Un operativo especial de vixilancia permite localizar un home de 28 anos "no momento xusto no que iniciaba un novo incendio" na parroquia de Velle, no concello de Ourense
Axentes ambientais da Consellería do Medio Rural con varios drons e axentes da Corpo Nacional de Policía cun helicóptero localizaron e detiveron este martes un home de 28 anos "no momento xusto no que iniciaba un novo incendio" no lugar de Canibelos, na parroquia de Velle, no concello de Ourense. Así o vén de divulgar a Xunta nun comunicado no que sinala que o detido este martes foi identificado como presunto autor de varios lumes no concello de Ourense, onde no que vai de ano o Goberno galego non informou de ningún incendio.

Segundo o comunicado da Xunta, axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), dependente de Medio Rural, e do Distrito Forestal XII Miño-Arnoi "veñen de identificar o presunto autor de varios lumes na zona de Canibelos", un "veciño do lugar" de 28 anos. Foi durante os traballos de investigación e vixilancia no lugar cando "onte mesmo" foi detectado o home "mentres provocaba de forma intencionada un incendio ".
Segundo a Xunta na zona houbo nos últimos días "varios lumes reiterados" dos que non informou publicamente
O dispositivo de investigación e vixilancia activouse "despois de detectar nos últimos días unha actividade incendiaria anómala na zona, con varios lumes reiterados", malia que a Xunta non informou de ningún deles. "O operativo especial de vixilancia, que contou co apoio dun helicóptero do Corpo Nacional de Policía e varios drons da UIFO, permitiu localizar e sorprender o presunto autor no momento xusto no que iniciaba un novo incendio", di a Xunta.
"Tras ser identificado polos axentes, foi detido pola Policía Nacional e trasladado ás dependencias policiais para tomarlle declaración, para posteriormente pasar a disposición xudicial", engade o Goberno galego, que lembra que creou a UIFO en 2021 como unidades especializada "na identificación e posta a disposición xudicial dos presuntos incendiarios".