso é o que vén de sentenciar o xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense, que nunha sentenza con data do pasado 7 de setembro anula a decisión do Goberno galego de condicionar a prestación de 473,93 euros que percibía unha muller cunha filla menor a que acadase unha “vivenda independente”, algo que o xulgado considera que xa se estaba a producir.
Por tras do caso está a interpretación da Xunta do que considera “unidade de convivencia” a efectos de calcular se ese conxunto de persoas baixo o mesmo teito conta con ingresos de máis como para acceder á Risga. Isto vén dando lugar a paradoxos como o que evidenciou hai uns meses outra sentenza que tamén anulou o intento do Goberno galego de retirar a Risga a unha perceptora por compartir piso con outra beneficiaria da mesma axuda coa que non tiña ningún vínculo familiar. Como no novo caso, a condición que puña a Xunta era a de que unha delas mudase de domicilio para así garantir que non había "unidade de convivencia", o que foi anulado pola xustiza nunha sentenza que considerou “inverosímil que dúas persoas que perciben senllas prestacións para eludir a súa exclusión social, tivesen que excluírse mutuamente para non incorrer en esaxerada inclusión”. A Xunta tivo que acabar indemnizando á afectada.
O xuíz critica que co criterio da Xunta podería considerarse tamén "unidade de convivencia" para non outorgar a Risga unha comunidade de veciños que pague en común o IBI ou a calefacción
No novo caso agora xulgado, o relato dos feitos que fai a sentenza fala dunha muller perceptora da Risga que vive cunha filla menor na planta baixa dun edificio de dúas plantas en cuxo segundo piso reside unha irmá con outro neno. A Xunta considerou que estaba ante unha única unidade de convivencia porque no Catastro o edificio figura como un único inmoble sen división horizontal, polo que condicionou a percepción da Risga por parte da súa beneficiaria a “acadar vivenda independente no prazo de seis meses”.
Pola contra, no xuízo quedou demostrado que a afectada reside na planta baixa “de maneira totalmente independente respecto da súa irmá”, que “teñen distintas portas de acceso a cada unha das súas respectivas vivendas con chaves diferentes” e que “as dúas vivendas non se atopan comunicadas interiormente, cada unha ten a súa propia cociña, comedor, cuarto de baño, lavadora, caixa do correo, etc.” Para o xuíz, “carece de relevancia” que as dúas vivendas compartan o pagamento do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e do recibo da luz (“instalar outro novo contador suporía asumir un custo moi elevado duns 2.000 euros”). Do contrario, argumenta na sentenza, tamén se podería considerar unha “unidade de convivencia” un edificio de seis plantas ou doce pisos nos que a comunidade de propietarios asume cun único recibo o IBI ou o custo da calefacción e despois o repercute aos veciños.
Fragmento da sentenza que obriga á Xunta a manter a Risga
A Xunta expuxo ao público en agosto o novo regulamento da Risga, que as entidades sociais reclaman que teña máis en conta a opinión dos traballadores sociais que levan cada caso á hora de decidir o outorgamento ou non dunha axuda
Esta nova sentenza en contra da interpretación que a Xunta fai do que é “unidade de convivencia” para determinar se pode recibir ou non unha Risga chega cando vén de rematar o período de exposición ao público do novo regulamento desas axudas chamado en teoría a aclarar con varios anos de atraso esa e outras cuestións. Unha información pública que se realizou ao longo do mes de agosto, recibindo así críticas de diversas entidades sociais por considerar que se vía limitada a súa capacidade de analizar o texto e presentar correccións. En xeral, as entidades sociais veñen reclamando que se teña máis en conta á hora de decidir o outorgamento ou non dunha axuda a opinión dos traballadores sociais que levan cada caso. Iso é o que fai a sentenza agora coñecida, cuxo xuíz, ao contrario que a Xunta, valorou “especialmente o informe da traballadora social obrante no expediente administrativo”.
Na actualidade máis de 10.000 unidades de convivencia reciben a Risga en Galicia, unha cifra que se duplicou desde as menos de 5.000 rexistradas en 2009.