A Xunta espera aprobar no 2017, con tres anos de atraso, o decreto que regula a RISGA

Evolución do número de persoas perceptoras da RISGA Dominio Público Praza Pública

A finais do ano 2013 aprobouse a Lei de Inclusión Social de Galicia. A propia norma, nunha das súas disposicións derradeiras sinalaba que "a Xunta de Galicia, nun prazo máximo de seis meses desde a publicación desta lei, elaborará as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento e aplicación". O decreto que debía desenvolvela non chegou no prazo previsto (primeiro semestre de 2014) e tampouco nos dous anos seguintes, a pesar das recorrentes críticas das forzas políticas da oposición, asociacións profesionais e entidades sociais, que lembraban que determinados contidos da lei dependían da aprobación desta normativa complementaria.

A Consellería de Política Social vén de confirmarlle a Praza que "se está traballando na redacción" do decreto e que "está previsto rematar os trámites necesarios ao longo deste ano"

O Goberno autonómico foi resolvendo estas eivas a golpe de parches e instrucións administrativas. A Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS-Coia) denunciou este martes unha vez máis os efectos da carencia deste decreto: "Levamos anos padecendo a indefensión e a vulneración coa que a consellería resolve os ocos da lei, completados a golpe de opacas instrucións, e interpretacións restritivas" e sinalaba que "polo momento a data de publicación é descoñecida" e que "Non hai decreto porque non lles peta. Non hai decreto xa que poñelo en marcha obrigaríalles a desenvolver os apartados máis beneficiosos da lei para nós".

Se o texto é aprobado nalgún momento deste ano 2017, chegará con máis de 3 anos de atraso con respecto ás previsións e ao indicado na lei

A Consellería de Política Social vén de confirmarlle a Praza que "se está traballando na redacción" do decreto e que "está previsto rematar os trámites necesarios ao longo deste ano", engadindo que "esta é unha cuestión prioritaria para a Dirección Xeral de Inclusión Social". En calquera caso, se o texto é aprobado nalgún momento deste ano 2017, chegará con máis de 3 anos de atraso con respecto ás previsións e ao indicado na lei.

 

A Xunta mantén, de momento, o criterio dunha RISGA por domicilio

Unha das cuestións que terá que resolver o decreto é a posibilidade ou non de que nun mesmo domicilio convivan varias perceptoras da RISGA non ligadas por lazos familiares. A lei de 2013 fixa un criterio xeral que impide esta posibilidade e que lles dá ás persoas que se atopen nesta situación un prazo de seis meses para instalarse noutra vivenda. Porén, hai tres semanas unha sentenza dun xulgado de Vigo recoñeceu o dereito dunha muller a compartir domicilio con outras beneficiarias desta renda, sinalando o xuíz que "sería inverosímil que dúas persoas que perciben senllas prestacións para eludir a súa exclusión social, tivesen que excluírse mutuamente para non incorrer en esaxerada inclusión”.

A ODS-Coia denunciou este martes que "a Consellería de Política Social non vai cumprir esta sentenza" e que "seguirán dando 6 meses de prazo ás novas perceptoras de RISGA que vivan en domicilios nos que haxa outra perceptora, para mudarse de domicilio", engadindo que "con esta chulería na súa resposta, fican tranquilas e redimidas as súas conciencias". Dende a Consellaría, en conversa con Praza Pública, indícase que de momento vaise seguir empregando o mesmo criterio usado ata agora, en base á literalidade da lei, concedendo "unha soa RISGA por domicilio independente".

Dende a Consellaría afírmase que "se analizará esta sentenza por se o criterio que se está aplicando na actualidade puidese ser obxecto de revisión"

"No caso de que nunha mesma vivenda convivan dúas unidades de convivencia diferentes, non se denega a prestación por este motivo, senón que se concede condicionada a que, nun prazo de 6 meses, se acceda a un domicilio independente", dise dende a Xunta, que engade que "excepcionalmente, permítese o pago de dous RISGAS no mesmo domicilio cando quede acreditado que se trata dunha situación en que unha persoa con cargas familiares non compartidas véxase na necesidade de acollerse noutro fogar independente", unha excepción incluída na lei de 2013.

Con todo, dende a Consellaría afírmase que "se analizará esta sentenza por se o criterio que se está aplicando na actualidade puidese ser obxecto de revisión".

 

A Oficina de Dereitos Sociais pídelle á Xunta que mude o criterio de 'unha Risga por domicilio' © ODS-Coia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.