0 Gardados para despois

Lugo e Ourense, 2024: Case un terzo da poboación é maior de 65 anos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O envellecemento da poboación galega e, sobre todo, a falta de remuda xeracional para as persoas maiores, cunha esperanza de vida cada vez máis elevada, é un dos principais problemas demográficos que afronta o país sen que, cando menos de momento, haxa motivo ningún para agardar un cambio de tendencia. Os datos máis recentes indican que, ao chegar aos 65 anos, unha persoa residente en Galicia pode agardar, de media, vivir uns 25 anos máis. Isto dará lugar en poucos anos a que, especialmente nas provincias do interior, practicamente un terzo da poboación estea por riba desa idade.

O Instituto Galego de Estatística vén de facer públicos os seus indicadores de lonxevidade, que elabora a partir de datos propios e doutras institucións, como o INE ou Eurostat. Esta fonte informativa inclúe proxeccións que bosquexan a demografía da Galicia da vindeira década, un país no que, de media, a porcentaxe de poboación con 65 ou máis anos aumentará uns tres puntos, de case o 23% a algo máis do 27%. Non obstante, o que se prevé como media galega para dentro de oito anos xa está superada na actualidade en Lugo e en Ourense.

En 2015 o 28% da poboación lucense tiña 65 ou máis anos, e no caso ourensán xa superara o 30%

Sempre segundo estas proxeccións, en 2015 algo máis do 28% da poboación da provincia de Lugo tiña 65 ou máis anos e, no caso ourensán, xa se superara o 30%. As previsións estatísticas auguran que, a este ritmo, en 2024 a poboación lucense de 65 ou máis anos será xa máis do 30% do total. Daquela, en Ourense unha de cada tres persoas superarán xa esa idade.

O 51% dos fogares galegos con persoas de 65 ou máis anos están compostos por unha soa persoa

Estas proxeccións prodúcense nun contexto no que os propios datos translocen as necesidades de atención que terán estas persoas, e que irán en aumento. No ano 2015 un 30% das persoas de 65 ou máis anos en Galicia eran viúvas, cifra que se eleva ata o 43,4% entre as mulleres e que chega ao 47% entre a poboación feminina lucense. Máis da metade deste sector da poboación galega vive, asemade, en fogares cuxos membros superaron todos os 65 anos -a media está no 55,4% e en Ourense supera o 60%-. Ademais, o 51% dos fogares galegos de persoas maiores de 65 anos son unipersoais.

O avellentamento da poboación prodúcese nun contexto no que, así e todo, existen tamén datos que auguran unha incorporación das persoas maiores a eidos tradicionalmente asociados á mocidade, como a tecnoloxía. Segundo os datos recompilados polo IGE, tres de cada dez maiores de 65 anos en Galicia empregaran xa un ordenador, e unha proporción semellante entrara en internet. Ademai, practicamente o 80% empregaba xa daquela a telefonía móbil.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.