0 Gardados para despois

A Xunta inicia, con tres anos e medio de atraso, a tramitación do decreto que regula a RISGA

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"A Xunta de Galicia, nun prazo máximo de seis meses desde a publicación desta lei, elaborará as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento e aplicación". A Lei de inclusión social de Galicia, aprobada a finais de 2013, fixaba un prazo moi concreto para a elaboración e aprobación do decreto que debía concretar o procedemento de tramitación da RISGA (Renda de Inclusión Social de Galicia) e das restantes axudas de inclusión social. O prazo foi totalmente incumprido durante case catro anos polo Goberno galego, que en febreiro de 2017 adiantaba a Praza que estaba "traballando na redacción" do decreto e que prevía "rematar os trámites necesarios ao longo deste ano". Finalmente, a tramitación iniciouse o pasado 21 de decembro, abríndose a pasada semana o prazo de envío de alegacións, que rematará o 19 de xaneiro. Aínda que in extremis, a Xunta cumpriu con ese obxectivo de presentar o decreto antes de que concluíse o 2017, comenzando agora a fase na que as entidades sociais poden participar na súa redacción.  

Nos últimos anos vense reclamando a aprobación desta normativa complementaria, que debe servir para resolver algúns dos problemas de tramitación e xestión destas axudas

Nos últimos anos, tanto dende os partidos da oposición, coma dende entidades sociais ou asociacións profesionais vense reclamando a aprobación desta normativa complementaria, que debe servir para resolver algúns dos problemas de xestión destas axudas, sobre todo os relativos ás dificultades na súa tramitación, cunha complexa burocracia, e ás eivas de coordinación entre administracións. O Goberno galego foi resolvendo estas eivas a golpe de parches e instrucións administrativas, pero a Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS-Coia) denunciaba hai meses que a ausencia dun decreto provocaba "indefensión" nas persoas que necesitaban acceder a estas axudas e criticaba que a Consellería de Política Social resolvía "os ocos" da lei "a golpe de opacas instrucións e interpretacións restritivas". E, de igual xeito, a inexistencia do desenvolvemento normativo producía segundo a Plataforma en defensa da Profesionalización dos Servizos Sociais (Proserso) "unha desprotección total das e dos potenciais beneficiarias e beneficiarios de RISGA e a non homoxeneidade nas resolucións das diferentes áreas territoriais". Tamén a Rede Galega de Loita contra a Pobreza difundiu en 2014 as súas recomendacións para a mellora na aplicación da RISGA.

O proxecto de decreto destaca na súa introdución que "a elaboración desta disposición regulamentaria única" busca "facilitar e axilizar a tramitación dos procedementos administrativos de execución dos programas". O texto non fai mención ningunha ao atraso acumulado na súa aprobación, pero -quizais a xeito de desculpa- sinala que "o texto da Lei de inclusión social de Galicia ofrece unha regulación minuciosa, abordando con exhaustividade aspectos concretos do seu contido, chegando a presentar, en ocasións, unha óptica bastante regulamentarista, sobre todo no relativo á regulación da tramitación".

O texto regula, entre outras cuestións, o establecemento do procedemento de valoración e cualificación da situación ou risco de exclusión social, a descrición dos documentos preceptivos que se deben xuntar coa solicitude da renda de inclusión social ou a composición e funcións das unidades técnico-administrativas de apoio ao órgano de resolución. En conxunto, o documento estrutúrase en 89 artigos e inclúe modelos de documentación para tramitar os expedientes. A introdución péchase subliñando que "se respectarán os principios de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira".

 

Máis de 11 mil persoas perceptoras

En 2016 (último ano con datos oficiais) 10.761 persoas accederon en Galicia á RISGA, unha cifra que segundo as estimacións da Xunta se elevou ata as 11.300 en 2017, duplicando os datos de 2011 (5.416) e anos anteriores. O Goberno galego afirma que en 2018 o número total de perceptores descenderá lixeiramente, ata os 10.800.

