Nestes dez anos unicamente 39 concellos galegos incrementaron o seu número de habitantes
"A xente sabe que hai un problema, pero falta visión de longo prazo, falta preocupación polo futuro colectivo". Así denunciaba nunha entrevista o fotógrafo Matteo Bertolino a situación de despoboamento que sofre unha parte importante de Galicia e que tan ben recolleu no seu proxecto 'Morte Terra'. Hai uns días o INE deu a coñecer as cifras oficiais do padrón municipal cos datos de poboación de todos os concellos correspondentes ao 1 de xaneiro do ano 2020. Un bo momento para facer unha valoración sobre a evolución experimentada por cada localidade no decenio 2010-2020.
Nestes dez anos unicamente 39 concellos galegos incrementaron o seu número de habitantes. Están encabezados por Ames (+4.204), Santiago de Compostela (+3.024), Oleiros (+2.984), Arteixo (+2.483), O Porriño (+2.123), Culleredo (+1.948), Barbadás (+1.690), A Coruña (+1.557), Sada (+1.452) e Pontevedra (+1.279). A maior parte destas localidades con aumento poboacional sitúanse nas provincias occidentais, con excepcións como a xa cita Barbadás, San Cibrao das Viñas, Lugo, Allariz, Outeiro de Rei, O Pereiro de Aguiar, Foz ou Negueira de Muñiz.
Ferrol (8.078 habitantes menos), Ourense (3.030 habitantes menos) e Marín (-1.755) foron as localidades que máis poboación perderon en termos absolutos
Porén, a gran maioría de concellos galegos perdeu poboación nestes dez anos. En termos absolutos, eses 274 termos municipais con descensos non están encabezados por localidades rurais, senón por Ferrol (8.078 habitantes menos), Ourense (3.030 habitantes menos) e Marín (-1.755), con diminucións importantes igualmente para Carnota, Tordoia, Lalín, Mazaricos, Camariñas, A Fonsagrada, Cerdedo-Cotobade, Santa Comba, Outes, Vimianzo, Coristanco, Fene, Arbo, Vila de Cruces, Ortigueira, Vilalba, As Pontes de García Rodríguez, Muros, Monforte de Lemos, A Cañiza e A Estrada, todas elas por riba dos 1.000 habitantes perdidos.
As localidades da área metropolitana da Coruña (Oleiros, Arteixo, Culleredo, Sada, Cambre e Carral) gañaron máis de 10.000 habitantes
No que atinxe ás cidades, contrasta a moi diferente evolución seguida por Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra e Lugo, con subas máis ou menos significativas, coa de Ferrol e Ourense, con descensos moi importantes. Vigo tamén perdeu poboación (nomeadamente na primeira metade do decenio), pero de forma moito máis contida. Mantívose a tendencia de que os concellos das áreas metropolitanas que rodean ás cidades (Narón, Ames, Teo, Brion, Oroso, Poio, O Porriño, Mos, Gondomar, Barbadás, San Cibrao das Viñas...) gañen moita poboación, unha suba que foi especialmente grande nas localidades da área metropolitana da Coruña: Oleiros, Arteixo, Culleredo, Sada, Cambre e Carral gañaron máis de 10.000 habitantes.
Porén, a tendencia xeral é de descenso, unha caída que é xeral en practicamente todos os concellos rurais e que afecta mesmo ás cabeceiras comarcais destas áreas. As cores vermellas tinxen boa parte do interior, pero tamén no litoral, por exemplo na maior parte da Costa da Morte, con importantes perdas en todos os seus concellos, tamén na ría de Muros e Noia, na comarca do Barbanza, no Ortegal e na maior parte da Mariña (agás Foz).
Ata agora analizamos os datos en cifras absolutas (aumento ou descenso no número de habitantes). Porén, evidentemente non é o mesmo un aumento ou unha diminución de 500 habitantes para unha localidade de 30.000 que para un concello de 3.000. A análise das variacións en termos relativos á poboación de cada termo municipal ofrece unha visión máis exacta do efecto real do despoboamento en moitos lugares.
