A vaga de incendios que azoutou Galicia este mes de xullo bateu récords. O do Courel xa é o maior documentado na historia do país tras superar as 11.000 hectáreas calcinadas, segundo os datos facilitados pola Consellería do Medio Rural. O de Carballeda de Valdeorras, cunhas 600 hectáreas menos, situaríase no segundo lugar, mentres que o de Vilariño de Conso, con 7.000 ardidas, colocaríase tamén no top-5 histórico por superficie abrasada, só por baixo do de Ponteareas en 2017 e do que afectou a Cerdedo en 2006.
Os datos destes tres grandes incendios, xa extinguidos, son aínda provisionais á espera dunha medición máis precisa. De feito, e segundo os datos obtidos polo Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS, polas siglas en inglés) a través do satélite comunitario Copernicus, no Courel teríanse superado xa as 13.000 hectáreas ardidas e en Valdeorras, as 12.300.
As imaxes ofrecidas polo satélite Sentinel-2 amosan con claridade a destrución causada polos incendios e a súa magnitude
Sexa como for, o impacto do lume foi demoledor en todos os casos, mudando a paisaxe de espazos dun importante valor natural e paisaxístico. Tamén en Oímbra, onde catro incendios diferentes superan as 3.400 hectáreas queimadas neste municipio. As consecuencias de todos eles en Galicia é moi evidente sobre o terreo pero tamén ao ollalas nas imaxes fornecidas por satélite.
É o caso das que ofrece Sentinel-2, unha misión de observación terrestre desenvolvida pola Axencia Espacial Europea tamén dentro do programa Copernicus. Composto por dous satélites idénticos (o Sentinel-2A e o Sentinel-2B), leva a cabo observacións do planeta Terra para o seguimento da evolución dos bosques ou a xestión de desastres naturais.
Os do Courel e Valdeorras son os dous maiores incendios documentados en Galicia; o de Vilariño de Conso situaríase entre os cinco máis importantes
Un manto negro cobre boa parte do Courel na imaxe que o satélite ofrece da serra o 23 de xullo, a primeira clara tras o lume, sobre todo ao comparala coas do día 13, xusto unha xornada antes de que se iniciasen os incendios, ou a do día 8, algún día antes de que o tempo extremo e seco deixase xa a súa pegada tamén.
O vídeo animado que compara as tres imaxes de satélite deixa ver a desfeita dun gran incendio -agora controlado- que, en realidade, foi o resultado de se xuntaren cinco focos diferentes, dous na parroquia de Vilamor, outro na de Seceda e outros dous na de Saa, afectando principalmente aos concellos do Folgoso do Courel e da Pobra do Brollón e a unha importante zona protexida, ademais de varias vivendas e edificacións nalgunhas aldeas.
No caso do incendio de Valdeorras, extinguido tamén, afectou o Parque Natural da Serra da Enciña de Lastra e provocou importantes danos, incluídos tamén os causados en parroquias que viron como desapareceron entre as lapas grupos enteiros de casas.
Unha ollada á escala nas imaxes do satélite, na que un centímetro equivale a un quilómetro de terreo, dá conta das cicatrices dun incendio, que afectou a ambas beiras do río Sil e ambos lados da fronteira que separa Galicia do Bierzo, e que cercou O Barco.
A inmensidade da superficie afectada nestes dous grandes incendios deixa nun segundo plano outro incendio forestal inusualmente amplo, o que golpeou o parque natural do Invernadeiro en Vilariño de Conso e que foi dado por extinguido este pasado sábado logo de queimar unhas 7.000 hectáreas.
De feito, nas imaxes de satélite do 23 de xullo apréciase con claridade o fume -non nubes- que cobre a superficie arrasada polo lume. No caso dos incendios en Oímbra, as imaxes deixan ver claramente as consecuencias de varios focos e como varios deles afectaron ambos lados da raia, en Portugal e en Galicia.
A desfeita provocada polo lume nesta segunda quincena de xullo en Galicia débese a diferentes factores que provocaron unha situación sen precedentes e idónea para a propagación dos incendios. O feito de que a súa orixe fose natural, derivada da caída de milleiros de raios na noite do 14 de xullo, provocou que moitos focos se iniciasen en zonas dificilmente accesibles, o que dificultou o seu ataque temperán, un aspecto clave para poder controlar as lapas.
A orixe natural dos incendios, a inaccesibilidade a focos iniciais, as condicións climatolóxicas e a cantidade de combustible vexetal explican a magnitude da vaga
A localización dese inicio do lume, xunto ás condicións climatolóxicas, con altas temperaturas, seca e baixos niveis de humidade na vexetación, provocaron que o lume dese cunha enorme cantidade de combustible que fixo que as lapas se propagasen a unha velocidade poucas veces vista. O abandono rural e a devandita acumulación de maleza e monte descoidado incrementaron aínda máis o risco.
Como lembrou Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra en Praza.gal, a situación foi tal que mentres que entre 2010 e 2020 se rexistraron en Galicia 34 incendios de máis de 1.000 hectáreas, nos últimos días foron xa 8 os que superaron esa superficie ardida, aínda que varios deles acabáronse unindo.