"A xente sabe que hai un problema, pero falta visión de longo prazo, falta preocupación polo futuro colectivo"

Unha das imaxes que forman parte do proxecto © Matteo Bertolino

Este mesmo mércores o Instituto Galego de Estatística deu a coñecer unha serie de indicadores que revelan unha vez máis a dimensión do problema de envellecemento progresivo e imparable que sofre a sociedade galega. O IGE sinala que a poboación maior de 65 anos (hoxe o 24% do total) representará o 27,4% no ano 2024, unhas cifras que en Lugo e Ourense serán do 31% e o 33%. Unha realidade que é moito máis grave nas comarcas e concellos rurais, nomeadamente nas provincias de Lugo e Ourense, e que deriva nun despoboamento de milleiros de aldeas e de amplas zonas do territorio.

Tense escrito e debatido moito sobre este tema. Pero se cadra as palabras non foron acompañadas por unha representación visual do problema, de imaxes que conten a situación que está a vivir a maior parte da comunidade. Matteo Bertolino, italiano, leva dous anos vivindo en Galicia e ten en marcha o proxecto Morte Terra, que busca amosar con fotografías o proceso de envellecemento e despoboamento do rural, "o maior problema de Galicia", destaca. Ata o 11 de xuño pode verse en Compostela, no claustro do Colexio de Fonseca, unha selección da súa ollada. Ademais, as imaxes (tamén dispoñibles neste blog) están á venda, como unha forma de financiar o proxecto e o obxectivo de convertelo nun foto-libro. Antes, a exposición podería continuar o seu percorrido noutras cidades galegas e mesmo de fóra, grazas ao interese de centros galegos, por exemplo en Castellón ou Montevideo.

“Foi a prensa a que chamou a miña atención sobre este tema. Semana tras semana os titulares repetíanse, falando da crise demográfica, da alarma ante o envellecemento e o abandono das aldeas. Hai moita literatura académica, moitas reportaxes escritas sobre o tema. Pero non había obras visuais que amosasen o que é o despoboamento”, destaca.

Bertolino centra o seu traballo na provincia de Ourense, sobre todo na súa zona oriental. Mais destaca que este é un tema "que non só afecta a Galicia". "O problema do despoboamento do rural e do envellecemento afecta a toda Europa. E chama a atención que en paralelo se estea a dar un fenómeno de crise migratoria, con centos de miles de persoas que queren entrar no continente, fuxindo das guerras e da fame. Sempre o digo como broma: habería que repoboar Galicia con estes inmigrantes. Fai falta xente, mocidade, vida", di.

"Creo que dar exemplos visuais sobre esta situación pode colaborar no debate e enriquecelo, axudando á sociedade civil, á clase política", sinala, denunciando a "despreocupación" que en ocasións semella existir con respecto a este problema, que é básico, que é o primeiro problema de Galicia, e que ten consecuencias directas na xestión do territorio, na xestión do monte ou na prevención dos incendios forestais", subliña. 

"Nos percorridos que fago polas aldeas tenme pasado de todo" -comenta- "Moitas veces tenme pasado de baixar do coche nunha aldea e non atopar a ninguén. Nalgún sitio mesmo acabaron por botarme, porque desconfiaban de min. Noutros lugares teño conversado coa xente que aínda vive alí: son maiores e lembran o tempo en que nas aldeas vivían moitas familias". 

"A situación pode ser xa irreversible, pero pódense ralentizar e atenuar os seus efectos. Porén, este tema choca de forma brutal co curtopracismo da política. Estes problemas requiren planificación, visión e investimento a longo prazo, que van máis aló dunha lexislatura. Este tema non está presente do debate político", di e lembra que "esta situación non é casual, senón que é consecuencia de anos de aplicación dunha serie de políticas". "O malo é que aínda que a xente sabe que hai un problema, falta visión de longo prazo, falta preocupación polo futuro colectivo. Aquí cada un preocúpase do seu", engade.

 

Unha das imaxes do proxecto © Matteo Bertolino
Unha das imaxes que forman parte do proxecto © Matteo Bertolino
Unha das imaxes que forman parte do proxecto © Matteo Bertolino
Unha das imaxes que forman parte do proxecto © Matteo Bertolino
Inauguración da exposición, que se pode ver no Colexio de Fonseca da USC © Matteo Bertolino

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.