PSdeG e Galicia en Comun ven no ingreso mínimo vital un reflexo do que a Xunta pode facer se a esquerda goberna tras o 12X

Gonzalo Caballero, este 30 de maio en Santiago co alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo CC-BY-NC-SA PSdeG

"Histórico". Foi o cualificativo no que coincidiron os candidatos de PSdeG e Galicia en Común á Xunta tras a aprobación do ingreso mínimo vital (IMV) por parte do Goberno de España da coalición do PSOE e Unidas Podemos. A medida, que chega cando xa está lanzada a carreira cara á campaña das eleccións do 12 de xullo, foi lida tamén en clave galega dende ambas formacións. Cren que é un bo exemplo do que a Xunta pode facer se a esquerda logra o 12X escanos dabondo para conformar unha maioría de goberno alternativa á do PP.

Caballero ve no ingreso mínimo vital a mostra de que "hai unha saída pola esquerda" á crise derivada do coronavirus e di aspirar a que o PSdeG lidere dende a Xunta o "gran pacto pola reconstrución de Galicia"

Para o secretario xeral do socialistas, Gonzalo Caballero, o IMV non só é "un avance histórico", senón tamén a mostra de que na crise económica derivada do coronavirus, ao contrario do que aconteceu na anterior crise, si hai "unha saída pola esquerda". Hai marxe para unha "xestión diferente", advirte: "protexer e salvar a cidadanía en dificultades, con apoios e medidas como o ingreso mínimo vital" non é o mesmo que o que sucedía no Estado "coa dereita", que "o que salvaba, era aos bancos".

Neste sentido, Caballero cre que os efectos da covid-19 fan aínda "máis necesaria" unha medida que, a medio prazo, é "garantía dunha sociedade máis xusta" e "un impulso á recuperación económica" tras a pandemia. O líder socialista sinala que o IMV, no caso galego, súmase tamén ás "respostas dos concellos ás necesidades da cidadanía" durante o confinamento. Daquela, sinalou este sábado en Santiago, para o "gran pacto pola reconstrución de Galicia" só falta a Xunta e o PSdeG, di, quere lideralo dende o Goberno galego.

Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común, valorando a aprobación do IMV CC-BY-NC-SA GeC

Pola banda de Galicia en Común o seu candidato, Antón Gómez-Reino, tamén cre acaído o cualificativo de "histórico" para o ingreso mínimo vital. Pero en Galicia, advirte, o seguinte reto é aproveitar a oportunidade para "desterrar a pobreza" combinándoo cunha reforma da actual Renda de Inclusión Social de Galicia, tornándoa en "ferramenta real para combater a desigualdade".

Gómez-Reino: "O Goberno de progreso que saia das urnas o 12 de xullo aproveitará as oportunidades que nos brinda o autogoberno para aplicar unha Renda Básica Galega" aproveitando o IMV, asegura

"O Goberno de progreso que saia das urnas o 12 de xullo", di Gómez-Reino, terá que "aproveitar as oportunidades que nos brinda o autogoberno" para, aproveitando os recursos do ingreso mínimo vital do Estado e os xa dispoñibles da Risga, "implementar unha Renda Básica Galega propia". "Fronte aos odios, o ruído de sables, a división da dereita, ás Cayetanas... nós poñemos protección social e blindaxe dos servizos públicos e dos coidados". Por iso, considera, a Feijóo "moléstalle que o Ingreso Mínimo Vital non leve o logo" da Xunta do PP, "fronte a unha Risga que é escuálida e absolutamente ineficiente".

O Goberno central afirmou, na presentación do IMV, que a vocación da medida é que sexa "compatible" coas rendas de inclusión e de garantía de ingresos xa vixentes nas autonomías, como a Risga. Non obstante, no caso de Galicia esa compatibilidade esixe unha reforma da lei de inclusión social do ano 2013.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.