0 Gardados para despois

Unha sentenza recoñece que nun mesmo domicilio poden convivir varias perceptoras de RISGA

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A Lei 10/2013 de inclusión social de Galicia sinala no seu artigo 11 que "como regra xeral concederase unha soa renda por domicilio, entendido como marco físico de aloxamento da unidade de convivencia da que forma parte a persoa titular da prestación". A Xunta vén empregando este criterio de unha RISGA concedida por domicilio, equiparándoo a unidade familiar, o que ten derivado nalgúns conflitos, cando nunha mesma vivenda conviven -sobre todo por razóns de aforro económico- varias perceptoras de renda de inclusión social que non pertencen á mesma unidade de convivencia. Isto está obrigando nalgúns casos a estas persoas a ter que trasladarse a outro domicilio.

O Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Vigo vén de recoñecer o dereito dunha muller a recibir esta prestación mesmo compartindo domicilio con outra persoa que tamén cobre a RISGA pero que non é da súa familia. O ditame destaca que o propio artigo 11 da lei define o concepto de unidade de convivencia como "o conxunto de persoas que convivan no mesmo domicilio e manteñan con respecto á persoa solicitante un vínculo por matrimonio ou análoga relación estable, por adopción ou acollemento, ou por parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o cuarto e segundo grao, respectivamente", facendo fincapé en que a conxunción e obriga a que concorra unha "específica relación persoal" que neste caso non existía.

O xuíz sinala que "sería inverosímil que dúas persoas que perciben senllas prestacións para eludir a súa exclusión social, tivesen que excluírse mutuamente para non incorrer en esaxerada inclusión”

O xuíz conclúe que "a demandante convivía con outra persoa perceptora da Risga e esa compañía habitacional era perfectamente compatible coa norma reguladora". E subliña que "sería inverosímil que dúas persoas que perciben senllas prestacións para eludir a súa exclusión social, tivesen que excluírse mutuamente para non incorrer en esaxerada inclusión”.

A Oficina de Dereitos de Sociais de Coia, que colaborou coa demandante no proceso, salienta que "o ditame desta resolución xudicial é de suma importancia para todas aquelas persoas que, no país, vense obrigadas a mudarse de domicilio para non xuntar dúas ou máis Risgas nunha mesma vivenda, aínda que só compartan piso, ou non teñan máis relación ca da simple amizade. Por unha vez, un xuíz sae da lóxica perversa dos políticos e técnicos de Benestar Social e dálle a razón á cidadanía".

"O ditame é de suma importancia para todas aquelas persoas que, no país, vense obrigadas a mudarse de domicilio para non xuntar dúas ou máis Risgas nunha mesma vivenda, aínda que só compartan piso", di a ODS Coia

No caso desta muller -Lucía-, a sentenza chega algo tarde, aínda que lle vén dar toda a razón na súa reclamación. Lucía viña cobrando os 400 euros da Risga dende decembro de 2010. En 2015 comunicou que trasladara o seu domicilio a unha vivenda máis económica, que compartía con outras persoas que non eran da súa familia, sendo unha delas tamén perceptora da Risga. A Xunta notificoulle nese momento que lle daba seis meses para buscar outro domicilio, no caso de que quixese seguir recibindo esta prestación. Lucía presentou unha reclamación, que foi denegada (malia recoñecer a administración que se trataba de dúas unidades familiares distintas), o que a levou a iniciar a vía xudicial para defender o seu dereito. Con todo, en maio de 2016 a muller mudouse a outra vivenda, na que reside soa, para poder seguir percibindo a renda.

É certo que a lei de 2013 engade unha excepción para as persoas con cargas familiares ("Excepcionalmente, sempre que exista unha solicitude motivada ao respecto polos servizos sociais comunitarios, poderanse aboar dúas rendas a persoas residentes nun mesmo domicilio cando quede acreditado que se trata dunha situación en que unha persoa con cargas familiares non compartidas se ve na necesidade de acollerse noutro fogar independente"), pero varias entidades sociais denuncian que non é suficiente e demandan cambios na norma e nos criterios de aplicación. En 2015 a Plataforma en defensa da Profesionalización dos Servizos Sociais (Proserso) alertaba das dificultades que os e as perceptoras de Risga atopan para afrontar o pagamento en solitario dun aluguer, o que as leva en moitas ocasións a compartir vivenda con outras beneficiarias da renda. A plataforma pedía que a normativa relaxase as esixencias neste punto, permitindo a convivencia nun mesmo domicilio de dúas persoas perceptoras, independentemente das súas cargas familiares.

 

Un novo criterio que pouco a pouco vai sendo asumido

Hai uns meses Lucía mudouse a outra vivenda, na que reside soa, para poder seguir percibindo a renda

O criterio de unha prestación de inclusión social por domicilio é habitual nas normativas de concesión de rendas deste tipo, pero nas iniciativas máis recentes comezan a recoñecerse as situacións de convivencia de varias unidades familiares nunha mesma vivenda. Así, na da Renda Social Municipal da Coruña sinálase que "como regra xeral concederase unha soa renda municipal por domicilio", aínda que se engade que "no caso de que nun mesmo domicilio convivan dúas ou máis unidades de convivencia e se valorase a necesidade de acceso a vivendas independentes, o número máximo de rendas sociais municipais que se poderán percibir será de dúas". De igual xeito, a Ordenanza de Garantía Básica Cidadá de Santiago de Compostela xa non explicita o límite de rendas sociais concedidas por domicilio, falando en todo momento de unidades de convivencia e incorporando o concepto de residencia colectiva, definido como "conxunto de persoas físicas que convivan nun mesmo enderezo sen manter os vínculos dunha unidade de convivencia".

Nas normas máis recentes comezan a recoñecerse as situacións de convivencia de varias unidades familiares nunha mesma vivenda

Fóra de Galicia, normas recentes comezan a aplicar estes mesmos criterio. Así, por exemplo, a nova renda valenciana de inclusión establece unha nova definición das unidades de convivencia, de maneira que dúas unidades distintas que convivan no mesmo domicilio poden ser receptoras da renda. Tamén en Navarra, a nova Lei de Renda Garantida inclúe a posibilidade de que exista máis dunha unidade familiar nun mesmo domicilio.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.