O 0,2% dos incendios forestais que se produciron en Galicia na última década concentraron case a metade da superficie ardida. Dos case 32.000 rexistrados no país entre 2010 e 2020, só 66 deles foron grandes incendios forestais (GIF) -aqueles que superan as 500 hectáreas- pero supuxeron o 46% da área arrasada.
Dos case 32.000 incendios rexistrados entre 2010 e 2020, só 66 foron grandes incendios forestais pero supuxeron o 46% da superficie arrasada
Xa que logo, das máis de 223.000 hectáreas queimadas nesta pasada década en Galicia, 105.000 foron arrasadas polas lapas dunha ínfima minoría de focos que, no entanto, foron devastadores e incontrolables, adiantando unha tendencia que a actual vaga non fixo máis que confirmar: menos incendios importantes pero algúns deles tan virulentos que superan a capacidade de extinción e acaban batendo récords de hectáreas ardidas, impulsados polo efecto do cambio climático, o abandono e a enorme acumulación de combustible vexetal nos montes.
Estes datos son un adianto da detallada investigación que está a realizar o proxecto comunitario Firepoctep, dentro do programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, sobre a evolución dos incendios en Galicia nos últimos anos.
Entre 2010 e 2020, houbo en Galicia 34 incendios por riba das 1.000 hectáreas; neste mes de xullo xa houbo 8
As cifras revelan como entre 2010 e 2020 rexistráronse en Galicia 34 incendios de máis de 1.000 hectáreas, mentres que no que vai de mes de xullo foron xa 8 os que superaron esa superficie ardida, aínda que varios deles acabáronse unindo.
Unha ollada aos datos e gráficos describe que o 98% dos incendios desa década quedou por baixo das 50 hectáreas e que o 94% deles non superou as 10 hectáreas ardidas. Só o 0,21% deles viraron en grandes incendios forestais.
O 98% dos incendios queda por baixo das 50 hectáreas, pero uns poucos acaban "fóra de capacidade de extinción, dominan a situación e crecen exponencialmente"
"A nosa capacidade de extinción é tremenda, moi eficaz no primeiro ataque para evitar GIF ao 99,8%, pero sempre hai circunstancias -especialmente en situación de meteoroloxía moi adversa e, sobre todo, elevada simultaneidade- que fan que uns poucos poidan escapar a ese ataque inicial", explica Juan Picos, director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra e investigador principal da Universidade de Vigo, unha das entidades membro de Firepoctep, responsable da coordinación da área piloto transfronteiriza Baixo Miño-Alto Minho.
Así, Picos explica que hai un momento no que o lume adquire o status de "incendio fóra de capacidade de extinción", dependendo da súa intensidade. É aí cando este "domina a situación e o seu crecemento en superficie é exponencial ata que se dan as circunstancias para contelo". Ocorre, no caso do ataque directo manual, cando supera os 2.000 kw/m (enerxía por metro lineal de fronte); ao sobrepasar os 5.000 kw/m para o ataque directo aéreo ou con maquinaria; e con máis de 10.000 kw/m no caso de ser abordado indirectamente.
"Nas últimas semanas, estas intensidades foron superadas por moito en moitas das frontes", advirte Juan Picos respecto dos incendios que, no caso do Courel e Valdeorras, son xa os maiores en Galicia dende que hai rexistros comparables e que converteron ao da serra lucense no meirande documentado no país.
Á espera do informe final, a conclusión que destaca Picos é que "investir en máis medios de extinción supón un moi alto custo que é moi probable que non poida mellorar a eficacia actual do dispositivo". Con todo, matiza que "a profesionalización, tecnificación e formación" dos medios actuais son "chave para enfrontarse a estes escenarios que estamos empezando a sufrir", en referencia a estes grandes incendios avivados por épocas prolongadas de seca e temperaturas elevadas que favorecen a acumulación de maleza e combustible vexetal presto para arder no monte abandonado.
"Investir en máis medios de extinción pode que non mellore a eficacia; o máis rendible é evitar que os incendios sexan tan intensos que inutilicen estes medios"
Así, Picos insiste en que "o investimento máis rendible ten que ir cara a evitar que os incendios adquiran alta intensidade, lonxitude de lapa e velocidade de propagación tal que inutilicen os medios que xa temos de extinción".
Para logralo, advirte da necesidade de "traballar o territorio de xeito preventivo" e reducir o impacto das variables claves á hora de acelerar o lume: "a cantidade de combustible/vexetación, a estrutura coa que está disposta e a súa dispoñibilidade a arder, que é especialmente alta canto máis fino e máis morto ou con menor humidade está ese combustible".
Investigación para adiantarse ao lume
Por outra banda, e ademais deste estudo, entre os proxectos de Firepoctep atópanse varios que traballan en reducir as ameazas polo risco de grandes incendios forestais que provoca o cambio climático en Galicia e Portugal.
Entre eles, unha investigación galega que busca adiantarse a estes grandes incendios, unha nova "prevención estrutural" contra o lume que tira da simulación de grandes fogos no Baixo Miño para identificar Zonas Estratéxicas de Xestión. Estas simulacións analizan o comportamento de futuros incendios, identifican os puntos de risco e os principais camiños de propagación para adiantarse ao lume.