Menos dun mes ou máis de cinco. Este é o tempo que unha persoa sen recursos pode ter que agardar ata que se resolve a súa soliticitude de concesión da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), en función de se reside nunha ou noutra cidade de Galicia. Os tempos medios de espera no pasado ano reducíronse en case todas as urbes, pero seguen a presentar enormes diferenzas entre unhas e outras.
Vigo segue a ser o lugar no que este proceso ten unha duración maior, cun total de 157 días
Así, Vigo segue a ser o lugar no que este proceso ten unha duración maior, cun total de 157 días, unha cifra que -iso si- mellora notablemente os datos de 2017, fixados en 191 días (máis de seis meses de espera). En calquera caso a cidade olívica segue a multiplicar os indicadores das restantes urbes galegas. A Coruña (85) e Ourense (67) son os seguintes lugares no que a tramitación leva máis tempo, por diante de Lugo (57), Ferrol (53) e Santiago (51). A gran distancia aparece, finalmente, Pontevedra, con só 22 días de espera.
Os obstáculos burocráticos e os longos tempos de espera veñen sendo criticados nos últimos anos por colectivos sociais e entidades profesionais, que reclaman unha mellora da coordinación entre administracións e dos mecanismos postos en marcha pola Consellería de Política Social.
As sete cidades galegas suman 5.877 perceptoras da RISGA, máis da metade das existentes en Galicia. Vigo é con moita diferenza o concello con máis persoas perceptoras, xa que suma case unha cuarta parte (2.427) do total galego. No conxunto de Galicia o número de rendas concedidas experimentou un crecemento espectacular entre 2012 e 2017 (+52%), pero nas áreas urbanas este incremento foi aínda maior, dun 66% nos últimos cinco anos.