Galicia volveu vivir esta fin de semana pendente do lume no medio dunha vaga de calor con altas temperaturas que favoreceu a expansión dos incendios. Máis de 2.000 hectáreas arderon tan só na provincia de Ourense desde o pasado venres en varios fogos aínda activos, unha superficie que elevan considerablemente os datos achegados polo Sistema Europea de Información a través do satélite Copernicus.
En total, desde o pasado venres arderon en Galicia a metade das hectáreas que leva queimado o lume durante este ano. Máis de 2.000 das arredor de 4.000 acumuladas neste 2025.
O máis importante é o que comezou a primeira hora da tarde do venres na parroquia de Requeixo, en Chandrexa de Queixa, que xa é o incendio máis grande do ano tras arrasar xa 1.600 hectáreas e continuar sen control.Tamén arde aínda en Castro de Escuadro, en Maceda, que sofre o lume desde a noite do pasado sábado nun incendio que se iniciou entre cinco e seis puntos case simultáneos, segundo indica a Consellería do Medio Rural, o que indica a súa clara intencionalidade. Arrasou 400 hectáreas e está xa estabilizado.
Máis de 2.000 hectáreas arderon desde o venres tan só na provincia de Ourense
Neste incendio a Xunta viuse obrigada a declarar a Situación 2 durante a madrugada do domingo pola proximidade das lapas ao núcleo de Teixeira, un nivel de alerta xa desactivado. Os traballos céntranse agora en evitar que o lume afecte o Parque Natural do Invernadoiro.
A poucos quilómetros, na parroquia de Mormentelos, en Vilariño de Conso, outro lume áinda activo queimou unhas 180 hectáreas. En Padrenda, outro fogo xa controlado desde a noite do sábado queimou 40 hectáreas.
Neste luns, declarouse tamén un incendio en Verín, parroquia de Mourazos, que obrigou a solicitar a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade ao núcleo de poboación de Tamagos.
O incendio en Maceda ameaza o Parque Natural do Invernadoiro; no das Fragas do Eume arderon cinco hectáreas
O parque natural que si se viu afectado foi o das Fragas do Eume, onde arderon arredor de cinco hectáreas nun incendio estabilizado desde a tardiña de onte domingo e que se iniciou en Queixeiro, no concello de Monfero.
Na mesma provincia coruñesa, os incendios de Corme-Aldea e de Brantuas, ambos en Ponteceso, quedaron por fin extinguidos esta fin de semana logo de queimar 76,11 hectáreas e 198,17 respectivamaente, en dous fogos que causaron graves problemas nun municipio asolado polo lume durante días.

En Lugo, pola súa banda, está controlado o incendio da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas. En Pontevedra, na parroquia de Souto na Estrada, un fogo estabilizado que arde desde a mañá do domingo queimou unhas 20 hectáreas.
O incendio en Chandrexa de Queixa xa é o máis importante do ano en Galicia tras queimar 1.600 hectáreas
Ademais, un incendio na cidade da Coruña, no barrio dos Rosales, foi controlado polos bombeiros municipais logo de que afectase uns 4.500 metros cadrados. Tamén en concellos como Xinzo, A Gudiña, O Porriño ou Mondariz houbo fogos importantes dos que non informa a Xunta ao non superar as 20 hectáreas de superficie queimada.
A poucos quilómetros de Galicia, son varios os incendios que asolan as provincias de Zamora e León. Hai once incendios activos na comunidade de Castilla y León, sendo o máis importante o que afecta As Médulas, que obrigou a evacuar sete localidades e 800 persoas. En Carballeda, Zamora, outro lume provocou o desaloxo de catro poboacións. Moitos destes cidadáns puideron regresar ás súas casas, pero os danos na zona Patrimonio da Humanidade son moi importantes.
Cos numerosos incendios das últimas semanas, Galicia supera xa as 3.000 hectáreas queimadas este ano, unha cifra por riba xa de todas as ardidas o pasado 2024 que, con 2.644 hectáreas, foi o terceiro ano con menor superficie ardida dende que hai datos comparables, só por tras de 2014 (1.991) e 2018 (2.599).
Na banda contraria están catro exercicios dos anos 70 e 80 do século pasado, con máis de cen mil hectáreas anuais arrasadas. E, máis ou menos próximos a aqueles catastróficos rexistros, as 95.000 hectáreas de 2006 ou as máis de 60.000 de 2017, nestes últimos dous casos produto de vagas de lume concentradas en moi poucos días.