Son medicións provisionais e realizadas con metodoloxías diferentes. Polo tanto, ningunha delas definitiva e ningunha delas, a priori, inchada ou enfraquecida. Pero xa é posible afirmar que no maior incendio rexistrado na historia de Galicia dende que hai datos dispoñibles arderon entre 11.000 e 13.000 hectáreas nun espazo de alto valor ambiental e patrimonial, O Courel, entre os concellos de Folgoso do Courel e da Pobra do Brollón.
Poucos minutos antes do mediodía deste 28 de xullo a Consellería do Medio Rural daba oficialmente por extinguido este incendio iniciado hai exactamente dúas semanas, o 14 de xullo, en plena vaga de calor. Nel confluíron ata cinco focos distintos: tres en Folgoso (dous en Seceda e un Vilamor) e dous na Pobra (ambos na parroquia de Saa).
As medicións provisionais de Medio Rural indican que no Courel arderon unhas 11.100 hectáreas. Os datos do satélite comunitario Copernicus, recompilados polo Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais, apuntan a unhas 13.200 hectáreas queimadas. Calquera das dúas cifras manteñen este incendio como o maior rexistrado.
Extinguido tamén o de Valdeorras e o de Vilariño
O outro maior incendio desta vaga -que en conxunto rolda as 33.000 hectáreas-, o de Carballeda de Valdeorras, tamén puido ser dado por extinguido este xoves. Concretamente, minutos despois das sete da tarde, segundo Medio Rural. A medición provisional da superficie ardida mantense alí en 10.500 hectáreas e as estimacións realizadas mediante as imaxes de Copernicus elévanas por riba das 12.000.
Mentres, sen saír da provincia de Ourense, o lume queimou 7.000 hectáreas (concretamente, 6.999,36) do parque do Invernadeiro, en Vilariño de Conso, parroquia de Pradoalbar. A últimas horas deste venres, 29 de xullo, o foco quedou extinguido, segundo informou a Xunta logo de 16 días ardendo, desde o pasado 15 de xullo.
Xa que logo, e segundo os datos de Medio Rural, entre estes tres grandes incendios arderon en Galicia preto de 29.000 hectáreas nas últimas dúas semanas. No entanto, o lume non dá tregua. O parte de incendios ofrecido por Medio Rural engadiu o declarado na madrugada do venres á sábado na parroquia de Mourentán, en Arbo. Aínda activo, a proximidade ao núcleo de casas das Searas das lapas obrigou a decretar a Situación 2 de alerta. Ademais, foi solicitada a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME) por precaución. Sen control, en poucas horas a superficie queimada disparouse ás 230 hectáreas e o alcalde do municipio, Horacio Gil, advertiu dunhas condicións meteorolóxicas "moi adversas", con "moito vento e altas temperaturas".
Os incendio do Courel ardeu durante dúas semanas tras comezar o pasado día 14, igual que os de Valdeorras e Vilariño de Conso, que tamén foron dados por extinguidos tras queimar unhas 10.500 e 7.000 hectáreas respectivamente
Ademais, a primeira hora deste sábado, a Xunta informa doutro incendio activo, e xa controlado, en Oímbra que queimou máis de 25 hectáreas e o de Castrelo de Miño, estabilizado tras arrasar 200 hectáreas.
O Goberno galego segue mantendo a súa política informativa de non informar de todos os incendios e non mencionar aqueles que non superan as 20 hectáreas se non poñen en risco zonas habitadas ou espazos protexidos. Deste xeito, cabe a posibilidade de que na actual vaga haxa outros focos dos que non exista coñecemento xerla.
Neste escenario e coa mellora relativa da situación xeral, o conselleiro José González sinala que persoal do Centro de Investigación Forestal de Lourizán se desprazará a vindeira semana ao Courel e Valdeorras para analizar que zonas son máis susceptibles de sufriren escorrentías ou erosións máis graves tras o lume. Tras unha reunión con concellos afectados polos incendios, o titular de Medio Rural asegurou tamén que unha das "conclusións" que cómpre tirar desta vaga é que "máis alá do cambio climático" hai "clarisimamente, a necesidade de facer unha xestión do territorio" porque "o problema fundamental é a carga de combustible derivada do abandono do rural".