Investigación galega para adiantarse aos grandes incendios: a nova "prevención estrutural" contra o lume

Simulación do avance dun gran incendio forestal no Baixo Miño a través do software Wildfire Analyst © Firepoctep

Galicia e Portugal, en especial as zonas máis achegadas á fronteira, enfróntanse desde hai algúns anos a un novo tipo de incendios, máis virulentos, incontrolables e perigosos. O impacto do cambio climático e as peculiares e semellantes caracteríticas climatolóxicas, de masa arbórea ou de despoboamento e abandono do rural provocan unha ameaza que xa foi real en traxedias como a de Pedrógão Grande, en xuño de 2017, ou a grave vaga de outubro do mesmo ano en territorio galego e luso

O proxecto da UE Firepoctep traballa en reducir as ameazas polo risco de grandes incendios forestais que provoca o cambio climático en Galicia e Portugal

Un informe da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal xa advertira da chegada dos denominados "incendios de sexta xeración", como o de Pedrógão Grande, e da entrada "de cheo" do noroeste peninsular e atlántico "nunha dinámina propia de zonas de grandes incendios, entre a terceira e a cuarta xeración". 

Agora, o proxecto comunitario Firepoctep, dentro do programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, traballa en reducir as ameazas e en impulsar a "imperiosa colaboración na defensa da poboación" de Galicia e do norte de Portugal "ante o aumento do risco de grandes incendios forestais", agravado polos efectos da mudanza climática. E faino con iniciativas que, desde o país, impulsan unha "prevención estrutural" que permita "adiantarse" aos grandes incendios

Persoal da UME traballando nun incendio de Monterre © UME

Investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal traballan na simulación de grandes incendios no Baixo Miño para identificar Zonas Estratéxicas de Xestión

Entre os moitos obxectivos do proxecto no que colaboran 21 entidades de ambos Estados -entre elas a Universidade de Vigo- está o de identificar as denominadas Zonas Estratéxicas de Xestión (ZEX) para "minimizar o risco e impacto dos grandes incendios a través dunha xestión integral da paisaxe fronte ao cambio climático global". 

Neste marco, investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal (EEF) levan meses traballando nunha serie de simulacións de grandes incendios na comarca do Baixo Miño, por ser unha das áreas con máis risco, e cuxos primeiros resultados foron presentados a representantes das comunidades de montes veciñais en man común da contorna a finais do pasado mes de novembro en Tomiño. 

Un traballo minucioso sobre unha área "cunha problemática especial" pero coa idea de que sexa aplicable "a calquera outro sitio", como explica Juan Picos, director da EEF, e que sirva, nun futuro para "acadar unha prevención estrutural no territorio e pensada nos grandes incendios". En definitiva, mudar a forma de enfrontarse a un lume cada vez máis perigoso, virulento e moitas veces imposible de enfrontar pola extinción. 

O obxectivo é a "prevención estrutural" : "Detectar aquelas zonas candidatas a converter un incendio en gran incendio e adiantarnos ao novo tipo de lume"

"A idea é detectar aquelas zonas candidatas a converter un incendio nun gran incendio antes de que suceda, ser quen de adiantarnos, mesmo nestes tipos de lume dos últimos anos tan distintos", resume en Praza.gal Juan Picos, que advirte de que o acontecido co furacán Ophelia en 2017 "fixo aprender a todos".

"Xa temos asumido as situacións anómalas climatolóxicas que nos podemos atopar e temos que prepararnos para o peor, mesmo facendo simulacións coma se non puidésemos contar con medios de extinción porque non sería a primeira vez que se colapsan ou que hai que atender casos máis graves noutra zona", explica. "Debemos prepararnos para o que nunca sucedeu e que esperamos que non suceda", engade contundente. 

Juan Picos, durante a explicación do proxecto de Firepoctep en Tomiño © Firepoctep

Así, identifícanse os "puntos sensibles de propagación do lume", as ZEX que son "áreas do territorio definidas e priorizadas tendo en conta o risco e perigo de incendio, os combustibles, o comportamento do lume na zona de estudio, as infraestruturas de defensa existentes, o manexo histórico de emerxencias e a vulnerabilidade dos valores naturais, rurais ou urbanos a protexer”. 