Dozón perdeu un 40% dos seus habitantes e o descenso en Arbo, Avión, San Xoán de Río e Calvos de Randín superou o 30%
Así, entre os concellos que gañan poboación, San Cibrao das Viñas, Barbadás, Ames, O Porriño e Miño son os que aumentan de forma máis importante en función do seu tamaño, con subas por riba do 10% na súa cifra de habitantes. Carral, Salceda de Caselas, Brión, Coirós ou Oroso tamén tiveron aumentos importantes, superiores ao 6%.
No outro extremo atopamos un gran número de localidades que perderon unha porcentaxe moi importante da súa poboación en tan só dez anos. Están encabezadas por Dozón, que reduciu o seu número de habitantes de 1.781 a 1.073, unha caída do 40%. O descenso en Arbo, Avión, San Xoán de Río e Calvos de Randín supera o 30% e hai un total de 71 concellos que perderon máis do 20% da súa poboación, máis de 1 de cada 5 habitantes.
Estes concellos con máis perdas concéntranse sobre todo en Ourense, pero hai tamén varios no interior da provincia de Pontevedra, precisamente nas comarcas lindeiras coa provincia ourensá, como os propios Dozón e Arbo, e tamén Covelo, Rodeiro, Agolada, A Cañiza ou Crecente. De igual xeito, un gran número de localidades lucenses acumularon perdas superiores ao 20%, especialmente nas zonas máis montañosas (A Fonsagrada, Navia de Suarna, Cervantes, As Nogais, Pedrafita, O Incio...), pero tamén en Taboada, Alfoz ou Mondoñedo.
Estes concellos con máis perdas concéntranse sobre todo en Ourense, pero hai tamén varios no interior da provincia de Pontevedra e na montaña de Lugo, na Costa da Morte ou o Ortegal
Finalmente, aínda que a provincia da Coruña é a menos afectada por estas caídas por riba do 20%, concellos como Tordoia, A Baña, Mazaricos, Dumbría, Cerdido ou Carnota tamén perderon máis de 1 de cada 5 habitantes e As Somozas ou Ortigueira achéganse a esa cifra.
O caso de Ortigueira, ao igual que o doutras cabeceiras comarcais, é significativo pola acumulación de perdas poboacionais nas últimas décadas, mesmo que comparamos os seus datos cos de hai máis dun século. En 1900 Ortigueira contaba con case 20.000 habitantes (incluía aínda o actual termo municipal de Cariño), mentres que hoxe se sitúa en 5.633.
Entre o ano 2015 e o 2020 os concellos que máis poboación gañaron en termos absolutos foron tres cidades: A Coruña (+3.734), Vigo (+2.594) e Compostela (+2.236)
No seguinte cadro poden consultarse os datos de cada concello e os cambios experimentados pola súa poboación entre 2010 e 2020 e tamén a evolución máis recente, dende o ano 2015, o que pode amosar as tendencias máis inmediatas.
Entre o ano 2015 e o 2020 os concellos que máis poboación gañaron en termos absolutos foron tres cidades: A Coruña (+3.734), Vigo (+2.594) e Compostela (+2.236), seguidas de Oleiros, Arteixo, Ames, O Porriño, Sada, Culleredo e Pontevedra. En termos relativos ao seu tamaño, Sada, Miño, San Cibrao das Viñas, Barbadás e O Porriño son as cinco localidades que gañan máis poboación nos últimos cinco anos. Neste lustro foron 49 os concellos galegos que incrementaron o seu número de habitantes.
No outro extremo, A Bola, Vilardevós, Pontedeva, Calvos de Randín e Larouco foron os concellos que máis poboación perderon, con descensos de máis do 15% en só cinco anos. En termos absolutos, Ourense
Coristanco, A Estrada, Monforte de Lemos, Marín e Ferrol foron os lugares que máis habitantes perderon no último lustro.