A Sociedade Galega de Historia Natural sinala os "medios impotentes" ante o lume para esixir prevención "a longo prazo" no monte

Traballos de extinción en Folgoso do Courel durante a actual vaga d eincendios CC-BY-SA UME

"Galicia ten un servizo de extinción moi considerable dende hai bastantes anos, efectivo en condicións chamémoslles normais, pero que nunca vai ser suficiente para atallar un número elevado" de incendios "simultáneos" ou "que se desbocan con condicións climáticas extremas". É un fragmento da reflexión que a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de lanzar ao fío da vaga de incendios que xa arrasou unhas 33.000 hectáreas de monte e que xa pode ser considerada histórica ao rexistrarse, no Courel e Valdeorras, os focos máis extensos dende que hai datos comparables.

A SGHN volve reclamar "solucións estruturais" e non ser "proactivos" só cando o lume chega ás casas, toda vez que o servizo de extinción "nunca vai ser suficiente" para atallar vagas de incendios como a actual

A entidade ambientalista, lembra, leva dende 1980 "dicindo que os incendios forestais son o maior problema ambiental de Galicia e salientando a necesidade dun cambio no modelo de xestión" ante un problema que "se repite ano tras ano" e, de cando en vez, con "episodios de extrema gravidade". Só neste século, evocan, así aconteceu en "2006, 2017 e agora, 2022". Pero agora, coa diferenza de que "o desencadeante foi unha inusual treboada, excepcional por extensión e número de raios", pero sen chuvia dabondo como "para apagar os lumes que orixinou".

Bombeiro forestal no incendio do parque do Invernadeiro, neste xullo de 2022 CC-BY-SA Brif Laza

"Se a isto sumamos a intensa seca que estamos a padecer, que nos nosos montes queimados e requeimados o máis frecuente é un solo esquelético con moi pouca humidade e unha vexetación escasa e reseca, non era difícil prever o que podería pasar se se producía un incendio". Neste contexto, mesmo "os incapaces de ler os sinais da natureza" terían dabondo con atenderen "ás noticias sobre os dramáticos exemplos ben próximos no tempo" en lugares lindeiros con Galicia.

Todos estes elementos, resalta a SGHN, non fan máis que "poñer de novo a crúa realidade ante os ollos de quen a queira ver". Un contexto de altas temperaturas, "vento cambiante, monte mal chamado sucio, rural abandonado e esquecido", "plantacións masivas en moitos casos sen ningún tipo de silvicultura de mantemento" e o propio cambio climático. Unhas circunstancias, ao cabo, que "agravan unha situación de seu xa ben grave" e ante a que os medios de extinción "se ven impotentes".

Trátase, en síntese, doutro "desastre ambiental e socioeconómico para todos" ante o que "non imos pedir dimisións". "Para que?", pregúntanse antes de considerar que "os máximos responsables" da xestión do monte e da loita contra o lume "teñen a obriga" de "esta vez si, dar explicacións", "asumir as responsabilidades que correspondan" e, sobre todo, "facer unha análise realista do acontecido", indo alén de "escudarse no cambio climático". 

O incendio do Courel, o maior da historia de Galicia dende que hai rexistros, foi dado por controlado tras queimar unhas 11.000 hectáreas

É o momento, consideran, de "afrontar un cambio no actual modelo de extinción, a todas luces non axeitado", mais tamén de abordar unha "reflexión que debería incluír medidas preventivas a longo prazo". "Guste ou non, incendios vai haber, por diversas causas". Pero "debemos ser máis proactivos, buscando solucións estruturais para reducir o lume en extensión e dano". Do contrario, advirten, só resta "ser reactivos cando o lume chega á porta das casas".

A SGHN lanza esta reflexión nun contexto no que o meirande incendio da actual vaga -e da historia de Galicia dende que hai rexistros comparables-, o do Courel, foi dado por controlado tras case dúas semanas a arder e cunhas 11.000 hectáreas afectadas. Xa entrara antes en fase de control o incendio de Carballeda de Valdeorras onde van perdidas unhas 10.500. Mentres, o que atinxe ao parque do Invernadeiro en Vilariño de Conso (6.500 hectáreas) seguía no mediodía deste mércores sendo considerado como "estabilizado".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.