Movistar suprime o teléfono fixo no Courel sen alternativas con cobertura ou acceso para todos os núcleos

Santa Eufemia de Visuña, parroquia de Folgoso do Courel CC-BY-SA Carlos de Paz

Movistar suprime o 26 de novembro o servizo fixo de telefonía e ofrece fibra óptica, que só chega a dous núcleos, ou acceso móbil, con moitas zonas sen cobertura

"A partir do vindeiro 26 de novembro deixamos de prestar servizos de comunicacións fixas sobre a rede de cobre na súa vivenda". "O 26/11/2021 deixará de funcionar o servizo no teu teléfono fixo". Con mensaxes así -por carta ou SMS- veciñanza de Folgoso do Courel foi advertida nos últimos días por Movistar de que o vindeiro venres deixará de funcionar a comunicación fixa habitual de telefonía e internet da compañía na zona. 

A rede de cobre tradicional está a ser desmantelada pola empresa do grupo Telefónica e o peche das centrais que lle dan servizo chega agora a esta zona da montaña de Lugo. A opción de balde que ofrece Movistar é o cambio á fibra óptica, unha tecnoloxía que non chega, nin moito menos, a todos os núcleos do Courel. Como alternativa ofrece acceso fixo radio, sistema habitual en moitas vivendas do rural galego, que proporciona con tecnoloxía móbil as prestacións dun fixo. O problema? Moitas zonas de Folgoso sofren aínda da falta de cobertura que agora agudizaría os problemas de conexión. Os mesmos atrancos no caso da opción do satélite, pouco efectiva na zona. 

Meiraos, parroquia de Folgoso do Courel CC-BY-SA Igrexas

"Se non cambias a unha das tecnoloxías alternativas ofrecidas non poderás seguir gozando do teu servizo de comunicacións fixas contratadas xa que procederemos a desconectar o servizo sobre a rede de cobre e perderás o teu actual número de teléfono", advirte Movistar nas cartas enviadas á súa clientela en Folgoso.

O anuncio de Movistar -que cobre a maioría do territorio no Courel- ergueu a indignación de veciñanza e do propio Concello ante o enésimo problema de falta ou empeoramento de servizos básicos en zonas onde as avarías masivas da rede telefónica ou os cortes xeneralizados de subministro eléctrico foron habituais nos últimos invernos, quedando aldeas varios días incomunicadas. "É un desmantelamento máis de servizos en lugar de modernizalos", denuncian desde Folgoso.

A fibra óptica só chega a Folgoso e Seoane e a cobertura de móbil é nula en varias zonas do Concello: "É un desmantelamento máis de servizos"

A fibra óptica tan só chega a dous núcleos, Seoane e Folgoso, a través do tendido de postes que vén de Monforte. "É a mellor solución pero, obviamente, non dá servizo a todos os lugares, núcleos nin vivendas", explica Óscar Carrete, veciño da zona e concelleiro de C@urel Vivo, que alerta da problemática que chega: "Se todo vai por tecnoloxía móbil acabaranse saturando as liñas porque faltan repetidores e os que se instalaron teñen equipos reciclados". Esa tecnoloxía obsoleta, denuncia, provoca que os cortes sexan habituais. 

Ademais, Carrete advirte das múltiples zonas onde a cobertura de móbil é inexistente ou complicada e dos problemas que pode crear en vivendas e negocios. A un deles, o acampamento O Caurel, non chega a fibra óptica, que está a 800 metros. Movistar non asegura a conexión de non estar a 400, nin tan sequera pagando o propio interesado a obra. "Se non lles é rendible, non o van facer porque tampouco hai administración que os obrigue malia que reciben importantes subvencións", engade. 

Comunicacións enviadas por Movistar a respecto da fin do servizo de telefonía fixa, sobre unha vista de Visuña, en Folgoso do Courel, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Foto: Jéssica Blanco | Montaxe: Praza.gal

"En vez de modernizar os repetidores ou poñer máis para asegurar que chegue polo menos o 3G a algunhas zonas, o único que fan é empeorar o servizo", explica Carrete. Desde a súa formación preparan xa reclamacións ao Estado, a través da Oficina de Atención ao Usuario das Telecomunicacións, e peticións á UE ao ser Movistar receptora de fondos europeos para a mellora do servizo no rural. 

Desde o Concello, a alcaldesa, Dolores Castro, demanda tamén á compañía que busque solucións e anunciou recursos e reclamacións en diferentes institucións para evitar a perda de servizos que, advirte, afecta á calidade de vida e fomenta o despoboamento. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.