En 2016 (último ano con datos oficiais) 10.761 persoas accederon en Galicia á RISGA, unha cifra que segundo as estimacións da Xunta se elevou ata as 11.300 en 2017, duplicando os datos de 2011 (5.416) e anos anteriores

Nos últimos anos os atrasos na concesión da axuda, de varios meses e en ocasións de ata dous anos, foron un dos grandes problemas que tiveron que enfrontar as persoas que solicitaban esta renda. Aínda que é certo que o problema dos atrasos foi mellorando nos últimos meses, reducíndose bastante en case toda Galicia, cómpre salientar que existen notables diferenzas entre unhas e outras cidades e delegacións territoriais e que, por exemplo, os problemas en Vigo practicamente son os mesmos que hai uns anos, con atrasos de moitos meses nas concesións. 

Tamén foi incrementada a partida orzamentaria destinada pola Xunta, o que permitiu chegar a máis demandantes. A cantidade da que se dispón por Galicia segue en todo caso moi por debaixo da que achegan outras comunidades e, sobre todo, está a moita distancia da que existe en Euskadi e Navarra, que nesta cuestión son os grandes referentes no Estado. O que non cambiou foron os problemas de coordinación entre administracións, mesmo entre as propias consellerías de Política Social e Traballo. E tampouco as dificultades burocráticas, motivadas en parte pola ausencia de directrices e instrucións claras sobre os requisitos e documentación necesarias para aprobar a concesión da axuda.

Nos últimos anos incrementouse o orzamento e reducíronse os atrasos, pero a situación apenas cambiou en Vigo, que segue a rexistrar os maiores problemas de toda Galicia

A aplicación da RISGA provocou igualmente conflitos no relativo á concesión de axudas a persoas que se viran obrigadas a compartir vivenda. En xaneiro do 2017 unha sentenza recoñeceu que nun mesmo domicilio podían convivir varias perceptoras de RISGA, rexeitando a equiparación que a Xunta establecía entre domicilio e unidade familiar, o que prexudicaba a persoas que, sen relación familiar, vivían na mesma casa. O proxecto de decreto introduce agora esta excepción, sinalando que "no suposto de que no mesmo domicilio a unidade de convivencia solicitante se atope convivindo con outra unidade de convivencia, sexa esta ou non beneficiaria da RISGA, poderá concederse a prestación con carácter excepcional sempre que se acredite o dereito ao seu uso mediante un contrato de arrendamento en vigor". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

As claves do decreto: Que problemas debería resolver

Hai algúns aspectos que non van cambiar, comezando pola propia contía da prestación, que seguirá roldando os 400 euros

700 mil persoas viven en Galicia en risco de pobreza e, entre elas, 111.460 (máis do 4% da poboación) sofren unha situación de Carencia Material Severa. A Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA) busca dar resposta á situación de carencia extrema, achegando unha axuda mensual de 399 euros, que neste momento reciben algo máis de 11 mil solicitantes. Porén, nos últimos anos a concesión desta axuda estivo atravesada por un gran número de problemas e eivas, ás que en parte o tan demandado decreto que desenvolve a Lei de Inclusión Social de 2013 debe dar resposta. Con todo, hai algúns aspectos que de momento non van cambiar, comezando pola propia contía da prestación, que seguirá roldando os 400 euros, moi lonxe dos 665 que se pagan no País Vasco ou dos 548 euros de Navarra.

O decreto si que debería axudar a solucionar boa parte dos obstáculos burocráticos e de tramitación da RISGA, así coma os problemas de coordinación entre as distintas administracións

Con todo, o decreto si que debería axudar a solucionar boa parte dos obstáculos burocráticos e de tramitación da RISGA, así coma os problemas de coordinación entre as distintas administracións. Nestes últimos catro anos, moitas das dúbidas que xurdían en casos concretos, aos que a lei non desenvolvida non daba resposta, resolvíanse con directrices internas, elevando consultas puntuais á Consellería, ou solucionándose cada situación dun xeito distinto, en cada delegación territorial ou en función da acción de cada traballadora ou traballador social.

