667.657 galegos e galegas (un 24,3% da poboación) atópanse en risco de pobreza o exclusión social, segundo os datos do INE. A Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA) supón un apoio imprescindible para moitas delas. Porén, as limitacións orzamentarias (a pesar do recente incremento da dotación) e os atrasos e dificultades na súa concesión limitan a súa efectividade. De feito, en 2013 foron denegadas un 41,27% das solicitudes e entre aquelas que si foron aceptadas houbo importantes atrasos na tramitación dos expedientes: 2,7 meses de media na administración local e 5,8 meses na administración autonómica.
En 2013 foron denegadas un 41,27% das solicitudes e entre aquelas que si foron aceptadas houbo importantes atrasos na tramitación dos expedientes: 5,8 meses na administración autonómica
No marco do IV Foro de Capacitación sobre pobreza, exclusión social, terceiro sector e voluntariado, celebrado o pasado xoves e venres en Compostela, presentouse o informe Por unha RISGA efectiva, realizado a partir de entrevistas con 74 profesionais e beneficiarios e que busca axudar a mellorar a aplicación desta renda en Galicia. O informe parte dunha análise crítica da situación actual e cun enfoque construtivo, político e técnico, ofrece suxestións de mellora do funcionamento da RISGA.
En Galicia 11.753 persoas son beneficiarias da RISGA, segundo datos de 2013
En Galicia 11.753 persoas son beneficiarias da RISGA, segundo datos de 2013, unha cifra que máis que duplica o número de perceptoras de 2011 (5.793). Esta cifra representaba en 2012 (último ano con datos oficiais do Ministerio) unha taxa de 3,1 beneficiarias por cada mil habitantes, por debaixo da media española (4,6) e moi lonxa das rexistradas noutras comunidades do norte: Euskadi (31,9), Navarra (12,3), Asturias (8,8) ou Cantabria (7,5).
Hai dez meses aprobouse a nova Lei de Inclusión, valorada en xeral de forma moi positiva polas entidadas que traballan na loita contra a pobreza e a exclusión social, como destacaba hai uns días Xosé Cuns (EAPN-Galicia) en entrevista con Praza: "valoramos moi positivamente a Lei de Inclusión entre outras cousas porque recoñece -a diferenza do que sucede noutras comunidades autónomas- que nestas situacións de exclusión non só teñen que intervir os servizos sociais, senón que isto é un continuo: os servizos sociais atenden a súa situación persoal e familiar, pero despois ten que haber unha relación moi estreita cos servizos de emprego e cos servizos de formación para o emprego". Dende a Rede Galega de Loita contra a Pobreza tamén se destaca o notable incremento orzamentario para o pagamento da Risga, que pasou de 23,8 millóns de euros en 2012 até os 39,7 millóns na actualidade.
Dende a Rede Galega de Loita contra a Pobreza tamén se destaca o notable incremento orzamentario para o pagamento da Risga, que pasou de 23,8 millóns de euros en 2012 até os 39,7 millóns na actualidade
Porén, a Lei de Inclusión aínda non foi acompañada do necesario regulamento que a debe desenvolver e facer efectiva a súa aplicación, e que debería ter sido aprobado antes do verán, nos seis primeiros meses de vixencia da lei. "Hai moitas dúbidas e é un clamor a necesidade de formación e de información que teñen os servizos sociais comunitarios e as nosas organizacións, as persoas que directamente traballan sobre esta realidade", salientaba Cuns.
A Lei de Inclusión aínda non foi acompañada do necesario regulamento que a debe desenvolver e facer efectiva a súa aplicación, e que debería ter sido aprobado antes do verán
Estes son algúns dos aspectos nos que máis incide o informe Por unha RISGA efectiva. O texto lembra que "un número elevado de solicitantes non poden acceder por non cumprir os requisitos ou por dificultades orzamentarias" (en 2013 foron denegadas un 41,27% das solicitudes) e incide en que "se deixa fóra a novos perfís de solicitantes derivados da crise económica actual: parados de longa duración e afectados pola precaridade laboral". Ademais, outros colectivos tamén sofren esta exclusión, sobre todo migrantes en situación irregular ou regular, persoas sen fogar e residentes en vivendas temporais. O informe conclúe que estas denegacións provocan "incerteza e desánimo" na poboación e que "moitos beneficiarios potenciais non a solicitan porque non saben que teñen dereito ou porque presupoñen que non lla van conceder".
O documento fai fincapé nos constantes atrasos nas concesións (case seis meses de media, e numerosos casos de ata oito meses), e destaca que houbo moi escasas resolucións de solicitudes presentadas no 2014. Tamén denuncia que en moitas ocasións, cando se excede o prazo legal para resolver as peticións, a concesión resólvese negativamente por silencio administrativo.
"Déixase fóra a novos perfís de solicitantes derivados da crise económica actual: parados de longa duración e afectados pola precaridade laboral"
O texto lembra tamén a "importante escaseza orzamentaria" en comparación con outras comunidades autónomas, que provoca unha "escasa" contía da prestación que non garante "un nivel de vida digno", aínda que recoñece o incremento das partidas dedicadas a este tipo de axudas nos dous últimos anos. Critica tamén a "imposibilidade de aboar atrasos" e lembra o efecto negativo provocado polos recortes de persoal en servizos sociais comunitarios, que fai que creza o xa importante peso das entidades do terceiro sector na asistencia destes colectivos.
O informe denuncia o "sobresforzo e frustración dos profesionais dos servizos sociais comunitarios e ONG implicadas" provocados en boa medida pola elevada carga burocrática xerada pola diversidade e complexidade de instrumentos. Neste senso critica que en moitas ocasións realízase “traballo para os papeis, non para as persoas”. Ademais, afirma que "o gran volume de solicitudes denegadas supón unha gran cantidade de traballo inútil que impide seguimentos eficaces e un proceso de inclusión real". Entre as 74 persoas entrevistadas, un 58% considera que a documentación manexada é "excesiva" e que o proceso de tramitación é "pouco fluído".
O informe denuncia o "sobresforzo e frustración dos profesionais dos servizos sociais comunitarios e ONG implicadas" provocados en boa medida pola elevada carga burocrática
Critícase tamén a "mellorable" comunicación entre as distintas administracións e departamentos, sinalando que semella existir unha "aparente desconfianza entre os distintos niveis da Administración e cos demais organismos e entidades participantes". Así mesmo, afirma que os e as profesionais non están aínda instruídas nin formadas sobre os cambios que introduce a nova Lei de Inclusión.
Finalmente, o informe realiza unha serie de recomendacións ou suxestión de mellora destes procesos, que deberían comezar polo incremento do persoal existente nos concellos e entidades asociadas, co obxectivo de cumprir as ratios previstas e "posibilitar un seguemento efectivo dos casos". Así mesmo, pide máis persoal específico encargado dos itinerarios de inserción. E, buscando reducir a complexidade burocrática, propón realizar máis comprobacións de información por vía telemática, unha "maior complementariedade entre o informe social, máis adaptado, e a documentación requirida", así coma unha simplificación do Informe Social (ISI) para a área de Inclusión.