"O máis duro pasou. Vemos o final do túnel". Así comezou Pedro Sánchez o seu discurso este sábado no que celebrou que a maioría de España estará xa polo menos na fase 1 da desescalada a partir do luns. Como dixo hai un par de semanas, o Consello de Ministros decretará dez días de loito oficial o martes. O presidente do Goberno central asegurou que, malia que o virus segue existindo, cumpríronse os obxectivos marcados dobregando a curva e permitindo frear a súa expansión polo que considera que o Estado está preparado para pór en marcha a campaña turística deste ano, polo que pediu ao sector que se prepare para acoller turistas a partir de finais de xuño.
Pedro Sánchez cre que o Estado está preparado para póer ne marcha a campaña turística e pide ao sector que se prepare para acoller viaxeiros desde finais de xuño
A pesar de amosar un optimismo contido, o xefe do Executivo lembrou tamén que "existe unha España máis exposta aos vaivéns económicos producidos como consecuencia das restricións sanitarias" que ten "cicatrices aínda abertas da pasada crise económica" á que pretende destinar o ingreso mínimo vital que confirmou que se aprobará este martes. O obxectivo é que esta prestación --prevista no pacto de goberno entre PSOE e Podemos pero adiantada pola excepcionalidade provocada pola pandemia-- chegue a 850.000 fogares e que se empece a cobrar xa no vindeiro mes de xuño.
Sánchez destacou que supón "unha medida histórica" na democracia española "para que ninguén quede atrás" e aclarou que será unha prestación "habitual e permanente como a que xa existe noutros países de Europa". Logo de semanas de traballo, o deseño da renda básica quedou completado tras o traballo da Axencia Tributaria e dos equipos dos Ministeros de Seguridade Social e de Benestar Social, así como co "apoio" das comunidades autónomas, segundo detallou o presidente do Goberno.
O ingreso mínimo vital será "permanente" e o seu orzamento anual roldará os 3.000 millóns de euros
O seu orzamento anual roldará os 3.000 millóns de euros e a prestación amparará, segundo o Executivo central, catro de cada cinco persoas en situación de pobreza severa, polo que chegará a uns 850.000 fogares, a metade deles con pequenos.
A contía desta renda dependerá do número de membros do fogar, así como das súas rendas, e cubrirá a diferenza ata chegar a ese ingreso mínimo que lle corresponda a cada cada segundo o tamaño da familia. "É vital reducir a pobreza; nin o Goberno nin a sociedade van mirar cara a outro lado mentres haxa xente que forme ringleiras para comer", engadiu Sánchez, que destacou que é necesario "non repetir erros do pasado", en referencia á resposta á crise de hai anos, "onde se produciron situacións de desamparo que provocaron unha crise social inédita".
Polo demais, e segundo informa Irene Castro para eldiario.es, España disponse a "ir avanzando con paso firme reactivando a economía", segundo afirmou Sánchez, que se referiu especificamente a sectores "golpeados" como o turismo ou a hostalaría. O presidente do Goberno central asegurou, ademais, que o Estado será un destino seguro para os turistas estranxeiros. "O turismo necesita seguridade en orixe e destino non correrán ningún risco e tampouco traerán risco", dixo tras anunciar dous selos: un sanitario e outro ambiental e pedir aos viaxeiros que empecen e preparar as súas vacacións en territorio español e ao sector que se prepare porque a entrada de estranxeiros reactivarase en xullo.
O Goberno de España pretende así activar un dos sectores estratéxicos da economía española, que representa o 12% do PIB e supón un 13% do emprego. De feito, Sánchez lembrou que foi un dos que foi máis beneficiado polas medidas extraordinarias adoptadas durante a crise da Covid-19. Por exemplo, explicou que case tres de cada 10 traballadores acollidos aos ERTE -917.000- foron da hostalaría ou o turismo e que se realizaron 82.324 operacións por un importe de 6.441 millóns de euros das liñas de avais do ICO.
Ademais, e a pesar de que o Goberno considera que o estado de alarma debe permanecer vixente até o final do proceso de desescalada dado que é o único instrumento que lle permite impedir a mobilidade entre provincias así como restrinxir o dereito de reunión, Sánchez non deu por feito que solicitará unha sexta prórroga despois das complicacións para sacar adiante a última, que estará vixente até o próximo 7 de xuño.
Segundo o plan de desescalada, a mobilidade interprovincial estaría restrinxida ata que toda España se atope en fase de "nova normalidade" -que non chegará polo menos até o 5 de xullo en todo o territorio-, pero estudaba levantala nos territorios que fosen máis adiantados e deixala só nas provincias que fosen con atraso, como a Comunidad de Madrid, Barcelona ou Castilla y León.
