- O decreto da renda de inclusión anunciado por Feijóo incumpre o prazo legal dende xuño de 2014
- HEMEROTECA | Entidades sociais piden unha nova RISGA: con máis contía e máis accesible
No último debate de política xeral o presidente da Xunta incluíu entre os seus anuncios para os vindeiros meses a promulgación "antes de que remate o ano" dun decreto con diversas "melloras" para a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), unha prestación económica de "subsistencia" para persoas en "exclusión social ou risco de exclusión" cuxa contía máis frecuente rolda os 400 euros mensuais. Se o Goberno galego cumpre o prazo anunciado por Feijóo o decreto da Risga chegará con catro anos e medio de atraso sobre o fixado pola lei que a regula, impulsada pola propia Xunta.
Alén do sistemático incumprimento de prazos, o bosquexo do decreto lanzado pola Consellería de Política Social aínda con José Manuel Rey Varela á fronte indica que a nova norma traerá consigo novidades como unha regulación máis clara de dous dos baleiros que atinxen actualmente á Risga: a posibilidade de que convivan no mesmo domicilio varias persoas que a cobren e a súa compatibilidade temporal cun traballo. O que non está previsto que varíe é a súa contía xeral, 403 euros que fan da Risga a segunda renda de inclusión máis baixa do Estado.
As rendas de inclusión de Euskadi, Catalunya e Navarra son as máis elevadas e no caso dos fogares dun só membro só Madrid realiza unha achega inferior á de Galicia
O Centro SIIS de Documentación e Estudos da fundación vasca Eguía Careaga, especializada en estudos no ámbito social, vén de analizar as principais características das prestacións equivalentes á Risga en todo o Estado. Segundo esta análise das rendas de garantías de ingresos nas diferentes comunidades autónomas, as prestacións de Euskadi, Catalunya e Navarra seguen a ser as máis elevadas, como vén sucedendo historicamente. Mentres, a galega é a segunda máis baixa do Estado, só por riba da de Madrid, e unicamente se sitúa nunha zona media a respecto doutras autonomías nos fogares que teñen catro ou máis membros -o número medio de persoas por fogar en Galicia é de 2,53, segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística, correspondentes a 2016).
Atendendo aos datos recompilados polo SIIS, a diferenza entre as persoas en situación de exclusión social que viven soas en Galicia e as poboación na mesma situación en Euskadi, Navarra ou Catalunya é de máis de 200 euros ao mes e de máis de 100 a respecto da Comunitat Valenciana. No caso dos fogares de dous membros, o importe medio de 478 euros en Galicia contrasta cos case 900 euros de Catalunya e os máis de 800 de Euskadi ou Navarra. Neste caso, Galicia só está por diante de Andalucía, o mesmo que na renda de inclusión para fogares de tres membros.
Mobilización ante o Parlamento a prol de melloras na Risga / EM
A baixa contía da Risga con relación a outras autonomías rexístrase nun contexto de enorme incremento de persoas receptoras e mentres o decreto que a regula acumula catro anos de atraso a respecto do prazo fixado por lei
Estas notables diferenzas mesmo a respecto de autonomías cunha renda per cápita semellante á galega reflíctense tamén á hora de realizar unha comparativa de gasto por habitante neste tipo de prestacións. Mentres que en Navarra este indicador se eleva aos 130,35 euros por habitante -en Euskadi dispárase por riba dos 220, porque o cálculo inclúe unha prestación complementaria para vivenda-, en Galicia queda nos 20,47 euros por habitante e ano no ano 2016 -último dispoñible para o cálculo-. Neste caso hai máis gobernos por tras do galego: Andalucía (10,79), Valencia (8,90), Murcia (8,47), Balears (6,16) e Castilla-La Mancha (3).
Estes indicadores rexístranse nun contexto marcado polo notabilísimo incremento de persoas receptoras da Risga durante os anos da crise económica, pasando de menos de 5.000 perceptoras no ano 2009 a máis de 10.000 nos dous últimos anos coñecidos -2016 e 2017. Este foi o contexto no que a Consellería de Política Social chegou a quedar sen fondos en varias ocasións durante o pasado ano para atender as novas solicitudes -o crédito da Risga varía en función do número de persoas que cumpren os requisitos para cobrala-, tendo que recorrer a outras partidas do seu orzamento para abonalas.