As análises que a este respecto realizaran a Rede Galega de Loita contra a Pobreza en 2014 ou PROSERSO en 2015 incidían nestas cuestións e incidían na necesidade de aprobar o decreto para dar solución a e eses problemas. En moitas ocasións realízase “traballo para os papeis, non para as persoas”, dicían dende EAPN-Galicia, que alertaba da "mellorable" comunicación entre as distintas administracións e departamentos. Tamén PROSERSO criticaba "a desprotección das e dos potenciais beneficiarias e beneficiarios de Risga e a non homoxeneidade nas resolucións das diferentes áreas territoriais". Tamén Diego Lores (ODS-Coia) critica que "había instrucións non escritas e situacións idénticas que resolvían de forma distinta nuns e noutros lugares, o que xeraba unha grande inseguridade". "Chamábanos a atención de que algo tan necesario para tantas persoas se xestionase con este nivel de opacidade", engade.

"Había instrucións non escritas e situacións idénticas que resolvían de forma distinta nuns e noutros lugares, o que xeraba unha grande inseguridade", di Diego Lores (ODS-Coia)

Tamén se subliñaba que esta axuda non era capaz de dar resposta "aos novos perfís de pobreza", conformados por exemplo por persoas que si traballan, pero con condicións moi precarias e non a xornada completa ou de xeito continuado, persoas que non ingresaban o mínimo necesario para vivir con dignidade pero que non podían acceder á RISGA, porque esta axuda só se dirixía ás persoas sen ingreso ningún. Tampouco a RISGA axudaba a solucionar os problemas de aloxamento, pois o complemento de alugueiro previsto era equivalente ao 10% do IPREM (situado hoxe nos 537 euros), é dicir, de pouco máis de 50 euros ao mes. E, de igual xeito, levaba en ocasións a situacións case esperpénticas, obrigando a abandonar a súa vivenda a persoas perceptoras da RISGA que estaban a compartir piso precisamente polas súas dificultades económicas, como unha forma de aforro.

Estas son as cuestións que as entidades sociais e profesionais galegas, de traballo social e de loita contra a pobreza, están a estudar neste momento, de cara á presentación nas vindeiras semanas de alegacións e suxestións. Dende a Plataforma en defensa da Profesionalización dos Servizos Sociais (Proserso), por exemplo, remiten a unha xuntanza que manterán a semana que vén traballadoras e traballadores sociais de toda Galicia, na que se poñerán en común as análises realizadas sobre cada cuestión. Con todo, xa anticipan que o documento “non vai na liña das nosas expectativas” e adiantan que van presentar un gran número de alegacións. 

 

Alegación masiva ao decreto

"O que esiximos fronte ás súas esmolas e faragullas son dereitos fortes e, en concreto, unha renda básica das iguais", destaca a ODS-Coia

Tamén se amosan moi críticas dende a Oficina de Dereitos Sociais de Coia, que anuncia que a vindeira semana porá en marcha unha campaña convidando a entidades e persoas de toda Galicia a que presenten alegacións ao decreto. Esta alegación "masiva" non estará centrada tanto en "aspectos técnicos do decreto" como "no obxectivo de visibilizar que a RISGA é simplemente unha esmola social que non serve para combater unha situación de empobrecemento que cada ano medra máis". "O que esiximos fronte ás súas esmolas e faragullas son dereitos fortes e, en concreto, unha renda básica das iguais", explica Diego Lores. "Pensan que unha persoa pode vivir con dignidade con 399 euros ao mes?", pregúntase.

"Fronte ao discurso que nos venden de que xa se superou a crise, a realidade que vemos no barrio é que hai moita xente que está peor"

Lores comenta que a situación de pobreza e desigualdade en Vigo non mellorou nos últimos tempos, e que tampouco o fixeron os atrasos para a concesión da RISGA ("de 10 ou 11 meses en moitísimos casos") ou para simplemente ter unha cita cos servizos sociais. "Fronte ao discurso que nos venden de que xa se superou a crise, a realidade que vemos no barrio é que hai moita xente que está peor: unha familia vai ser desaloxada nas vindeiras semanas, a unha muller con dúas nenas remátalle agora o contrato de alugueiro e vai quedar na rúa...", di, e conclúe que "a cousa non mellorou, e mesmo empeorou, porque nestes casos o paso do tempo fai máis difíciles as situacións".