Os efectos económicos da pandemia de coronavirus, os que xa se están a notar e os que se prevén para os vindeiros meses, puxeron de máxima actualidade o debate sobre a renda básica universal. A proposta, impulsada dende hai anos por un gran número de movementos sociais, está a ser agora reivindicada por sectores máis amplos da sociedade.
Os efectos económicos da pandemia de coronavirus, os que xa se están a notar e os que se prevén para os vindeiros meses, puxeron de máxima actualidade o debate sobre a renda básica universal
De feito, o Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos anunciou que en maio entrará en vigor un proxecto de Ingreso Mínimo Vital e mesmo representantes do liberalismo económico, como o vicepresidente do Banco Central Europeo Luis de Guindos, apostan pola aplicación dunha "renda mínima" mentres duren os efectos da crise xerada polo coronavirus. Con todo, cómpre sinalar que o proxecto de Ingreso Mínimo Vital e probablemente a proposta formulada por De Guindos non se corresponden totalmente coa Renda Básica Universal (RBU) defendida por estes colectivos.
A proposta da RBU busca reducir as desigualdades sociais a través dunha maior redistribución da riqueza existente na sociedade, cunha única prestación que todo o mundo recibiría independentemente da súa renda previa e que as persoas con máis ingresos terían que devolver posteriormente a través do pagamento do IRPF. A renda básica universal substituiría ás demais axudas e prestacións, simplificando os trámites e procedementos, pois a súa percepción sería incondicional. Entendida como un dereito e non como unha prestación, achegaría un ingreso mínimo para quen non tivese ingresos nestes momentos e completaría os salarios dos traballadores e traballadoras máis precarias, ofrecendo deste xeito unha maior liberdade para a escolla dun emprego. Pola contra, reduciría nunha pequena parte as rendas da minoría social con máis ingresos, a través dun aumento nos impostos directos que pagan.
Estes colectivos esixen "superar as políticas sociais vixentes e apostar dunha vez por dereitos fortes que estean dotados do persoal e dos recursos necesarios"
Este martes trece colectivos sociais galegos lanzaron a campaña Renda Básica Xa, que busca impulsar esta proposta co obxectivo de facer fronte ás desigualdades económicas existentes na sociedade e á perspectiva de empobrecemento e maiores necesidades que se albisca como consecuencia da epidemia de coronavirus. Hai un par de semanas o Foro Económico de Galicia publicou unha previsión que falaba de que Galicia podería perder entre un 5,6% e un 7,4% do seu PIB de forma inmediata e que prevía que a recuperación sería máis lenta do desexable. Este luns o Banco de España empeoraba esa previsión para todo o Estado.
A campaña Renda Básica Xa está apoiada polo Foro Galego de Inmigración, a Oficina Dereitos Sociais de Coia, os Colectivos pola Renda Básica Universal de Compostela, Betanzos e A Coruña, Boa Vida, SOS Racismo Galicia, a ONGD Viraventos, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Coordinación Baladre contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social, a Coordinadora de Crentes Galeg@s, a Asociación Fuco Buxán e Vangarda Obreira da Coruña.
En decembro do ano 2018 unha ducia de entidades -entre as que estaban boa parte das que impulsan esta nova campaña- fixeron un chamamento a prol dunha RISGA "suficiente" e que superase algunhas das súas eivas de funcionamento, como os atrasos na súa concesión ou os obstáculos burocráticos de tramitación. Porén, sinalan que a actual situación de emerxencia e a constatación de que a Renda de Inclusión Social de Galicia mantén os problemas que xa detectaban nese momento fai "imprescindible" a aplicación de medidas máis ambiciosas, coma a Renda Básica.
Estes colectivos salientan que "a moitas galegas esta crise pillounas núas, orfas de protección" e que "o futuro albíscase complicado, en forma de despedimentos, ERTEs, precariedade, despexos ou mortes"
Estes colectivos salientan que "a moitas galegas esta crise pillounas núas, orfas de protección" e que "o futuro albíscase complicado, en forma de despedimentos, ERTEs, precariedade, despexos ou mortes". Rexeitan a RISGA polas súas "contías miserentas" e por ter unha "taxa de cobertura da poboación empobrecida ínfima e cun nivel altísimo de burocracia", que se traduce "en obstáculos e atrasos" e "non serve para cubrir necesidades básicas". "A RISGA non serve para erradicar a pobreza, nin antes da crise do COVID19, nin moito menos cara o futuro que entrevemos. Mais ben ofrece xestionar a miseria, ao igual que as medidas que propoñen", engaden.
E, así mesmo, tamén reciben con dúbidas a proposta de Ingreso Mínimo Vital do Goberno central do que "descoñecemos o detalle da súa cobertura", sinalan, engadindo que "polo que imos sabendo semella que vai beber das mesmas fontes que as políticas de rendas mínimas". Neste senso, estes colectivos esixen "superar as políticas sociais vixentes e apostar dunha vez por dereitos fortes que estean dotados do persoal e dos recursos necesarios".
As limitacións da RISGA
Rexeitan a RISGA polas súas "contías miserentas" e por ter unha "taxa de cobertura da poboación empobrecida ínfima e cun nivel altísimo de burocracia"
Na campaña, estes colectivos fan fincapé nas diferenzas existentes entre a actual RISGA e as propostas de Renda Básica Universal (as características do Ingreso Mínimo Vital aínda non foron detalladas). A RISGA ten un importe duns 439 euros mensuais (un dos máis baixos de todo o Estado) e os trámites para a súa concesión teñen unha duración que nestes momentos pode chegar a varios meses, sobre todo en certos lugares, como Vigo.
Así mesmo, lembran que a súa cobertura é "escasa" pois algo máis de 10.000 persoas cobran a RISGA en 2020, fronte as 470.000 que se atopan en situación de exclusión social, das cales 226.946 persoas malviven en situación de exclusión severa segundo Cáritas. Finalmente, a campaña lembra os problemas burocráticos que atopan moitas das persoas que solicitan a RISGA, especialmente cando comparten vivenda con outras persoas que reciben esta prestación, o que no pasado deu lugar a conflitos, resoltos pola xustiza.