Unha 'illa' sen fibra óptica na Limia: mocidade de Moreiras pide poder teletraballar na aldea

Mocidade de Moreiras, en Xinzo de Limia, ceando á luz das candeas no exterior dunha casa da aldea © Teleclub Moreiras

"Non podemos traballar con conexións lentas, inestables ou inexistentes", asegura a veciñanza da parroquia de Moreiras, no concello de Xinzo de Limia, que quedou sen conexión a internet por fibra óptica, como unha "illa" entre outros lugares aos que si chegou este servizo.

"Estamos a dous quilómetros de onde está a fibra, poderían enganchala desde o pobo anterior ou o seguinte; pero ninguén nos fai caso", explica Ariadna Losada, veciña de Moreiras e membro da asociación Teleclub Moreiras, que reclamou as administracións públicas e a todas as compañías telefónicas a necesidade de contar cunha boa conexión á rede para favorecer a vida nesta aldea. 

Grupo de casas de Moreiras, Xinzo de Limia CC-BY-SA Chairego apc

En Moreiras hai corenta casas habitadas e practicamente en todas precisan dunha conexión a internet estable. "Uns queremos poder teletraballar desde aquí para poder vivir na aldea, pero quen ten aquí o seu traballo tamén precisa de internet, moitas granxas están agora domotizadas e para controlalas é necesario ter unha boa conexión", conta Losada, que traballa en comunicación dunha empresa do sector téxtil galego e non pode depender dunha conexión precaria coa que tarda vinte minutos en descargar un documento. 

"Estamos a dous quilómetros de onde está a fibra, poderían enganchala desde o pobo anterior ou o seguinte; pero ninguén nos fai caso", explica Ariadna Losada, veciña de Moreiras e membro da asociación Teleclub Moreiras

A asociación Teleclub Moreiras agrupa a preto de 120 persoas e naceu para representar a toda a veciñanza da aldea diante das institucións. "Xuntos temos máis forza", salienta Ariadna Losada, quen conta como recuperaron o uso de espazos comunitarios para realizar actividades que poidan reunir a xente maior coa máis nova. Son máis dunha ducia de rapazas e rapaces os que volveron habitar a aldea, sobre todo despois da pandemia, e precisan dunha conexión a internet segura para poder quedar

No último ano acudiron ao Concello de Xinzo, que non ten competencias no asunto; á Xunta, da que non obtiveron resposta; e á Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, dependente do Ministerio para a Transformación Dixital, que tampouco contestou ás súas peticións. En paralelo, contactaron con todas as compañías telefónicas, que se limitan a anotar a solicitude á espera de que se decida instalar a fibra óptica alí. "Din que se o pide moita xente a instalarán, pero non é certo porque xa chamou todo o pobo e non cambia nada", asegura Losada, que aposta por visibilizar o problema para tentar conseguir o seu obxectivo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.