Advertiuno este pasado xoves o ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá, e confirmouno este venres a ministra de Traballo, Yolanda Díaz: a renda mínima está moi preto de ser aprobada.
O Goberno central conta con aprobar o ingreso mínimo vital nas vindeiras semanas
Aínda que a aprobación dese ingreso mínimo vital estaba previsto para esta lexislatura, o grave impacto económico da crise provocada polo coronavirus provoca que se adiantasen os prazos e que o Goberno central conte xa con aprobar esa renda mínima nas vindeiras semanas.
"Cónstame que os equipos dos ministerios están traballando con intensidade", advertiu Díaz nunha entrevista na Cadena SER sobre unha medida que están aquelando o seu propio departamento, o de Seguridade Social e a Vicepresidencia de Dereitos Sociais. "Sen lugar a dúbidas, agora precisámola máis que nunca", insistiu.
A renda mínima buscará "dar cobertura a todos os sectores vulnerables que están quedando fóra" das medidas implantadas pola crise da Covid-19
Díaz non quixo concretar se a renda mínima --que considera "clave" nesta altura-- será aprobada xa no vindeiro Consello de Ministros, pero si aclarou que buscará "dar cobertura a todos os sectores vulnerables que están quedando fóra" do conxunto de prestacións implantadas.
De feito, tal e como asegurou tamén o ministro Escrivá, o Goberno central busca con este ingreso mínimo vital "facer unha reordenación das múltiples prestacións da Seguridade Social". "Por iso leva máis tempo, pero vai saír", insistiu Díaz.
A ministra de Traballo cre que esta renda mínima servirá tamén para "racionalizar mellor os recursos" e evitar que certos colectivos queden fóra das axudas e lembra que aínda que o Executivo aprobou dous subsidios concretos --para traballadores temporais e para empregadas do fogar-- "non é o idóneo" ter que ir artellando recursos específicos para diferentes sectores.