O número de persoas perceptoras da RISGA nas cidades galegas aumentou un 66% dende o 2012

Entidades sociais reclaman un incremento na dotación da RISGA e máis facilidades no seu acceso Dominio Público Praza Pública

Nos últimos anos disparouse o número de persoas perceptoras da RISGA (unha axuda fixada actualmente nos 403,38 euros ao mes). Das 4.178 familias que se beneficiaban desta axuda en 2007 pasouse a 6.718 en 2012 e a 10.761 en 2016, ano no que se acadou un máximo histórico. No 2017, por primeira vez en máis dunha década, o número de rendas entregadas diminuíu ata as 10.371, segundo datos da Consellería de Política Social.

Aínda que as persoas perceptoras de RISGA distribúense por todo o país (tan só en 40 concellos non está rexistradas ningunha delas), son as cidades e as grandes vilas onde se concentra un maior número de persoas beneficiarias. De feito, as sete grandes cidades suman 5.877 familias con RISGA, máis da metade do total. Vigo é o concello con máis familias beneficiarias, con 2.427, seguido da Coruña (1.188), Lugo (664), Ourense (623), Ferrol (407), Pontevedra (302) e Compostela (266). Algunhas outras localidades, como Vilagarcía de Arousa (265), Ponteareas (258), Carballo (154), Verín (143), O Porriño (121), Arteixo (113), Narón (109) e Lalín (106) suman tamén máis de cen familias perceptoras desta renda.

Se no conxunto do país o número de RISGA concedidas experimentou un crecemento espectacular entre o 2007 e o 2017 (+148%) e entre 2012 e 2017 (+52%), na Galicia urbana este incremento foi aínda maior, dun 66% nos últimos cinco anos. Aínda que Vigo é con moita diferenza o concello con máis persoas perceptoras, xa que suma case unha cuarta parte do total, outras cidades como Santiago de Compostela (+198%), Pontevedra (+124%), Lugo (+95%) ou A Coruña (+95%) tiveron os maiores incrementos dende o 2012.

Cómpre salientar outros casos, como Culleredo, Marín ou Sarria, que nos últimos cinco anos máis que triplicaron o número de rendas concedidas. Ou os de Ponteareas, Lalín, Monforte, A Estrada, Ames, Ribadeo ou A Guarda, que as duplicaron.

 

Hai uns días a Xunta sacou a exposición pública o decreto que regulará a RISGA e que desenvolve a Lei de inclusión social de Galicia aprobada a finais de 2013. O decreto acumula catro anos de atraso e dá os últimos pasos para a súa aprobación. Forzas da oposición e entidades sociais criticaron que Política Social escollese precisamente o mes de agosto para abrir este derradeiro período de envío de correccións e suxestións, que finalizará o 28 de agosto. 

A contía de referencia da RISGA seguirá a ser de 403,38 euros ao mes (o 75 % do IPREM) e o complemento do alugueiro seguirá fixado no 10% do IPREM, é dicir, uns 54 euros ao mes. Nos últimos meses asociacións profesionais e entidades sociais demandaron cambios na RISGA para convertela nunha prestación "suficiente, digna, accesible e eficaz".

Vigo é o concello con máis familias beneficiarias, con 2.427, seguido da Coruña (1.188) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.