A política informativa da Xunta a respecto dos incendios vén marcada dende hai 13 anos pola decisión política de non revelar todos os incendios cando suceden, adoptada tras o retorno do PP ao poder tras os tres anos e medio de mandato do Goberno da coalición PSdeG-BNG (agosto 2005 - abril 2009). Segundo indicaran daquela e nos anos seguintes, optaran por non revelar incendios forestais inferiores a 20 hectáreas se non atinxían a espazos protexidos ou áreas habitadas.
Este é o motivo polo que non existe garantía ningunha de que a Consellería do Medio Rural, a través dos seus comunicados e declaracións, informe os medios de comunicación e á cidadanía en xeral de todos os incendios que se producen. Máis aínda porque, nin sequera a posteriori, divulga unha base de datos completa e aberta ao respecto, como si fan outras comunidades autónomas. Este é o pano de fondo co que se dan situacións paradoxais como as destes días, nas que o propio Goberno sinala como intencionados algúns incendios de cuxa existencia antes non informara.
Este 2 de agosto, no marco dun encontro con concellos afectados polo recente incendio do parque natural ourensán do Invernadeiro -que arrasou unhas 7.000 hectáreas-, o propio conselleiro do Medio Rural, José González, explicou que entre as nove da noite do sábado e as 8 da mañá do domingo se rexistraran "un total de 15 incendios forestais en Galicia", xusto nas horas nas que os medios aéreos non poden actuar por alta de luz. Na noite do domingo ao luns, asegurou, foron "outros 11".
Medio Rural revela a existencia de ata 26 incendios en dous días nos que apenas informou de media decena
Trátase, polo tanto, de 26 incendios distintos, atendendo ás palabras do conselleiro, nuns días nos que o seu departamento fixo públicos apenas media decena en Castrelo de Miño, Oímbra, Arbo, A Cañiza e Ponteareas. Entre eles non están, por exemplo, os mencionados este martes polo conselleiro en Maside como posiblemente intencionados, por reixistráranse "ata tres" focos "con apenas trinta minutos de diferenza".
A información oficial (con datos de superficie ardida e medios despregados) tampouco incluíu "outros tres" que, segundo o expresado pola Consellería, houbo no Porriño, ou "catro lumes no concello lugués do Saviñao. Igualmente, Medio Rural tampouco informou con detalle da existencia de lume en Boborás, ao que si se referiu o domingo a través das redes sociais cando as lapas obrigaron a cortar as vías do tren.
A ausencia de concreción continuou este 3 de agosto, cando nun novo comunicado Medio Rural sinalou que axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) localizaron "novos indicios de intencionalidade" onde xa os atoparan o pasado 23 de xullo. Trátase, explica agora, dun "artefacto incendiario que provocou un conato" de incendio no distrito forestal XVIII, que se corresponde coa área de Vigo e do Baiño Miño.
A Xunta explica que a Unidade de Investigación de Incendios Forestais atopou "indicios de intencionalidade" en varios montes onde houbo "conatos" dos que tampouco informara
Agrega tamén Medio Rural que noutro distrito forestal, o de Santiago, foi atopada o pasado 30 de xullo unha "pastilla de acendido" mentres se desenvolvían tarefas de refresco "onde se produciu un pequeno conato". Dous días antes, mantén, no distrito de Caldas-O Salnés acharon "papeis de xornais amoreados" no espazo doutro incendio. De ningún deles ofrece detalles sobre a localidade concreta onde se produciron.
Mentres se producen estes incendios -cabe deducir que de escasa dimensión- e as conseguintes investigacións, os focos dos que Medio Rural si leva informado dende mediados de xullo suman unhas 34.000 hectáreas ardidas. Entre eles atópanse os dous maiores incendios forestais da historia de Galicia dende que hai datos comparables, aínda pendentes de medicións definitivas: os do Courel (entre 11.000 e 13.000 hectáreas) e Valdeorras (entre 10.500 e 12.000).
Como amosa o cadro sobre estas liñas, este mércores Medio Rural informa dun único incendio activo, o de Castro de Escuadro (Maceda), cunhas 150 hectáreas ardidas. O de Mourentán (Arbo) ten consideración de estabilizado e mantén a superficie provisional ardida dunhas 400 hectáreas e o de Padróns (Ponteareas) xa foi controlado tras atinxir unhas 20 hectáreas.