Sánchez vaticina que no mes de xullo toda a cidadanía poderá moverse libremente polo Estado español
Sobre a sexta prórroga, Sánchez dixo que o abordará coas comunidades e os partidos políticos. En Moncloa aseguran que se estudarán "todos os escenarios". No entanto, Sánchez deu por feito que a mobilidade seguirá restrinxida até polo menos finais de xuño nalgúns territorios: "É unha boísima noticia que no mes de xuño vaiamos ter moitísimo territorio fóra do estado de alarma e practicamente a totalidade, senón a totalidade, moi probablemente se as cousas non se viran, a finais do mes de xuño. Polo tanto, no mes de xullo todos van poder moverse libremente polo territorio español".
Sánchez tamén expresou que se porá en marcha a continuación das actividades recreativas, como os cinemas, os museos ou os teatros, e anunciou que se autorizará a volta da liga de fútbol a semana do 8 de xuño, cando boa parte de España entre na fase 3 da desescalada, a última antes da "nova normalidade". "Co aval do Consello Superior de Deportes o Goberno deu luz verde para que se volva a celebrar a liga profesional a partir do 8 de xuño", sinalou o presidente, que tamén se referiu á recuperación de todas as actividades deportivas de "forma paulatina". "Por suposto, a pelota volverá rodar en condicións que garantan a máxima seguridade sanitaria para todos os participantes na competición", expresou.
Dez días de loito oficial a partir do martes
Sánchez tamén informou de que o vindeiro martes o Consello de Ministros decretará dez días de loito oficial polas máis de 27.000 vítimas da Covid-19 en España. As bandeiras ondearán a media hasta. O presidente do Goberno xa adiantou que decretaría o loito unha vez que a maioría de España se atopase nunha fase máis avanzada da desescalada. A partir do luns, todo o territorio estará en fase 1. Ademais, a pretensión do Goberno é realizar unha homenaxe de Estado nas próximas semanas que presidirá o xefe do Estado. O acto terá lugar cando toda España se atope en "nova normalidade", é dicir, non antes do mes de xullo.
Sánchez, que se reunirá este domingo cos presidentes autonómicos na undécima videoconferencia desde que se decretou o estado de alarma, compareceu tras unha das semanas máis convulsas para o Goberno a raíz do acordo con EH Bildu a cambio da súa abstención na quinta prórroga. Sánchez deu a orde de negociar a varias bandas ante o temor a non conseguir os apoios necesarios. "Os votos non estaban garantidos", admitiu. PSOE e Unidas Podemos subscribiron un acordo coa formación abertzale que contemplaba a derrogación íntegra da reforma laboral antes de que terminen as medidas económicas extraordinarias activadas por mor da emerxencia sanitaria que molestou á patronal, forzando unha rectificación dos socialistas que rebaixaron o compromiso aos aspectos máis lesivos desa reforma.
"O máis importante para o Goberno e para os grupos que sosteñen ao Goberno era a prórroga, o irresponsable é que o PP votase en contra", di Sánchez
O presidente admitiu que no goberno de coalición existen distintas "sensibilidades" sobre o asunto, tal e como deixaron patente os vicepresidentes Pablo Iglesias e Nadia Calviño, pero asegurou que non son posicións "contraditorias". Así, Sánchez lembrou que hai unha serie de compromisos da investidura, entre eles a derrogación da reforma laboral, pero admitiu -na liña que se pronunciou a vicepresidenta económica tras o enfado da patronal- que "non ten sentido expor eses debates" cando o que se aborda é o estado de alarma para protexer a saúde pública: "Sexamos conscientes de que o debate ten que ver coa emerxencia sanitaria".
Sánchez culpou o PP de que o Goberno tivese que negociar con outros grupos asuntos que nada tiñan que ver coa emerxencia sanitaria nin a crise da Covid-19 pola súa negativa a estender a alarma: "O máis importante para o Goberno e para os grupos que sosteñen ao Goberno era a prórroga, o irresponsable é que o PP votase en contra, non é que se abstivese, é que se opuxo e ao pasar isto hai grupos minoritarios que abren a espita doutros temas de Goberno na lexislatura". Sánchez referiuse á "derrogación de leis" ou o "financiamento", que puxo sobre a mesa Compromís: "Todo iso poderíase evitar se o PP no canto de votar non se abstén ou votase a favor; pero esta non é desgraciadamente a realidade"