Feijóo cuestiona a aplicación do ingreso mínimo vital que o Goberno central prevé implantar desde o vindeiro mes de xuño. Na rolda de prensa posterior á vídeoconferencia que mantivo con Pedro Sánchez e o resto de presidentes autonómicos, o presidente da Xunta queixouse de non coñecer os detalles dunha renda que será aprobada este martes no Consello de Ministros.
Feijóo reclama coñecer se a renda mínima do Estado se vai "solapar" coa Risga, aínda que o ministro Escrivá xa advertiu de que serían "complementarias"
"Non sabemos se se vai solapar coa Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) e se as 10.000 persoas que a perciben van cobrar ese ingreso mínimo vital ou se van coexistir os dous sistemas", dixo Feijóo. "Todas estas cousas, dado que xestionamos os servizos sociais, deberíamos coñecelas", insistiu sobre uns detalles que se debullarán este martes pero que o ministro de Inclusión e Seguridade Social, José Luis Escrivá, leva semanas adiantando.
Precisamente, hai xa máis dun mes e en varias intervencións cos medios, o ministro xa advertira de que as diferentes rendas de inserción ou mínimas das diferentes comunidades "serán complementarias e subsidiarias" á que implantará o Goberno central, polo que as autonomías "terán que redefinir as súas prestacións, tendo en conta que a partir de agora haberá un mínimo estatal grantido". "Cada comunidade, cos seus criterios, decidirá onde complementa ou se se centra nun colectivo que non quede cuberto polo Ingreso Mínimo Vital", manifestara.
Feijóo pediu a Sánchez que Galicia abandone o mando único nunhas semanas; a Xunta limitaría a capacidade dos locais e a entrada de persoas de fóra
Xa durante a súa intervención na vídeoconferencia, Feijóo, segundo fontes do Goberno autonómico, pediu coñecer "canto antes" información sobre esa renda mínima estatal, logo de mostrarse favorable hai xa semanas a que esa prestación se levase a cabo de maneira coordinada coas autonomías. O presidente da Xunta tamén reclamou coñecer os "criterios de repartición dos 16.000 millóns" que o Goberno central prometeu ás autonomías: "Coñecer que cantidade de diñeiro nos corresponde para poder xestionar programas de recuperación económica e social”.
Por outra banda, o Goberno central xa adiantou que varias comunidades autónomas poderían abandonar o mando único e o estado de alarma nas próximas semanas. Feijóo advertiu de que Galicia sería unha das "candidatas", tal e como lle manifestou na vídeoconferencia, aínda que aclarou que, nese caso, sería a Xunta quen marcase as restricións e límites de capacidade en locais e espazos e que mesmo límites á entrada de persoas desde fóra de Galicia.
"Proporíamos a mobilidade dentro da comunidade autónoma", dixo en referencia a que se remataría coa limitación provincial, pero tamén que se tomarían "cautelas para a entrada de cidadáns de territorios con situacións epidemiolóxicas distintas á de Galicia e menos favorables". Xa que logo, Feijóo abriu a porta a limitar a entrada no país a aqueles visitantes que procedan dunha autonomía na mesma fase, o que polo momento deixaría fóra algunha comunidade.
Sánchez abriu a porta a suprimir a restrición de mobilidade entre provincias en Galicia e o ministro de Sanidade a que as fases duren menos de 14 días
Ademais, o xefe do Executivo galego insistiu en reclamar a mobilidade da poboación galega por todo o territorio do país, sen restricións provinciais porque, dixo, "non ten sentido". A súa proposta, segundo advertiu, vai ser estudada por Sánchez, que se abriu a poder mudar a limitación de mobilidade por provincias en Galicia.
Sexa como for, o presidente do Goberno central situou a fin do estado de alarma e a recuperación da mobilidade en toda España a finais de xuño e o ministro de Sanidade, Salvador Illa, deixou a porta aberta a que as fases durasen menos de 14 días nalgún territorio.
Feijóo pide un "plan único" contra os rebrotes que poidan chegar co turismo
Alén disto, Feijóo criticou que se anuncie que vai haber tempada turística de verán, coa chegada de visitantes estranxeiros, mentres España "non ten ningún protocolo de rebrotes".
En vista de que os hoteis españois, "e como consecuencia galegos", van poder recibir turistas "da maioría de lugares do mundo", o presidente da Xunta cre que debe existir "un plan único" que sexa "meticuloso" con aqueles países de orixe e coa súa situación epidemiolóxica concreta.
Con todo, Feijóo asegurou que o Sergas xa "ten un plan de rebrote" do coronavirus, logo de asumir desde hai días que, malia desexar a chegada de moitos turistas, iso suporía un "risco", tal e como lle advirte o propio Sergas e os informes encargados polo seu Goberno.
Respecto da reapertura das praias, a Xunta rexeitou a instrución que introduce o BOE de manter unha distancia mínima de seis metros desde a liña de pleamar para contabilizar a capacidade máxima. "Supón, na práctica, vetar boa parte dos areais de Galicia", advertiu Feijóo, quen seguidamente propuxo que, "se aos concellos lles parece razoable", se marque a capacidade das praias en función de se a marea está alta ou baixa.
"Se hai que ter en conta a capacidade na pleamar, moitos areais non poderían ser utilizados practicamente por ninguén, ou se cadra por catro ou cinco persoas", rematou.