O lume cébase coa provincia de Ourense e, máis concretamente, co seu Macizo Central. O grande incendio forestal en Chandrexa de Queixa —o máis grande deste ano en Galicia— permanece activo e sen control tras queimar máis de 3.000 hectáreas. As lapas, avivadas polo vento e as altas temperaturas, achegáronse aos núcleos de poboación de Requeixo, Vilar e Zamorela, o que obrigou a decretar a Situación 2 de emerxencia, aínda vixente.
A proximidade das lapas a varios núcleos de poboación obrigou a decretar a Situación 2 de emerxencia en Chandrexa de Queixa ou Maceda
As zonas de "imposible acceso" provocan que o lume en Chandrexa sexa moi difícil de controlar e que "mellore e empeore" cada pouco, como destacou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que advertiu da "meteoroloxía adversa" e a alta "actividade incendiaria" das dúas últimas semanas. Todo nun contexto con zonas de 1.500 metros de altitude e unhas temperaturas extremas.
A delicada situación neste incendio fixo que a Xunta se decidise a pedir a axuda da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Chandrexa de Queixa, a onde se desprazou desde un lume en León.
O incendio de Chandrexa de Queixa supera xa as 3.000 hectáreas queimadas
A poucos quilómetros, no mesmo Macizo Central, outros tres incendios suman arredor de 700 hectáreas queimadas. O de Montederramo permanece activo e sen control, mentres que o de Vilariño de Conso está estabilizado. O de Maceda, en Castro de Escuadro, tamén, logo de que se desactivase onte a Situación 2 e un brigadista sufrise queimaduras, aínda que sen gravidade.
Este nivel de emerxencia, pola contra, tívose que activar noutro lume no mesmo concello, segundo informa o 112, pola proximidade das lapas aos núcleos de poboación de Calveliño do Monte e Santiso. Os bombeiros intentan salvar estes lugares e están pendentes aínda de se serán necesarios desaloxos. O coche dun axente forestal resultou calcinado por mor do fogo.
A Situación 2 que estaba tamén activada nun incendio declarado na tarde de onte en Vilardevós, na parroquia de Moialde, foi retirada xa nun lume que queimou unhas 40 hectáreas.
Ademais, noutras zonas da provincia, como na parroquia de Morauzos, en Verín, houbo que decretar este mesmo nivel de alerta pola proximidade do lume a algunhas casas, pero quedou desactivado logo de que fosen arrasadas 9 hectáreas nun fogo que continúa activo. En Padrenda, con algo máis de 40 hectáreas arrasadas, as lapas están xa extinguidas.
Por outra banda, na Fonsagrada, o incendio de Monteseiro permanece controlado desde o domingo pero queimou xa 150 hectáreas tras unha semana ardendo. Neste fogo colaboran nos labores de extinción medios do Estado, que tamén tiveron que se despregar nos de Chandrexa e Montederramo.
Tamén en Lugo, en Samos, un incendio queimou xa 200 hectáreas durante a noite do luns ao martes en Santalla. Ademais, o lume que afectou o parque natural das Fragas do Eume permanece estabilizado, ao igual que o que na Estrada queimou 20 hectáreas en Souto.
Os numerosos incendios dos últimos catro días queimaron preto dunhas 4.000 hectáreas en Galicia, unha cifra moi por riba xa de todas as ardidas o pasado 2024 que, con 2.644 hectáreas, foi o terceiro ano con menor superficie ardida dende que hai datos comparables, só por tras de 2014 (1.991) e 2018 (2.599).
Un home falecido en Tres Cantos (Madrid)
No que vai de verán, as hectáreas ardidas en Galicia polo lume superan xa as 5.000. As elevadas temperaturas provocan problemas co lume en toda a Península. En Tres Cantos, en Madrid, un home faleceu tras sufrir queimaduras no 98% do corpo logo de que as lapas se achegasen a zonas residenciais.
Os problemas continúan tamén en Zamora e León, especialmente na zona do Bierzo, así como en Portugal, onde máis de 1.700 axentes e brigadistas participan na extinción dos numerosos fogos que asolan o país.