Duro golpe ao mercado laboral pola crise da Covid-19. O paro rexistrado aumentou en 8.252 persoas en Galicia no pasado mes de marzo, deixando a cifra total en 174.481 tras un ascenso mensual de case o 5% e o maior aumento en termos absolutos desde novembro de 2009, hai máis de dez anos e coa última gran crise empezando a bater con forza.
O aumento mensual do paro en Galicia é o maior desde novembro de 2009; o incremento anual é o máis importante desde marzo de 2013
Son 3.640 persoas máis apuntadas nas oficinas de emprego con respecto a hai un ano (+2,13%), a maior suba desde marzo de 2013, unhas cifras máis que agardadas polo impacto do coronavirus e das medidas de confinamento na economía, aínda que ningunha delas amosa aínda a dura realidade do golpe xa que, por exemplo, non contan como parados os afectados por ERTE, que en Galicia, segundo os últimos datos da Xunta, sumaban 151.141 persoas tras case 30.000 (28.814) expedientes.
Tampouco se amosa toda a dura realidade nas cifras da afiliación facilitados pola Seguridade Social, xa que apuntan o número de ocupados medios, que en Galicia diminuíu en 9.730 durante o mes de marzo e en 1.781 con respecto a hai un ano, quedando o total en pouco máis de 1 millón de persoas. Con todo, a caída da afiliación interanual no país é a maior desde marzo de 2014, mentres que en termos mesuais é a peor baixada desde decembro de 2008, no momento no que empezaba a última gran crise económica.
Desde o 12 de marzo e ata final de mes, en España destruíronse 900.000 empregos polo efecto da crise do coronavirus
No entanto, como explica o Ministerio de Traballo, a caída é moitísimo maior de atender ao efecto da Covid-19. Do 12 ao 31 de marzo, como explica, o saldo da afiliación en España caeu en case 900.000 persoas (898.822 cotizantes menos) en tan só dúas semanas.
En Galicia, á espara dos datos absolutos, desde ese día e ata final de mes, o número de persoas afiliadas á Seguridade Social baixou nun 3,54%, fronte ao 4,65% da media estatal. De feito, as provincias de Ourense e Lugo sitúanse entre as menos afectadas, mentres que Pontevedra é unha das que máis sufriu destrución de emprego.
Nestas cifras estatais a partir do día 12 destaca "con gran diferenza na caída da afiliación nos contratos temporais, un 17,3%", segundo sinala o Ministerio de Traballo, ao tempo que o descenso na ocupación ligada aos contratos indefinidos é do 1,92%. Estes datos teñen que ver, sobre todo, cos milleiros de persoas que desta vez non se incorporaron temporalmente aos seus empregos pola campaña de Semana Santa.
Os datos de persoas afiliadas, como indica o Goberno central, seguen a incluír os traballadores nun ERTE pola Covid-19, un total de case 260.000 persoas no conxunto do Estado, xa que seguen a cotizar á Seguridade Social.
"Son datos absolutamente excepcionais e das medidas que tomemos dependerá a saída e reconstrución rápida desta crise que xa é social e económica", advertiu Yolanda Díaz, ministra de Traballo, durante a rolda de prensa para debullar os datos.
"Son datos absolutamente excepcionais e das medidas que tomemos dependerá a saída e reconstrución rápida desta crise", advirte Yolanda Díaz
"Os datos son espectaculares e sen precedentes, pero responden a unha situación excepcional", engadiu o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, que advertiu de que as medidas temporais aplicados son "moi importantes" e destinadas a "garantir as rendas daquelas persoas que se están vendo afectadas pola crise".
En canto aos contratos, no mes de marzo rexistráronse case 56.000 en Galicia, o que supón 16.515 menos con respecto ao mes pasado (un descenso de case o 23%) e 20.000 menos cos realizados hai un ano. Dende 2014 non se rexistraba neste mes unha cifra tan baixa de contratacións.
Desde a Xunta, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, aproveitou a habitual análise dos datos do paro para pedir ao Goberno central "que rectifique e transfira a Galicia os 100 millóns de euros que lle corresponden para formación, permitindo, deste xeito, a reactivación do mercado laboral galego unha vez se supere a crise da Covid-19".
Para Conde, o uso dos fondos de formación por parte do Executivo central "racha as oportunidades para que Galicia e o seu tecido produtivo poidan saír da situación actual nas mellores condicións posibles, xa que a mellor política social que se pode desenvolver é unha política de emprego para a que eses 100 millóns son fundamentais".
Respecto dos datos do paro rexistrado, a Xunta destaca que Galicia é "a comunidade que rexistra un mellor comportamento a nivel estatal, ao ser na que menos sobe o paro en termos relativos fronte ao 9,01% da media española".