A través dun moderno software, Wildfire Analyst, estes “simuladores de predición do comportamento do lume” permiten analizar o comportamento de futuros incendios en función de diferentes variables, como a vexetación e a topografía da zona ou os factores meteorolóxicos. Van xa unhas 2.000 simulacións que permitiron detectar unha serie de zonas “que case todas as simulacións din que son sensibles” e que, polo tanto, son “candidatas” a ser definidas como “zonas estratéxicas de xestión”.

As simulacións analizan o comportamento de futuros incendios, identifican os puntos de risco e os principais camiños de propagación para adiantarse ao lume

O traballo céntrase en identificar “cales son os camiños principais de propagación dos grandes lumes”, aquelas zonas nas que “acaban converxendo” incendios “que chegan a alcanzar centos ou milleiros de hectáreas”. Tamén centrarse en “zonas sensibles” para previr posibles incendios en “condicións meteorolóxicas non tan frecuentes” que poderían actuar como causantes destes focos de grandes dimensións e intensidade. 

Os investigadores introducen datos sobre as condicións meteorolóxicas, o combustible vexetal do monte ou a topografía. A simulación permite determinar por onde, a que velocidade e con que intensidade se desprazaría o lume e poder así previr a perigosidade, os riscos e as zonas a protexer ou preparar para evitar o avance das lapas. 

Todo visible de maneira virtual sobre un mapa, con recreacións que os propios comuneiros puideron comprobar en Tomiño, con simulacións de incendios moi semellantes aos que xa sufriran e que lles sorprendían pola exactitude do seu percorrido. 

Brigadistas traballando nun incendio © Atrifoga

"Aínda estamos empezando e queda moito por traballar; é unha primeira aproximación pero a idea é adiantarnos e poder, por exemplo, cortar os camiños de propagación do lume", explica Juan Picos sobre un proxecto para o que é necesaria a colaboración das comunidades de montes, dos propietarios e das administracións. "É fundamental que todos entendan por que un propietario pode contribuír, nas súas terras, a que un incendio non afecte a un terceiro ou a que un foco non se acabe convertendo nun grande incendio", explica.

"Debemos cambiar o paradigma e facer entender á xente que entre todos nos protexemos pero que entre todos nos podemos poñer en risco tamén", explica Picos, que advirte que as administracións teñen tamén un labor fundamental. "Proxectos coma este axúdannos a determinar en que zonas hai que facer traballos de prevención, establecer cortalumes... Pode que haxa quen teña que sacrificarse para permitir a outros defenderse mellor dos incendios e é aí onde hai que establecer compensacións", engade. 

E pon outro exemplo. "Imaxinemos que un dos camiños de propagación do lume sobre o que hai que actuar é unha parcela privada e abandonada... Pois a través deste sistema temos unha argumentación para que a Administración interveña e as comunidades de montes teñen unha ferramenta para presionar aos poderes públicos para que actúen", conta. "A clave é conseguir que os recursos xurídicos e económicos estean obxectivados e argumentados", insiste. 

Traballos de extinción dun incendio en Cualedro (2020) © UME

"O salto á prevención estrutural"

En definitiva, insiste Juan Picos, o obxectivo é avanzar cara a unha "prevención estrutural no territorio", enfocada nos grandes incendios, aqueles que "consomen territorio e aos que só podes enfrontarte na mesma escala". "Consiste en dar o salto da prevención do lume tradicional dunha comunidade de montes a outra destinada aos grandes incendios e que non funciona do mesmo xeito", engade quen incide en que a clave é "establecer cal é a prevención que cadaquén debe facer para conter un gran lume que afectará a outros tamén". 

Cun orzamento de preto de 5,5 millóns de euros -financiados nun 75% con fondos Feder- 21 administracións, universidades e centros de investigación de España e Portugal participan en Firepoctep, que ten como obxectivo "unificar criterios de actuación conxunta entre dous dos países da UE máis vulnerables aos efectos destes grandes incendios".

Segundo explican os seus promotores, o proxecto "busca promover o intercambio de innovacións e boas prácticas en materia de loita contra o lume, desenvolver experiencias que contribúan a fomentar a creación de emprego no rural e ao impulso da economía verde e promover un plan de formación e sensibilización da cidadanía". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.